No ano 1937 pasou a realizar as prácticas correspondentes ao grao na escola no Hospital tendo que cesar da escola de San Martín, onde estaba destinada. Tampouco se libraría do procedemento de depuración como moitas outras mestras, un feito xa rutinario. Tamén estivo na escola de Siota e estando de mestra na escola de Castroverde en 1943 solicitou unha excedencia voluntaria para impartir clases de Xeografía na Normal de Ourense.
Casou en 1945 con Juan Manuel Amor Vázquez, médico internista, especializado en mediciña da infancia coa consulta na actual Progreso número 64 un home con querenza pola Terra sendo un dos socios do Seminario de Estudos Galegos. Foi funcionario do Instituto Nacional de Previsión desempeñando o cargo de Inspector Médico do Corpo Nacional do Seguro de Enfermidade ocupando o cargo de Director da Residencia Sanitaria de Ourense. Juan Manuel era fillo do erudito Emilio Amor Rolán, avogado e mestre ilustrado que formou numerosas xeracións nas Normais de Ourense, chegando a ocupar o posto de director da masculina durante os anos 1931-32 e que faleceu en maio de 1937.
O matrimonio tivo dous fillos, Juan Manuel Amor Ramos que naceu en novembro de 1946, e Emilio Amor Ramos que naceu en 1950 pero faleceu prontamente, en 1964. Juan Manuel ocuparía o cargo de Tenente de Alcalde de Ourense e foi o que propuxo que a rúa que vai dende a Alameda ata Ervedelo, rúa que por aquel entón, en 1955, era denominada Rúa Alameda, se denominase Doutor Fleming en honra do descubridor da Penicilina.
A nai de Concepción, Dona María Pérez Colemán faleceu o 4 de xuño de 1960, unha perda moi sentida por toda a cidade e foi enterrada no Cemiterio de San Francisco.
Concepción faleceu en Ourense o 10 de decembro de 2004 aos noventa e dous anos de idade.
(Elaboración propia a partir de diversas fontes)