Ruth García naceu en Ourense no ano 1976. É licenciada en Física e encamiñouse á Alemaña para realizar a súa Tese de doutoramento. Está especializada na óptica cuántica, un campo que descubriu mentres estudaba a carreira en Ourense grazas ao catedrático Humberto Michinel.
Na Universidade de Kaiserslautern tivo que formarse durante o primeiro ano para que a aceptasen e pasar moitas horas no laboratorio.
Tanto esforzo tivo a súa recompensa e ofrecéronlle unha praza no Instituto de Física de Mainz, onde imparte clases e lidera os seus propios proxectos de investigación dentro do departamento de Física Atómica e Molecular. Os seus traballos actuais céntranse na produción de fibras ópticas cun diámetro máis pequeno que a lonxitude de onda da luz para estudar a interacción entre esta e a materia.
Nos seus experimentos utilizan moléculas que colocan dentro da fibra óptica ou atrapan ao redor dela átomos arrefriados con láser até alcanzar temperaturas moi próximas ao cero absoluto.
Vid: Faro de Vigo