Etiquetas

14 diciembre 2025

BALBINA DOMÍNGUEZ BASALO

Naceu en 1926 e cando a detiveron tiña 23 anos. Naceu en A Mezquita, Viana do Bolo, e era filla de Manuel e Honorinda. As súas irmás, Joaquina e Severina, tamén foron detidas. Estaba solteira e dedicábase aos labores do campo e da casa.

Foi detida o 8 de decembro de 1949 pola Garda Civil en Vila Vella e posta á disposición do Xuíz Instrutor Militar. O motivo da detención foi estar vinculada a Antonio Manuel Domínguez, quen estaba casado con Honorinda Basalo e residía en Vila Vella e co oficio de peón. Antonio foi sentenciado polo Consello de Guerra por auxilio aos fuxidos e condenado a tres anos de prisión. 

(Fonte: Libro rexistro de filiacións de reclusos de novo ingreso dos anos 1949 a 1951. ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.2.2245. Signatura:Libro 2245 Signatura antigaLibro 10370
p. 184)

Balbina foi detida, xunto cun numeroso grupo de homes e mulleres entre os que se atopaban as súas irmás e Antonio Manuel Domínguez, membro da súa familia, por dar auxilio a Antonio López Núñez, alcumado El Objetivo, que marchara no 1946 a formar parte das partidas armadas y se puxera en contacto coas partidas de El Guillermo, el Mario Morán e o Langullo, permanecendo con eles ata 1949. Durante este tempo levou a cabo diferentes incursións e atentados como o atraco ao pobo de Raxoa; atraco a man armada no pobo de Cueto no que resultou ferido unha persoa polo "bandoleiro" Blas; atraco a un automóbil nas minas do Sil no que se fixeron con 95.000 pesetas; no pobo de Carracedo deron morte a un Garda Civil e a un falanxista, entre outros delitos. (1). Antonio López foi capturado e conducido ao cárcere en decembro de 1949 e foi condenado a 30 anos de prisión maior e conducido á Colonia Penitenciaria del Dueso en Santander.

Balbina entrou no cárcere o 8 de decembro de 1949 e puido recobrar a liberdade o 29 de marzo de 1950.

(1) Esta información aparece recollida no Expediente de Antonio Manuel Domínguez.  ES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24045/039 Signatura:Caixa 24045/039.

Elaboración propia a partir de: Expediente persoal da reclusa Balbina Domínguez BasaloES.GA.32054.AHPOU/1.3.2.9.2.2.1.1.//24045/073. Signatura:Caixa 24045/073.