Etiquetas

05 marzo 2023

"LAS MARGARITAS" DE OURENSE

Las Margaritas era a grupación feminina do Partido Carlista. O nome foi tomado da Raíña Margarita, muller de Carlos VII ao considerala virtuosa e unha asidua visitadora de Hospitais e propulsora de accións caritativas e sociais.

Dita agrupación estaba conformada por mulleres tradicionalistas e moi conservadoras  cuxo fin era  preservar as esencias da patria e os valores relixiosos. Dispuña da súa propia publicación semanal que se editaba en Madrid e traía numerosas ilustracións sobre as diversas actividades realizadas. Dita revista tivo a súa saída en maio de 1932  e contaba con diversas seccións: Religión, Acción Social, Alta Política, Modas, Arte, Literatura, Novelas, Cuentos e Noticias xerais e de provincias. O prezo da suscrición era de 3,5 pesetas por trimestre, 6,5 por semestre e 12 pesetas anual.

En Ourense tamén tivo as súa afiliación. Formouse o grupo en 1935 e a idea saíu dunha Xunta do denominado Partido Lexitimista na que se escolleu á nova Directiva que estaría composta polo Presidente  José González Sás e polo Consiliario Ramón Delage Santos. Nesta Asemblea, ademais da nova directiva e outros asuntos, acometeron o punto de crear a Sección Feminina do Partido:

"Acordó igualmente organizar la Sección Femenina "Las Margaritas", contando para ello con el apoyo de distinguidas damas y la colaboración de bellas señoritas orensanas..." (1)

Pero a constitución do grupo non se fixo efectiva nese momento, houbo que agardar a outubro de 1935 para a súa formación.

"FUNDACIÓN DE LAS MARGARITAS"

La Comunión Tradicionalista (Grupo Orense) ante los contínuos requerimientos que de antiguo venían haciéndose para la constitución en nuestra capital de una Agrupación Femenina Tradicinalista, se ha decidido de una manera efectiva a su fundación, teninendo tal iniciativa un franco y rotundo éxito.

Anteayer, día 28, a las siete y media de la noche y en los locales de dicho Centro (Plaza del Trigo, nº 3) se reunieron más de cincuenta señorias, tomando acuerdos provisionales de proyectos en los cuales encuadrarán sus actividades dentro de la disciplina y ordenanzas de la Comunión.(2)

A tal fin formouse un Comité organizador que serían encargadas do acoplamento de datos e a constitución das diferentes seccións que comporían a nova organización. Este Comité estaba integrado polas seguintes mulleres:

Rita Vázquez

Sarita Nóvoa

Maruja Lamelas

María Encarnación Alcaraz

Hermitas Varela Salgado

Carmiña Gallego

Amalita Arias

Antoñita Amor

A partir de entón, todas aquelas mulleres que desexaban formar parte da Agrupación Femenina Tradicionalista tiñan que dirixirse personalmente a falar co Comité ou ben enviar unha adhesión á Sección Margaritas.

O día 6 de novembro de 1935 tiveron a súa primeira reunión e a Secretaria do Comité, Encarnación Alcaraz, deu conta das accións realizadas e das adhesións recibidas que foron abondosas. Tamén se levou a cabo a elección da directiva sendo escollidas as seguintes mulleres:

Presidenta: Julia Arias Fernández

Secretaria: Encarnación Alcaraz del Río.

Vicesecretaria: Pepita Céspedes Diz.

Tesoureira: Catalina Álvarez.

Vogal primeira: Antoñita Amor.

Vogal segunda: Araceli Sánchez

Vogal terceira: Amalia Arias.

A afiliación en Ourense foi notable de feito, nas reunións que celebraban as máis militantes, a secretaria apelaba á necesidade de constituír seccións subalternas para encadrar as múltiples actividades das afiliadas. 

As seccións eran:

A de Prensa e Propaganda.

Declamación.

Socorro Blanco.

Función Social

Cada unha delas tiñan un funcionamento autónomo. Adoitaban  facer un chamamento ás mulleres ourensás para dar a coñecer o programa da Comunión e realidades nacionais. Outra faceta era a de organizar ciclos de conferencias, círculos de estudos, a cargo de prestixiosos oradores tradicionalistas, aparte dos fins sociais e benéficos característicos da agrupación. Tamén facían celebracións á Inmaculada Concepción que era a patroa dos requetés nas que era propio que falase a Presidenta e se dirixira un discurso exhortando ás xuventudes a traballar por España.

En Verín chegou a constituírse a agrupación en outubro de 1936 e formaban a directiva a seguintes mulleres:

Presidenta: Dolores Cid Rodríguez.

Vicepresidenta: Jesusa Obelleire Rodríguez.

Secretaria: María Mercedes García Velasco.

Vicesecretaria: Pepita Cousiño Álvarez.

Contadora: Rosita Juste Estévez.

Tesoreira: Rosita Nieves Bayos.

As accións das Margaritas ourensás eran de carácter social, filantrópico e recurrentes visitadoras dos Hospitais para dar consolo e apoio. Todos os actos eran un escaparate para a preservación dos valores patrios españois. Eran o catalizador das ideas de esquerda que para elas resultaban amenazadoras para manter o que elas consideraban o orden natural sustentado na relixión. Elas eran as que conducían a hora do rezo do Rosario todos os días ás sete da tarde no local e debían ir por obriga os recén inscritos no carlismo. 

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)

(1) "Notas tradicionalistas", Galicia, 14 de febreiro de 1933, p. 1; (2) "Fundación de las Margaritas", Galicia, 30 de outubro de 1935, p. 8; Vid: "Las Margaritas españolas", Galicia, 30 de abril de 1932; "Notas Tradicionalistas. Sección Margaritas", Galicia, 7 de novembro de 1935, p. 8; La Región, 5 de novembro de 1935, p. 5; "Notas Tradicionalistas", Galicia, 11 de decembro de 1935, p. 6; "Requeté tradicionalista local", La Región, 24 de outubro de 1936, p. 3. Para afondar máis no movemento Carlista vid: Rego Niego, Manuel, El Carlismo Orensano. 1936-1980, Deputación Provincial de Ourense, 1985.