A escoliña situábase nunha casa que daba á Praza de Padre Feijóo e dúas entradas daban acceso ao local da escola que tiña unhas boas dimensións. O salón tiña unha saída ao patio para recreo. No segundo piso da casa estaba a vivenda da mestra.
As materias que se impartían na ensinanza primaria eran Doutrina cristiá; Nocións de Historia Sagrada; Lingua Castelá; Lectura; Escritura; Aritmética; Xeografía e Historia; Nocións de Xeometría; Ciencias Físicas; Química e Naturais; Fisioloxía e Hixiene.
Na ensinanza secundaria dábanse as mesmas materias pero ampliadas e máis a Historia Universal.
Contaba con material diverso como palilleiros, pizarras, pizarríns, cadernos e plumas para a escritura e os libros correspondentes. Na aula había mapas, encerado, colección de carteis, mesa escritorio, sillóns, seis mesas con asentos corridos para os alumnos e o crucifixo.
O horario escolar era de oito a once e de dúas a seis e nos meses de inverno era de nove a doce e de dúas a cinco.
A escola funcionou durante uns anos pero logo Basilisa exerceu o maxisterio en escolas públicas. Estivo destinada como interina en Cabañas no ano 1925. Aprobou as oposicións en 1929 e xa exerceu en diversas escolas de de Ourense e de A Coruña, estivo na escola de Sergude, Carral, na escola de Pereira, Cee, en Pontedeume, en Viladonelle en Nera...En 1940 foi confirmada no seu cargo de mestra tras a revisión da comisión de depuración.
Vid. Carmen Benso Calvo e Rosa María Cid Galante, A ensinanza privada en Ourense a principios do século XX, en Sarmiento: Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación, Nº 8, 2004, págs. 43-7. El magisterio español, Número 9349, 29 de setembro de 1934 Septiembre 29; La Región, 11 de xuño de 1910.