Etiquetas

27 abril 2022

DOLORES FERREIRO TIZÓN

Naceu en Ourense o 2 de agosto de 1909 e era filla de Eladio Ferreiro, o fundador das escolas de Val Miñor e de Carmen Tizón, e a súa irmá era Carmen Ferreiro Tizón que tamén figura neste blog. Foi unha das primeiras ourensás en solicitar o divorcio cando se legalizou na II República.

Aos 15 anos realizou a proba de ingreso no Instituto de Ourense e o 28 de agosto dese mesmo ano solicitou certificado para a Normal de Ourense. Tras a súa formación, en marzo de 1927 foi a Francia para pasar unha tempada nun Instituto de ensinanza.

O 30 de maio de 1932 contraeu matrimonio con Josef Geiger Böhm, que era profesor e industrial en Vigo, na capela do Pazo de Eiras encravado no concello de San Amaro. Apadrinou o enlace dona Carmen Aguiar, viúva de Tizón, a avoa de Dolores, e o irmá da contraínte, Avelino Ferreiro. Ao evento asistiron os Gutián, os Fábrega, o cónsul de Alemaña R. Kindling e señora, Don Otto Shweiger entre outros invitados. 

O matrimonio residiu en Vigo pero tras un ano de casados, en 1933, Dolores solicitou o divorcio no Xulgado de Vigo:

(Fonte: El Correo Gallego, 6 de xuño de 1933, p. 11)

Nada se pode cuestionar sobre a valentía de Dolores de tomar a iniciativa de separarse do seu home. os compromisos que supuña creaba unha engrenaxe difícil de desfacer, de tal xeito que o divorcio non era recorrente por ser a muller educada para estar subordinada ao home. É obvio que o divorcio neste tipo de sociedade non se tolerara nin se regulamentara. A primeira polémica da separación en España xorde no 1904 da man de Carmen de Burgos pero non se fará efectiva ata a II República cando se lexisla a Lei do divorcio. A partir de entón, no ano 1932 en Ourense houbo 75 demandas de divorcio, o que supuña un índice de 9,5 divorcios por cada 100 matrimonios, ocupando o posto vixésimo terceiro de toda España.

O tema, que comezaba a ser debatido a comezos de século XX, arrastrou tras si unha forte polémica en Europa da que é testemuña a prensa ourensá. Producíronse entre varios sectores femininos europeos de carácter relixioso un intercambio de opinións. Por exemplo, a Acción Católica da Muller recibiu unha carta da secretaría xeral da Unión Católica feminina de Italia pedindo unha oración para que non se chegase a aprobar a lei do divorcio en Italia que naqueles momentos se estaba a debater nas cámaras. O Papa tamén condenou esta lei argumentando que o socialismo reinante no momento facía aniquilar a fe conxugal. Tamén dentro do noso país hai duras críticas ao respecto pois producía un aniquilamento da orden social establecida dende había tempo.

Estamos pois ante unha muller que demostrou ter ideas tradicionais e conservadoras pero acolleuse á liberdade de decidir sobre a súa vida.

Tras o divorcio Dolores veu residir a Ourense e comezou a contribuír con donativos para axuda e sostenemento da Acción Cidadá e tamén ao Batallón de Ourense que organizou o pobo de Larouco en setembro de 1936. O batallón estaba conformado por voluntarios que loitaban contra a República e eran fieis aos golpistas, dicían que "luchará contra los infieles y traidores...aquellos contra los que han pretendido exclavizar a nuestra España; esas hordas marxistas que al servicio de Rusia han robado, han saqueado y han destrozado  en su furor vandalismo  nuestros mejores monumentos..."(5). Dito batallón terá protagonismo na batalla de Asturias capitaneados polo capitán Eloy Álvarez Martín, polo que o Xeneral Aranda enviou ao Gobernador militar, Luís Soto, a súa felicitación.

(Elaboración propia)

(1) PERROT, Michelle, “Dramas y conflictos familiares”, Historia de la vida privada: De la Revolución Francesa... Op.cit., pp. 288-291; (2)ALBERDI, Inés, Historia y sociología del divorcio en España, Centro de Investigaciones Sociológicas, Madrid, 1979, pp. 85, 97-98;.(3) “Contra el divorcio”,  La Región, 28-9-20, p. 1;(4) “Voz del Papa: Divorcio”, La Región, 5-8-1920, p. 1; (5)"El acto de entrega de la bandera al Batallón de Caballeros de Santiago. Discurso del Presidente del Club", El Pueblo Gallego, 12 de outubro de 1936, p. 8. 

Vid: Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita; Carmen Benso Calvo e Rosa María Cid Galante, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930); Historia de la educación: Revista interuniversitariaISSN 2386-3846, ISSN-e 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470.