Etiquetas

14 febrero 2021

PILAR GATO VIVERO

Non podiamos deixar de incluír no noso blog a esta muller de longa traxectoria e militancia activa polas causas de xustiza e equidade. Pilar non naceu en Ourense pero reside na nosa cidade dende a súa xuventude e foi aquí onde desenvolveu a súa militancia, a súa vida profesional, pero, sobre todo, foi aquí onde teceu as súas grandes amizades que comparten con ela as inquedanzas e as vivencias nun percorrido de hai xa moitos anos. Non cabe dúbida que veñen a ser os seus grandes compañeiros/as de vida.

Naceu en 1954 en Cabreiros, concello de Xermade na provincia de Lugo. Sendo moi nena, a iso dos catro anos, a familia emigrou para a Coruña onde estudaría Maxisterio, unha das poucas carreiras que se podían estudar ao comezo dos anos 70 nesa cidade. No verán do 74, nada máis rematar o curso de prácticas e acadado o título, marcha a Londres coas ganas no corazón de cambiar o mundo e vivir aires novos de liberdade, o que non deixa de ser un acto valentía dada a súa xuventude. Alí entra en contacto cos exiliados e xentes de esquerda que se opuñan á ditadura, sendo este o xérmolo da súa posterior militancia. Pasado un tempo regresa a Ourense e inmediatamente atopa traballo polo que non volverá á Coruña ata que a súa nai a precisa nos seus derradeiros anos.

O primeiro traballo foi no Colexio Familiar Rural de Celanova, centro moi peculiar no que compartiu docencia con outros compañeiros cheos/as de ilusións e ansias de xustiza social, facendo grandes amizades que perduran no tempo e comezando a súa militancia no daquela MCG e posterior Inzar do que formaría parte ata a súa disolución no 2012. O seu labor profesional continuou pasando por Bemposta, dando clases particulares, aprendendo a facer instrumentos populares…. No 1986 aproba a oposición de Maxisterio e dá clases de inglés en varios colexios da provincia, xubilándose no 2018 estando de profesora no IES Chamoso Lamas do Carballiño.

O seu carácter reivindicativo levouna a compaxinar o seu labor profesional coa militancia en diversos movementos sociais e/ou políticos. A loita antifascista dos primeiros anos, continuou coa loita sindical no SGTE, sendo representante en Madrid (USTE) durante varios cursos. Participou tamén do movemento antimilitarista e na campaña do referendo de non a OTAN e en canta mobilización se dá na cidade. Aínda hoxe en día é unha das habituais nas concentracións reivindicativas que por diversos motivos son convocadas diante do “Goberno Civil”.

Asemade, comprometida permanentemente coa causa das mulleres, centrou o seu labor no feminismo, sendo unha das caras visibles da AGM (Asociación Galega da Muller), organización da que forma parte dende o seu inicio. As loitas polo divorcio e máis sinaladamente a favor do dereito ao aborto, unido a grandes reflexións internas sobre o que significa ser muller e feminista, son os seus sinais de identidade. Tamén forman parte da súa cotidianeidade, as reivindicacións de lesbianas, gais e transexuais.

No anos 90 o BNG dá grandes pasos na unidade do nacionalismo no que Inzar entra a formar parte no 1993.  Así na súa militancia, que ate ese momento fora sobre todo a través movementos sociais, pasa a ter un gran peso a política institucional. No 1999 e no 2003 foi electa concelleira polo BNG no concello de Ourense. Durante este tempo as súas responsabilidades foron no ámbito das políticas sociais e do feminismo que tamén axudou a desenvolver dentro da propia organización. Participou na fundación e primeiros anos da MMM (Marcha Mundial das Mulleres) até que no 2011 trasladou a súa residencia á Coruña durante catro cursos para coidar a súa nai dependente.

Xubilada e retirada da actividade política e social en primeira liña, pero sen perder as súas ansias de mellorar o mundo, desempeñou labores de voluntariado na Cruz Vermella e esta colaboración fíxolle ver que: “a pandemia puxo en evidencia o mal solucionada que está a atención aos maiores” motivo polo que está a botar unha man na defensa duns servizos sociais públicos e de calidade  e unas pensións xustas. Pero como muller inqueda que é non perde a ocasión de seguir formándose e por iso acode como alumna á Universidade de Vigo en Ourense.

Sen dúbida, non podía faltar no noso blog a traxectoria de Pilar Gato Vivero, xa que representa as ansias de querer facer un mundo mellor e máis xusto.

(Biografia realizada segundo testemuño da protagonista)