Etiquetas

17 enero 2021

EMMA RÍOS MANEIRO


Co noso máis sincero respecto aos Vilagarcianos hoxe fago mención dunha muller enormemente recoñecida como é Emma Ríos Maneiro. Seguro que aos nosos veciños non lles vai resultar extrano nin lles vai parecer mal que incluamos entre as Nosas Mulleres Ourensás a esta magnífica debuxante de cómic. En efecto, naceu en 1976 en Vilagarcía de Arousa pero a razón principal de que estea entre nós é porque residiu dende nova na nosa cidade e foi aquí onde comezou a ler tebeos como La patrulla X de Chris Claremont, Nuevos Mutantes de Sienkiewicz e sobre todo Akira de Katsuhiro Otomo que foi o que decantou a súa vocación de debuxante de cómics. Así pois, a cidade de Ourense foi onde descubriu a súa paixón polo mundo do cómic.

Estudou Arquitectura na Universidade de A Coruña e compaxinou os seus estudos cos primeiros traballos en Banda Deseñada.

Dende 1998 ten unha traxectoria pública como debuxante de banda deseñada; participou inicialmente en Fanzines, unha publicación afeccionada, xeralmente realizada de forma colectiva sobre un tema especializado, en Ourense e na Coruña, como El bolchevique vespertino, Esto es la guerra, Mensajes en una botella o Comikaze. Tamén nesa primeira época colaborou con revistas e axencias de publicidade como ilustradora, e mais en publicacións colectivas de banda deseñada.

Sen deixar o seu traballo como arquitecta, Emma Ríos participou en diversas exposicións colectivas no salón de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, e pasou a formar parte do colectivo de debuxantes Polaqia.

A través de Polaqia continuou a súa serie A prueba de balas (2003), na que Pablo Pérez colaborou cos guións.

En 2005 fixo ilustracións para unha campaña de publicidade de Ron Cacique. Nese mesmo ano foi invitada ao salón de Andenne e en 2006 ao de Angulema, polo stand do fanzine "L'inédit".

Despois de varias historias curtas para publicacións de difusión estatal como Dos veces breve (2006) e Los Reyes Elfos: Historia de Faerie 2, foi galardoada co premio ao Autor Revelación en Expocómic 2008. Ese mesmo ano, colaborou no proxecto de restauración do viaduto de San Pedro de Mezonzo (A Coruña), pintando a María Pita nunha das súas columnas. Tamén tivo a bolsa Lingua Cómica da Fundación Asef, que lle permitiu rematar unha banda deseñada no Xapón.

Recibiu unha oferta de Matt Gagnon, editor de Boom! Studios para realizar unha miniserie de 4 números. Deixou entón o estudio de arquitectura no que traballaba para centrarse na banda deseñada e produciu Hedex (2008) con Michael Alan Nelson no guión e Cris Peter na cor. Daquela xa era unha das estrelas do salón de banda deseñada Viñetas desde el Atlántico.

Nas Jornadas Internacionales del Cómic Villa de Avilés coñeceu a CB Cebulski, quen a puxo en contacto co editor de Marvel Comics e con quen realizou un fill-in para Runaways primeiro e despois unha miniserie do Doctor Extraño, escrita por Mark Waid.

Realizou unha adaptación do Amadís de Gaula para SM, con guión de Ricardo Gómez.

Vid: Emma Ríos