Mercedes Mouriño Fernández naceu en Ourense o 4 de outubro de 1892 e tiña a titulación de Matrona que supuña dous anos de estudos revalidados no exercicio teórico-práctico ante un tribunal.
Para facer os estudos de matrona había que ter máis de vinte anos e realizar a validación de ingreso nunha Normal. Pois ben, Mercedes realizou a proba de ingreso o 28 de setembro de 1923 que unha vez validada dáballe entrada aos estudos. Como por aquel entón non estaba casada non tiña que levar ningunha autorización do home.
Era profesora de partos con exercicio e práctica na clínica do doutor Don José Carlos Herrera, profesor na Facultade de Mediciña en Santiago de Compostela. Foi, polo tanto, alumna do Gran Hospital Real de Santiago e unha das pioneiras na mediciña da muller e tiña a súa consulta na Avenida de Bos Aires, nº 41 pero en 1929 traslada a súa consulta ao número 125 da mesma rúa, fronte ao Cuartel da Garda Civil. Ofrecía servizos profesionais con habitación e servizo completo para as mulleres que nas súas casas non podían ser asistidas cos coidados que o parto requiría. Anunciábase diariamente na prensa local tanto en La Región como La Zarpa.
Os estudos de matrona comprendía dous anos e logo de aprobalos as alumnas tiñan que superar a proba xeral teórico-práctica diante dun tribunal.
Era unha profesión de gran demanda xa que por aquel entón non había médicos que tivesen a especialidade de xinecoloxía. Sería o doutor Peña Rey o primeiro en crear unha clínica en Ourense de obstetricia.
En febreiro de 1946 Mercedes casou con José Núñez Lago traballador de Renfe e o matrimonio residiu na Avenida de Bos Aires, número 125 fronte ao Cuartel da Garda Civil.
Mercedes exercía a beneficiencia municipal asistindo ás mulleres necesitadas do Ourense de 1924 que ingresaban na Casa de Socorro. Deste xeito supuña un importante apoio para moitas ourensás que atoparon nestas profesionais unha axuda para traer ao mundo aos seus bens máis queridos, os seus fillos. Xunto a ela tamén exercían a profesión: Aurea Soto, Sara Estévez, Martina Alejandra, Elvira Fernández...
Segundo estudos do doutor-investigador David Simón, Mercedes Mouriño foi represaliada xunto con Ofelia Soto e unha importante nómina de facultativos médicos e sanitarios. Non era raro ter no punto de mira ás matronas pois exercían un labor de compromiso social coas mulleres.
(Elaboración propia a partir de fontes diversas.Vid: La Zarpa ,26 xuño 1924; La Zarpa ,5 xaneiro 1929; Alberto Gomis y Dolores Ruiz-Berdún, ambos profesores de Historia de la ciencia en la Universidad de Alcalá, titulado Compromiso social y género: La historia de las matronas en España en la Segunda República, la Guerra Civil y la autarquía (1931-1955 )