O mosteiro de San Salvador de Sobrado de Trives aparece ben documentado como centro dirixido exclusivamente por mulleres a partir de 1175. Dende aquela e até comezos do século XVI, sucedéronse no cargo diversas abadesas –a maioría elixidas entre as relixiosas do propio cenobio e algunhas tras desempeñar o cargo de prioresas– que levaron a cabo un conxunto de actuacións que lle permitiron á comunidade afianzarse sobre a súa contorna, trazando unha ampla e complexa rede de relacións socioeconómicas e de poder.
Máis alá da vida no claustro e das prácticas relixiosas ás que as obrigaba a elección ou a imposición por parte das súas familias do ingreso no mosteiro, as abadesas tiveron unha ampla proxección pública ao converterse nas reitoras do conxunto de monxas –entre 18 e 6 segundo as épocas– que residían nas dependencias monásticas. Consecuentemente, eran as encargadas de velar polo benestar espiritual e material daquelas. Iso esixíalles, en primeiro lugar, actuar conforme á súa condición relixiosa para servir de modelo de perfección ao conxunto da comunidade e dos fieis. De feito, parece que as abadesas de Trives mantiveron unha disciplina rigorosa, non recibindo acusacións de libertinaxe similares ás dirixidas, no contexto da reforma dos mosteiros femininos galegos de finais da Idade Media, contra dona Constanza Vázquez de Somoza, abadesa de San Xillao de Lobios, da que se dicía que era manceba pública de clérigos e leigos, que tiña fillos e que consentía comportamentos similares ás monxas do mosteiro.
Ademais de ser un referente espiritual –o que derivou na concesión de diversas doazóns e mandas testamentarias de particulares a favor do mosteiro–, as abadesas de Trives convertéronse en señoras de terras e vasalos, en definitiva, en auténticas señoras feudais. Gran parte da documentación conservada sobre elas é de carácter económico e responde á realización de aforamentos, compravendas ou permutas, é dicir, actos xurídicos que revelan o interese e capacidade de actuación destas mulleres en prol da obtención dunha serie de propiedades coas que conformar e asentar o dominio monástico, así como a vontade de procurar as rendas necesarias para o sustento material da comunidade. Especial dinamismo mostra nese sentido o século XIII, cando os foros, que constitúen a metade da documentación conservada para ese período, permiten ver a cesión do dominio útil das propiedades monásticas a diversos particulares –fosen homes, mulleres ou parellas– a cambio dunha serie de rendas –segundo o momento e os casos podían ser en especie ou en diñeiro– que se vían acompañadas moitas veces polo recoñecemento do vínculo de vasalaxe e a obriga de coidar ou incluso reparar os bens aforados. Habitualmente eran contratos de longa duración, por varias voces ou amigos, que afectaban a viñas, montes e sobre todo a casais, que podían aforarse completos ou só partes deles debido á reiterada fragmentación que experimentaba a propiedade ante as divisións hereditarias. As abadesas, e noutros casos as prioresas ou outras monxas, podían actuar per se ou a través de procuradores ou procuradoras e as súas xestións, tanto no relativo ás propiedades persoais como ás comunitarias, parece que non foron desacertadas. De feito, mentres a crise baixomedieval se viu incrementada en moitos mosteiros femininos polos abusos dos encomendeiros e as malas actuacións das súas superioras, as abadesas de Sobrado do século XV, ademais de lonxevas, souberon loitar contra as dificultades a través de diferentes medidas que lles permitiron manter unha economía monástica suficientemente saneada.
A procedencia aristocrática dalgunhas abadesas de Trives contribúe a explicar en parte a súa capacidade de influencia sobre os diferentes axentes sociais cos que o mosteiro estableceu relacións. Precisamente, diversas abadesas actuaron acompañadas polos seus familiares en actos xurídicos relacionados co mosteiro, sobre todo nos primeiros tempos e até ben avanzado o século XIII. Foi o caso de María Sánchez, quen en 1189 declaraba actuar nun foro cum omnibus parentibus meis; o de dona Teresa Fernández, emparentada con don Rodrigo Fernández, tenente de Trives e Caldelas, que en 1233 actuou cum toto convento et cum clericis et cum militibus; ou tamén o de dona Marina Rodríguez, quen outorgou un foro en 1264 en sembra con meu sobrino Fernan Martinez, cavaleyro. Outra abadesa de procedencia aristocrática foi dona María Vázquez, filla de Xoán Afonso de Sanabria e de dona Beatriz de Sober. Antes de ser abadesa de Trives fora freira no mosteiro lucense de Santa María a Nova, ao que doou en 1389 os bens que tiña na terra de Lemos por herdanza da súa nai e dos seus irmáns. Grazas á súa xestión e ás doazóns de diversos membros da nobreza, pasou ao mosteiro de Sobrado o couto de Paredes, o que amosa a importancia das relacións establecidas entre a aristocracia e os mosteiros rexidos por mulleres. Esta mesma abadesa aforoulle a Álvaro Fernández, clérigo, sobriño seu e criado do mosteiro, diversos bens, ao igual que a súa predecesora lle doara, en 1382, un conxunto de propiedades á súa sobriña Inés López, filla de Lopo Rodríguez de Lor.
O mantemento das relacións familiares ao longo da vida das relixiosas constátase de forma especial nos testamentos conservados, caso do da abadesa dona Urraca Pérez, quen, en 1280, pediu a Gonçalvo Yanes de Rovreda, meu parente et meu amigo, que amparase e defendese o mosteiro. Esta mesma abadesa legoulle á súa compañeira touquinegra María Iohanis a súa colcha cardea (…), mias contas e a mi maiastade que trouxera de San Xoán da Cova, o que confirma non só a mobilidade das relixiosas dunha institución a outra, senón tamén a creación de fortes lazos de amizade entre as freiras. Ademais, dona Urraca tamén deixou uns bens para Maria Perez, mia hermaa touquinegra de San Fiz. Daquela, comprobamos que o ingreso en relixión supuña a reordenación das relacións sociais das mulleres chamadas a converterse nun futuro en abadesas, mais, dende logo, non implicaba de ningún xeito o seu illamento do mundo.
De todos os modos, as relacións sociais das abadesas non se limitaron nin aos seus familiares nin ao conxunto de relixiosas da comunidade. Na documentación de Sobrado de Trives é habitual a asociación das monxas cun amplo número de clérigos que, ben actuando en nome do mosteiro ou ben confirmando os documentos das freiras, tiveron un papel esencial na proxección exterior do poder das abadesas. Noutros casos os documentos aparecen outorgados por estas non só co acordo do resto das relixiosas senón tamén de omnis clericis meis, o que revela un papel esencial destes homes na vida monástica. Supeditados ás abadesas, os clérigos responsabilizáronse da cura de almas das igrexas pertencentes ao mosteiro, ademais de actuar ás veces como notarios ou procuradores, contribuíndo á xestión do patrimonio monástico. Ao mesmo tempo, semella que algunhas abadesas tiveron capeláns e mordomos propios, do mesmo xeito que baixo a súa dependencia traballaban diversos servidores do mosteiro, tanto homes coma mulleres. Eran os mançebos e mançebas, os omes da abadesa ou os encargados de traballos especializados.
A proxección social das abadesas de Sobrado sobre a contorna viuse fortalecida de forma especial grazas á concesión do couto xurisdicional en 1228 por parte do rei Afonso IX, confirmado posteriormente por Sancho IV e Xoán I. O favor rexio permitiulles obter o poder político sobre un espazo perfectamente delimitado, no que pasaron a exercer competencias señoriais. Nese labor e no desexo de facer valer os seus dereitos, destacou a abadesa dona Sancha Rodríguez, ao non dubidar en preitear ante a xustiza e ante o rei contra os veciños de Pareisás e tamén contra o concello da Pobra de Trives, cando trataron de cuestionar os seus dereitos e privilexios, ademais de invadir o couto monástico a finais do século XIII. Así mesmo, nos tempos desta abadesa realizouse unha expresiva carta de vasalaxe, concretamente en 1287, pola que omes e mulleres, todos foreiros de Sobrado, prometemos e outorgamos de ser boos vasalos e leaes e obidientes ao moesteyro(…) e abadessa a cambio de recibir o amparo e a defensa de dona Sancha e do resto das relixiosas.
O conxunto de relacións económicas, sociais, relixiosas e políticas que trazaron as abadesas de Trives explica o funcionamento do mosteiro ao longo da Idade Media e tamén un dos últimos episodios vividos no cenobio antes de perder a súa independencia. No contexto da reforma monástica promovida polos Reis Católicos, houbo unha ampla oposición das relixiosas a aceptar a orde de que todas as monxas bieitas de Galicia se reunisen no mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares. Entre elas destacou a abadesa de Sobrado de Trives, quen se encastelou no mosteiro en 1499, impedindo a visita do reformador frei Rodrigo de Valencia a causa de mucha gente armada que en dicho monasterio estaba a favor de la abadesa. Dona Inés García de Lousada, documentada como abadesa até 1504 aproximadamente, era apoiada polos seus. Sen dúbida, as relacións tecidas ao longo dos séculos polas súas predecesoras son as que permiten comprender o ascendente que tiñan as abadesas de Trives sobre as xentes da contorna, así como o apoio recibido na súa resistencia á reforma. Nese sentido, dona Inés de Quiroga, a última abadesa de Sobrado, continuou coa rebeldía da súa homónima e decidiu preitear ante Roma, conseguiu manterse á cabeza do mosteiro até que, en 1528, chegou a un acordo polo que renunciou ao seu cargo a cambio de quedar en Trives en descargo de su conciencia cunha renda vitalicia de 15 000 marabedís anuais, como se establecera nun acordo inicial en 1514.
En síntese, as abadesas do mosteiro feminino de San Salvador de Sobrado de Trives, entre as que atopamos a María Sánchez, María Martínez, Teresa Fernández, Marina Rodríguez, Urraca Pérez, Sancha Rodríguez, Maior Arias, Maior Pérez, Elvira Fernández, Aldonza Pérez, Constanza Pérez, María Vázquez de Sanabria, María Sánchez, Inés García de Lousada e Inés de Quiroga, foron mulleres que exerceron o poder público, económico, social e espiritual ao longo da Idade Media. Grazas ás amplas redes que foron tecendo ao seu redor dende o punto de vista individual e institucional, lograron unha ampla proxección sobre as xentes e os espazos da contorna, o que lles permitiu afianzar progresivamente o seu poder, autoridade e influencia sobre a sociedade medieval.
Autor/a da biobibliografía: Miguel García-Fernández
Vid: Cultura galega