( Fonte: El Emigrado, 7 de marzo de 1933. Galiciana) |
Nieves Fariza Alonso naceu en Cambados o 17 de xaneiro de 1911 pero podemos considerala ourensá pois foi na nosa provincia onde exerceu a súa profesión de mestra, concretamente en Celanova, foi aquí onde casou e onde polo seu activismo gañouse o alcume de “pasionaria blanca”.
O pai de Nieves era Garda Civil e ela tivo cinco irmáns dos cales dous eran franquistas, un emigrou a Bos Aires e a súa irmá estudou maxisterio coma ela. Malia o ambiente familiar, Nieves era Republicana, pois como di o seu fillo: “ella y su hermana habían estudiado maestras durante la República y las habían formado así”[1]. Cando era nena xa demostraba ser moi precoz na escola e moi pronto decide ser mestra.
Obtén o título de bacharelato no Instituto de Santiago no ano 1929, logo estuda maxisterio e no ano 1933 dirixe a Academia Escuela Moderna onde preparaba para o bacharelato, o maxisterio, escola primaria e Nocturna. Como muller comprometida cos necesitados tamén abriu en 1934 unha escola privada mixta no local do Sindicato de Guimarey a onde acudirían todos os nenos que non puideran ir á escola mixta nacional[2].
Exerceu como mestra, na escola de Xaceváns en Celanova, e xa era unha muller comprometida e de principios sólidos pois negouse a impartir clases de relixión o que a situaba nunha situación de perigo ante o réxime franquista e levouna a enfrontarse co párroco a quen se atreve a dicir: “A relixión apréndallela vostede, señor cura”[3] Era unha muller dunha fortaleza e entereza enorne, capaz de retar aos opresores. Un camión cargado de falanxistas vai en busca dela a Celanova, pretenden matala, pero Nieves engánaos xa que ningún a recoñece e collendo ao seu fillo dálles o alto e dilles que a leven a Ourense que ten ao neno enfermo de difteria. O xefe do grupo accede a levala. Cando chega a Ourense colle un taxi e vai para a Estrada á casa da nai e alí permanecerá agochada en diferentes faiados das casas durante un ano.
O seu activismo continuou tras a morte por silicose do seu marido que era carrilano. Comezara a traballar como encargado con cen persoas ao seu cargo no ferrocarril no Cañizo, a Gudiña e tras cinco anos enferma do “mal da vía”. Nieves decátase que non estaba asegurado e nese momento, non dubida en enfrontarse aos empresarios de MZOV para esixirlles o pago das pesións ás viúvas dos carrilanos que non tiñan seguridade social. Isto xurárao sobre a tumba do seu home. Mais isto non lle saíu de balde, os empresarios accederan ao pago das viúvas pero tamén a ameazaron: “Pagarémoslles a estas, pero mañá vostede vai estar entre reixas”[4]. De inmediato, denunciárona por exercer de “avogada” e vai ser detida. A súa filla vai na procura dun avogado pero todos néganse á defender a Nieves ata que Luís Pérez Colemán acepta defendela e consegue que saia do cárcere.
Isto faría que entre Nieves e Luís xurdise unha camaradería xa que entre os dous abren un consultorio social en Ourense despois de que Nieves estudase Graduado Social, graduándose en 1953. Dito consultorio levaba o nome de Adelante, unha denominación suxerente de ánimo, de valentía, de entusiasmo. A figura de Nieves é cada vez máis populosa, Nieves localiza os casos de abusos laborais e Colemán lévaos aos tribunais.
Ao ser admitido como enfermidade profesional o “mal da vía” as forzas de xustiza lévana a solicitar que se lle faga a autopsia a todos os que morreran polas obras do ferrocarril para confirmar que a causa principal fora a silicose. A nosa insigne muller recibe un novo cualificativo: “desenterramortos”.
A inxustiza non ía con ela, o que Nieves consideraba atropelo ou ilegalidade laboral contra os traballadores do ferrocarril facía que actuase con afouteza e valentía como cando defendeu aos operarios do ferrocarril ata conseguir que tivesen unhas melloras salariais e que se lles aboase o desprazamento aos seus postos de traballo[5]. Nieves encabezou una concentración de trescentos carrilanos en Verín pois ía acudir á vila o Ministro de Traballo, Girón de Velasco. A Garda Civil dispersa a todos e meten a Nieves nun coche camiño de Zamora e cando remata a visita do ministro de novo a trasladan a Verín. Nieves quere informar ao Ministro de Traballo dos atropelos laborais e envíalle unha carta solicitando que se cumpra a lexislación. Tal foi a forma de expresalo que o propio ministro recoñece o seu respecto por esta muller. Desta tremenda loita derivou unha certa melloría nas condicións dos traballadores. A nosa eximia muller é denominada “a dos quilómetros”.
A enerxía de Nieves traspasou a outros sectores de traballo, protestando por outras miserias laborais que se producían nas minas astur-leonesas. Sabía que as condicións dos traballadores eran deplorables, para eles será “la pasionaria blanca”. Ademais, axudou ás mulleres ourensás en xeral no consultorio social “Adelante” xa que alí ían para pedir asesoramento e axuda, sendo un precursor dos centros de información de Mulleres (CIM).
A admiración que se pode profesar por Nieves é moi grande xa que, sendo muller, foi tremendamente respectada nun mundo de homes. En plena posguerra rachou de xeito totalmente revolucionario co estereotipo de muller da época despuntando a súa rebeldía contra a inxustiza
A Concellería de Igualdade de Ourense rendeulle unha merecida homenaxe o día 15 de marzo de 2008 no extremo sur do túnel 95 da estación de San Francisco, remate da rúa dos carrileiros, onde non faltou o seu fillo, José Emilio Martínez Fariza, os seus netos e bisnetos. Acudiron tamén os familiares e traballadores do ferrocarril e, como era de ser, a Asociación Foula cuxo membro Francisco Boluda consideraba moi necesario e pertinente facer un recoñecemento ao traballo de Nieves Fariza, xa que grazas a ela os traballadores do ferrocarril tiveron unha vida máis digna[6].
Efectivamente, segundo as palabras de Elena de Jesús Rodríguez: “había que saldar a débeda contraída con ela, coa súa familia e con todas aquelas persoas que se viron inxustamente privadas da herdanza do seu legado”[7]. O compromiso de Nieves era moi grande. Nos anos sesenta viaxou á URSS e alí viu como vivían os obreiros e de alí veu moi desmoralizada[8]. Incluso pódese dicir que animou aos seus fillos a escoller uns estudos para dedicarse aos necesitados xa que, de feito, os tres estudaron graduado social.
Nieves deixou un oco moi grande na loita polos obreiros dos sectores de traballo máis duros. E como di María Elena de Jesús: “do seu traballo, a súa coherencia ideolóxica e o seu talante progresista ofreceunos unha lección maxistral instituíndose nun referente social e histórico do noso país e en abandeirada da causa da igualdade”.[9]
O 28 de setembro de 1975 falece en Vigo, tiña 64 anos, empregados na súa maior parte para recobrar a xustiza dos que estaban a ser explotados. É un deber, é unha obriga que permaneza na nosa memoria sempre co seu “Adiante, sempre adiante”.
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
Cid, Rafael, “A desenterramortos”, Carrilanos. Os túneles dun tempo, Vigo: Xerais, 2005.
Jesús Rodríguez, Elena de, “Nieves Fariza Alonso: Unha loita solitaria nun mundo de homes”, Xénero. Caderno de Igualdade, 1, (2009): 37-59
Méndez Lois, Mª José (coord..) Mulleres na educación en Galicia, Santiago, Xunta de Galicia: MUPEGA, 2009.
Ligazóns:
Elena de Jesús Rodríguez, “Nieves Fariza Alonso: Unha activista pioneira na defensa dos dereitos das mulleres”, Consello da Cultura Galega. Album de mulleres. http://culturagalega.gal/album/resultadosbusca.php?termo=Fariza (visita do 1 de marzo de 2020).
“Nieves Fariza Alonso” entrada en Wikipedia. (edición do 8 de xaneiro de 2018 ás 21:50)
[1] “Arquitectura personal!, La Nueva España, 11 de setembro de 2013.
[2] Rosa María Cid Galante,“Nieves Fariza”, entrada blob www.asnosasmulleresourensas.blogspot.com, consultado o 1 de marzo de 2020
[3] Rafael Cid, “A desenterramortos”, Carrilanos. Os túneles dun tempo, (Vigo, Xerais, 2005), 99.
[4] Rafael Cid, “A desenterramortos”, Carrilanos. Os túneles…Op.cit., p. 100.
[5] “Nieves Fariza Alonso” entrada en Wikipedia. (edición do 8 de xaneiro de 2018 ás 21:50)
[6] Elena de Jesús Rodríguez, “Nieves Fariza Alonso: Unha loita solitaria nun mundo de homes”, Xenero. Caderno de Igualdade, 1 (2009): 37-59; “Homenaje a medias para Nieves Fariza” La Región, 16 de marzo de 2008.
[7] Elena de Jesús Rodríguez, “Nieves Fariza: Unha loita solitaria…Op.cit., p. 37; “Nieves Fariza Alonso: Unha activista pioneira na defensa dos dereitos das mulleres”, Consello da Cultura Galega. Album de mulleres. http://culturagalega.gal/album/resultadosbusca.php?termo=Fariza (visita do 1 de marzo de 2020).
[8] Entrevista a José Emilio Martínez Fariza, La Nueva España, 11 de setembro de 2013.
[9] Elena de Jesús Rodríguez “Nieves Fariza…Op.cit..