Etiquetas

05 agosto 2010

PILAR MERINO GONZÁLEZ

Naceu en Ourense en 1875. Podemos dicir que estamos ante unha pioneira xa que é unha das primeiras mulleres que exerceu o maxisterio na provincia. Era Mestra Nacional de Ourense con titulación Superior. Comezou a traballar en 1890 na escola de Sarreaus cobrando 250 pesetas. En 1903 estaba na escola de Mourisco cobrando un soldo de 650 pesetas e, en 1908, en Armui. Estando nesta escola abríuselle un expediente persoal. Logo foi para a de Guillamil. En 1911 destinárona á escola mixta da Sagra, en O Carballiño.

Casou co funcionario de facenda Ramón Fortes en xaneiro de 1902 e Pilar solicitou dereito de consorte que lle foi concedido e adxudicáronlle a escola número 3 na capital en 1921. O matrimonio tiña catro fillos, Eduardo, Pilar, Ramón e César Luís. Pero, o 12 de setembro de 1925 faleceu o seu home e queda viúva e dous  anos máis tarde, tamén lle falecía un dos fillos, César Luís. Temos que imaxinar a esta mestra indo de escola en escola e levando consigo aos fillos, pois daquela era o habitual. En 1933 foi destinada á escola número 2 da cidade de Ourense.

Malia ser simpatizante de Acción Ciudadana Gallega ela non se libraría do control da Ditadura sobre o maxisterio. Como todos os docentes foron requeridos informes de boa conduta.

Pilar faleceu 31 de agosto de 1947, tiña 72 anos.

(Elaboración propia a partir de diferentes fontes. Vid: Ministerio de Cultura e Deporte; El Magisterio Español, 15 de agosto de 1890, p. 4; Boletín Oficial de la Provincia de A Coruña, 3 de setembro de 1904, p. 3; 30 de xullo de 1913, p. 3; Diario de Galicia, 19 de decembro de 1908, p. 3; El Noticiero gallego, 25 de xullo de 1911, p. 1; La Región, 13 de setembro de 1921, p. 3; El Heraldo Gallego, 8 de xaneiro de 1928, p. 6; La Región, 31 de agosto de 1947, p. 4.)