Mestra en propiedade da escola pública de nenas do concello de Parada do Sil e empadroada nesa mesma vila. Foi unha das candidatas a cubrir o posto de directora da Escola Normal de Mestras no ano 1880, cando esta institución estaba en proceso de creación en Ourense. As candidadas debían presentar, segundo o Reitor da Univesidade de Santiago, na secretaría da Xunta de Instrución Pública de Ourense e no remate dos dous meses contados dende a inserción da convocatoria na Gaceta de Madrid, o Título de mestra de primeira ensinanza superior, partida de bautismo xustificando que a interesada tiña cumpridos os vinteún anos, certificación de boa conduta moral e relixiosa expedida polo alcalde e polo párroco, fe de casadas se o fosen, relación, por orden de numeración, dos labores que debe presentar sen rematar e sen lavar nin pasar o ferro, para continualas en presencia do Tribunal e, finalmente, presentar unha lámina de debuxo lineal en papel “marquilla” tamén a medio facer para ser concluída ante o Tribunal.
Pois ben, Francisca alega un certificado de boa moralidade e relixiosidade firmados polo alcalde e sacerdote da zona, o título de mestra superior, tamén acredita que desempeñou por dous anos unha escola privada de nenas coa satisfacción das autoridades e proxenitores.
En xaneiro de 1879 tomou parte nos exercicios de oposición para prover a escola completa de nenas de Sarria na provincia de Lugo. Por todo o presentado o tribunal considerou, por unanimidade, os seus exercicios e colocouna en segundo lugar da terna, mais posteriormente o posto foille adxudicado a Nicanora Carredano.
Vid: Cid Galante, Rosa María, A Escola Normal de Mestras de Ourense. A súa orixe e os seus emprazamentos, Universidade de Vigo, 2014.