Etiquetas

08 abril 2009

MARUXA SALAS

Naceu en Ourense, 1976. Nova figura da danza contemporánea do noso país, atesoura Maruxa Salas unha ampla formación e traxectoria profesional, galardoada en diversas ocasións. Licenciada en danza, nas especialidades de Coreografía e Técnicas de Interpretación, polo Instituto Superior Alicia Alonso de Madrid, cursou tamén a carreira de ballet clásico da Royal Academy of Dancing de Londres e do Conservatorio Profesional de Danza de Madrid. Unha bolsa da SGAE que lle permitiu perfeccionar a súa aprendizaxe no Ballet Nacional de Cuba, onde posteriormente traballou como coreógrafa invitada, completa o seu amplo perfil didáctico. Por unha das súas primeiras creacións, Per tola marítima (2001), presentada en Madrid e A Habana, recibiu o Premio de Teatro de Madrid e o primeiro do Certame de Mozos Creadores. Dous anos despois, Maruxa Salas foi recoñecida co primeiro premio tamén, do Certame Internacional de Coreografía Burgos-New York pola obra Minube, que anteriormente se mostrou no Korzo Theater holandés. Outros traballos son Didenoi (2005), outra obra moi premiada do seu repertorio, coa que obtivo entre outros galardóns o terceiro premio e o de bailarina sobresaliente no Certame de Creación Coreográfica de Galicia e mención especial no Concurso Iberoamericano de Coreografía da SGAE, e Caracola, creada xunto a Erick Jiménez. Bolseira da Fundación Alicia Alonso e da Escola África Guzmán de Madrid, Maruxa Salas coreografiou e dirixiu a primeira produción do Centro Coreográfico Galego, Vacuo (2007).