Consuelo
Rodríguez López naceu o 18 de outubro de 1919 no pobo de Soucelín que está na
parroquia de Santigoso pertencente ao Concello de O Barco de Valdeorras. Foi
unha muller de fortes convicións progresistas que loitou contra o franquismo,
unha muller clave na loita guerrilleira de Galiza.
Consuelo naceu nunha familia con
recursos xa que o seu pai, Domingo Rodríguez Fernández casado con Amalia López
Ojea, estivera en Cuba e trouxera
capital. O matrimonio que tivo seis fillos, catro homes e dúas mulleres,
Consuelo e Antonia, padeceu grandes desgrazas durante a guerra civil.
Cando comezou a guerra civil o bando
franquista mobilizaron de xeito obrigado a Rogelio e Sebastián que eran os
irmáns e Consuelo, e enviáronos ao fronte de Asturias xa que Oviedo estaba en
mans do exército roxo. Pero toda a familia tiña unhas convicións totalmente
contrarias aos golpistas, por iso Rogelio non dubidou en desertar. Nun
principio dérono por morto na operación no Monte Naranco cando as tropas
republicanas que resistían no Pico Paisano foron finalmente derrotadas polos
golpistas[1].
Rogelio volveu a Soucelín e estivo un ano e medio recluído na casa sen que
ninguén o reclamara e saía a pasear pola noite. O outro irmán de Chelo,
Sebastián, foi ferido no combate e déronlle oito días de permiso para
recuperarse na súa casa. Pero non volveu a incorporarse tras o prazo que lle
concederan, polo que as forzas da orden foron á súa captura. O día 30 de
xaneiro de 1939 chegaron á casa dos pais e Rogelio, que xa levaba meses
agochado no faiado da casa sen que ningún veciño o soubese, agás unha veciña
que o sorprendera un día na casa, disparou ferindo a un cabo e matando á un
garda civil. Sebastián, cando chegou á casa dos seus pais fuxiu co seu irmán
Rogelio ao monte[2].
A partir de entón comezou o
padecemento e sufrimento da familia. A casa foi saqueada e a cada pouco, fora
de noite fora de día e sen importar a que hora, viñan uns lexionarios e gardas
civís a rexistrala para ver se atopaban aos fuxidos. Chelo lembra: “Robaban todo lo que había, incluso hasta el
queso que hacíamos en casa...hasta que nos dejaron sin nada”[3].
Os pais e Consuelo foron detidos, logo detiveron a Antonia e tamén a Julia
Velo, a noiva de Sebastián Todos foran acusados de cómplices e colaboradores
dos fuxidos. Leváronos ao cárcere de Ponferrada onde: “Había hombres machacaos (sic), los desollaban como corderos llenos de
sangre, en ese cuartel, en ese cuartel maldito”[4].
Nese cuartel Chelo viu cousas que nunca vira na súa vida pois non vía homes
senón salvaxes. Oito días máis tarde puxéronos en liberdade.
Consuelo arriscábase todos os días para ir ao monte e levar a comida aos
seus irmáns. As forzas do orden seguían vixiantes ata que, como escarmento
colleron aos pais e fusiláronos diante dos veciños do pobo. Chelo conta: “Entonces me cogieron, me encerraron otra
vez con las ovejas, llevaron a mi madre y a mi padre por un callejón que había
por detrás de la casa y unos minutos más tarde sentí los disparos”[5].
Ela non cría que mataran aos seus pais e cando a veciña lle dixo que xa non
tiña pais, Chelo quedou totalmente destrozada, caiu ao chan ata que uns veciños
a recolleron e a levaron para a súa casa. Unha hora máis tarde, cando lle
dixeron que os seus pais estaban xa enterrados no camiño, Chelo dirixiuse a
lugar e xa non os viu pero “vi la sangre
que corría aún por el camino”[6].
O compromiso antifranquista de Conseulo vai comezar dende entón e vai a
colaborar como enlace. Chelo era a que se enteraba dos movementos que ía facer a
Garda Civil, cando saía e entraba a patrulla e por onde ían pois tiña que
comunicarllo aos guerrilleiros que querían asaltar o cuartel para roubar as
armas: “Ellos iban a asaltar un cuartel
de la Guardia Civil por armas. Éramos nosotros que te enterabas a donde
estaban, como hacían...ellos no podían estar”.[7] Tamén
como enlace lles achegaba a comida e lembra que os de Ricosende e Sotodoiro
cargaban os cabalos e levábanlles a comida. Chelo recoñeceu que cada día expuña
a súa vida pero: “Yo siempre recogí a los
compañeiros, a todos los guerrilleros...yo era un enlace dispuesta a todo”[8].
Todos eran así, tamén Carmen de Fervenza, a grande e valiente amiga de Chelo,
pero foi atrapada e acabaron matándoa. Para Chelo foi un terrible golpe pois
estaba asistindo a demasiadas perdas e a súa pena e dor eran inmensas.
Consuelo foi detida de novo e Rogelio e Sebastián decidiron escapar a
Portugal. Alí formaron o grupo dos “Soucelín” e eran moi buscados polos seus
golpes contra as forzas de seguridade portuguesas ata que Rogelio foi detido na
vila de Porto. Entón foi extraditado a España e foi executado no outubro de
1941.
Tanto Consuelo como a súa irmá Antonia foron detidas varias veces e
estiveron en diferentes prisións na vila de O Barco, Ponferrada, León...e nunca
as xulgaron senón que as torturaban e facían con elas o que querían. Cando as
puxeron en liberdade decidiron ir ao monte como guerrilleiras na Federación de Guerrillas León-Galicia creada no 1942. Os lugares onde se refuxiaron foron Ricosende,
Soutadoiro e Casaio. No monte estaban Guillermo, Mario, César, Ilario, Rocesvinto,
Abelardo e Arcadio, estaban moitos compañeiros: “Entre ellos estaba uno que era mi compañero y marido. En él encontré
toda mi vida. Encontré mi madre, mi padre y me marché con él al monte”[9].
Chelo estase a referir a Arcadio Ríos Rodríguez, que viñera co seu irmán desde
Portugal. Sería o seu compañeiro ata que morreu en xullo de 1946 ao carón dela.
Con el pasou cinco anos loitando no monte, agochados e loitando.
No monte estaban varias mulleres como Chelo, como a súa irmá Antonia, La
Chata, Lida, a noiva de Abelardo, la de Rocesvinto...e todas sabían porque
loitaban. A sociedade non comprendía por que elas loitaban e Chelo dicía que
ela era responsable dos seus actos. O seu irmán Roxelio fora executado e tamén
o seu irmán Sebastián que formaba parte do grupo de Mario Langullo morrera en
Manzaneda en outubro de 1945[10].
Comeza a súa vida de loita no monte, nos montes de Casaio, desde onde
sentía e vía os lobos. Ela recitaba: “Lobo
“hermano” ya no estás sólo en el monte, nosotros los fugitivos te acompañamos”[11].
Chegou a coincidir cos seus irmáns Domingo e Alfonso. Chelo era das
mulleres que levaban arma para poder defenderse pois a ela matáranlle aos pais
e non quería morrer como eles. Chelo reivindicaba o papel decisivo que tiveron
as mulleres na guerrilla e non se arrepentiu nunca de nada pois: “Yo no me arrepiento de nada, no no, yo eso
lo...He sido obligada a hacerlo, a mi me obligaron a hacerlo, no fui
voluntaria”. Ela tivo que ver como foi perdendo á súa familia: os seus
pais, os seus irmáns, o seu home... Domingo caeu
abatido perto da súa casa natal en Soulecín o 18 de decembro de 1946 e Afonso,
membro do Destacamento
Santiago Carrillo, finaría o 24 de febreiro de 1949 na Veiga de
Espiñareda[12].
Chelo chegou a implicarse na loita contra o franquismo por convición
propia. Dende pequena aprendera na súa familia os valores da xustiza e
democracia e por iso estivo tanto ela como a súa familia comprometida e
loitaron contra o franquismo e a ditadura. A morte de Acadio supuxo para ela
unha enorme perda. Sufrira demasiadas perdas. Consuelo abandonou a loita no
monte, despois anos exposta a todo tipo de perigos. Desde que mataran aos pais
no 1939 ata 1946 cando mataron a Arcadio pasaron sete anos de loita.
Estivo tres anos na clandestinidade polos rigores represivos ata que, en
1949, pasou a Francia. Alí estaban xa a súa irmá Antonia co seu marido César
Ríos o irmán de Aradio que vivían en Ghéthary[13].
Ao chegar a Hendaya chegou a dicir: “Teño
a liberdade e non sei para que a quero se deixo todo atrás”[14].
En París coñeceu outro ex-guerrilleiro, Marino Montes,
casou con el e tivou dous fillos. Pero nunca
esqueceu o pasado. Dunha familia
de nove quedaron tan só tres: “Los
mataron a todos, y yo continué sufriendo la vida hasta la muerte”[15].
En 2004 regresou a Galicia pois celebraron unha homenaxe aos seus pais.
Regresou e reviviu aqueles tempos que estaban tan vivos na súa memoria. Logo
foi homenaxeada pola Xunta de Galicia en 2007 e tamén no Concello de O Barco poríaselle
unha placa onde estaba enterrado seu irmán e Arcadio. Xa non volvería máis, o
18 de xullo de 2019, nunha data tan sinalada como se fose unha ironía do
destino, faleceu na Illa de Ré, o seu último escondite, Consuelo Rodríguez, A
Chelo. Tiña 99 anos que foron enchidos de sufrimento e lembranzas.
Chelo, a última guerrilleira antifranquista de Galiza morreu: Ahora a mi edad, estoy de pie, y mientras
tenga un poco de vida mis ideales y mi lucha será hasta la eternidad[16].
Chelo loitou pola liberdade.
REFERENCIAS
BIBLIOGRÁFICAS
Marco, Aurora “Mulleres na guerrilla antifranquista. Consuelo Rodríguez López, Chelo” en VVAA A Memoria esquecida: Pedadas, presas, paseadas, (Santiago, Servizo Galego de Igualdade-Andaina, 2006) 20-27.
Lobato, Xurxo, Rostros da memoria, 2008
Prada Rodríguez, Julio “As
mulleres e a resistencia antifranquista (1936-1945)” en Jesús de Juana López e
Julio Prada Rodríguez (dir.) As mulleres
en Galicia no século XX, Vigo, Ir Indo, (2011) 169-201.
Redondo
Abal, Francisco Xavier, Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros
antifranquistas na Galiza (1939-1965), Sada, Do Castro (2006).
[1] “El
protagonismo pasivo de la Guerra Civil en Oviedo”, https://elblogdeacebedo.blogspot.com/2017/11/el-protagonista-pasivo-de-la-guerra.html
consultado o 1 de abril de 2020.
[2] Julio Prada Rodríguez, “As mulleres e a
resistencia antifranquista (1936-1945)” en Jesús de Juana López e Julio Prada
Rodríguez (dir.) As mulleres en Galicia
no século XX, (Vigo, Ir Indo, 2011) 190-191. 169-201.
[3] Filme de Odette Martínez, Ismale Cobo e
Laetintia Puertas, La isla de Chelo, (Play
Flim-Ib-Produción, 2008) 9:20-9:41
[4] La
isla de Chelo…Op.cit., 9:56-10.10
[5] La isla de Chelo…Op.cit., 10:53-14:42.
[6] La
isla de Chelo…Op.cit., 14:35-14:38.
[7] La
isla de Chelo…Op.cit., 27:27-28:18.
[8] La
isla de Chelo…Op.cit.,29:16-29:28.
[9] La
isla de Chelo…Op.cit 34:25-35:00
[10] Cilia Torna: “Morre no exilio francés a
guerrilleira de Soucelín Chelo Rodríguez”, Diario Nós, 18 de xullo de 2019; Carlos Fidalgo, “La
guerrilleira que se exilio en una isla” https://www.diariodeleon.es/articulo/bierzo/guerrillera-exilio-isla/201907190400011906307.html
consultado o 1 de abril de 2020.
[11] La
isla de Chelo…Op.cit 39:27-39:34
[12] Cilia Torna: “Morre no exilio francés a
guerrilleira de Soucelín Chelo Rodríguez”, Op.cit.
[13] Aurora Marco, “Mulleres na guerrilla
antifranquista. Consuelo Rodríguez López, Chelo” en VVAA A Memoria esquecida: Peladas, presas, paseadas, (Santiago, Servizo Galego de
Igualdade-Andaina, 2006) 20-27.
[14] Miguel Pardo, “Adeus a Chelo Rodríguez, a
última guerrilleira antifranquista galega”¸ https://praza.gal/movementos-sociais/adeus-a-chelo-rodriguez-a-ultima-guerrilleira-antifranquista-galega
consultado o 1 de abril de 2020.
[15] Testemuño de Consuelo no documental: Los mataron a todos !! Chelo la guerrillera, 1:40-1:48 https://www.youtube.com/watch?v=n201XLfrFQo
consultado o 1 de Abril de 2020.
[16] Idem, 2:00-2:2:06.