Etiquetas

06 marzo 2009

CARMEN GONZÁLEZ LEDO

Esta escritora naceu en Allariz o 17 de maio de 1910 e era filla de José González Castro, funcionario de Facenda. Aos seis anos trasladouse coa súa familia a  Coruña e aos dezanove foi a Madrid para presentarse ás oposicións ao Ministerio de Facenda. Tras aprobar as probas en agosto de 1930 foi destinada a Ourense en 1933 e posteriormente a Coruña. A súa afición pola escritura comezou cando era moi pequena, pero os seus escritos non saíron a luz xa que nunca pretendeu publicar ata que Juan Naya Pérez, académico e bibliotecario da Real Academia Galega e Secretario de Bellas Artes, ao coñecer os seus poemas, aconselloulle que os publicara prologándolle el o libro de poemas Recendos que saería á luz en 1979. Un libro impregnado dos seus sentires por Galicia e no que amosa a súa afectación polos problemas da terra. En medio centenar de poemas canta o seu amor á Galicia:

Galicia, ¿que tes? que
cando orballea
sinto en min non
pena, señón desexos
de cheirar as herbas
do campo...

Son poemas nos que as paisaxes de Galicia están sempre presentes, as campiñas, arboredas, flores, ríos, paxaros:

Froliñas do campo
que saídes da terra
sen semente

E tamén son poemas que nos lembran a Rosalía:

Teño unha pena 
que no na 
poido deixar;
cando máis penso nela,
máis fondo me vai.

Carmen faleceu na Coruña o 17 de xaneiro de 1989 aos 79 anos.

Vid: Gran Enciclopedia Gallega, Tomo XVI, p. 114; El Ideal Gallego, 2 de agosto de 1930, p. 3; La Hoja oficial del Lunes, 10 de marzo de 1980, p. 26.