Etiquetas

15 junio 2011

MARÍA DEL VALLE LOZANO

Coñecida coma María de Beiro. Naceu en Beiro no ano 1887. Casada de moi xoven, o matrimonio emigrou a Cuba, onde o marido acadou éxito coma empresario do ramo da alimentación. Nai de oito fillos, Manuel, poeta e xornalista fusilado en Ourense o 11 de Agosto do 1936 acusado de rebelión e tráfico de armas, Ernesto, mestre e tamén xornalista represaliado, Mercedes, que casou no 1939 con Celso Madriñán Neira, Maruja, de ideoloxía falanxista, Esther, Blanca, tamén casada no 1939 co pintor Manuel Prego de Oliver, Ricardo, asasinado en Valencia por un membro da Falanxe a piques de rematar a guerra, e Luis, falecido en accidente anos antes. 

De volta a España a familia aparece empadroada na segunda planta do antigo nº 15, hoxe 11, da rúa da Paz; anos máis tarde, xa na guerra, na rúa da Amargura, no campo das Mercés e fronte o antigo Hospital, dende onde escoitaban as detonacións dos fusilamentos no campo de Aragón. 

Afillada ó Partido Comunista, e polo feito de selo, foi detida o día 21 de Xullo de 1936 nas rúas de Ourense, día no que tamén deteñen ós seus fillos Manuel e Ricardo. María del Valle Lozano, de 49 años, foi internada no cárcere de Celanova durante 16 meses, dándolle o “paseo” de Bande a Xinzo da Limia, destorzo cerebral por fusilamento, di o Rexistro, o 29 de Outubro de 1937 en Lomba de Lamas, e a familia tres días na procura do seu corpo que apareceu enterrado en O Mosteiro, dous lugares preto de Xinzo da Limia. 

Foi asasinada xunto a unha moza de 19 años, Salud Torres. Aínda que segundo Sánchez Mazas, recollendo a testemuña dunha veciña de Celanova que o vira cos seus propios ollos, botáronlle gasolina e queimárona viva, alí mesmo, na praza fronte do convento, versión moi dubidosa.

O seguinte poema dedicoullo Carlo Rodríguez Fer a María de Beiro e a Salud Torres, as dúas fusiladas.

O TERROR EN CARRO DE VACAS

Ata a Lomba de Lamas,
onde os doces prados do outono
son lameiros de regos transparentes
fluíndo baixo a última sombra da noite
espida polas pastoras das brañas
e polas aves canoras na albada,
ata alí mesmo,
tras subir lentamente polo Monte Furriolo,
chegou o terror en carro de vacas

Non se pecharon máis
os ollos das nenas pobres do campo
nin deixaron de ver nunca
o sangue do chedeiro
escorrendo polo cabezallo,
pingando polo eixo,
revirando na roda
flamexante e vermella
como un sol tristemente caído
sobre a lama da lomba

O carro secular e inmóbil,
o alarido interminable
da cantadeira sobre o eixo,
o arrepío dos estadullos en punta
coma se os fungueiros saísen espetados
polas furas das feridas das mulleres mortas,
eran a expresión do medo

Pero non doeron máis a María de Beiro
os balazos que coseron o seu corpo
que os que descoseran antes
a seu fillo Manuel,
que os que descoserán máis tarde
a seu fillo Ricardo

Non magoaron máis a Salud
as balas que acabaron coa súa vida
que as que remataran coa xustiza,
pois a esperanza tiña entón a parálise
dun carro de bois detido sobre o barro
por desfeita cerebral no outono

Elas eran o leite nutricio
e as mazás da vida
no tempo do leite ardendo gasolina
e da mazá con hemorraxia interna

Ninguén puido comprendelo
na Lomba de Lamas

Fusilaran o leite branco,
fusilaran a mazá vermella,
e o terror viña en carro de vacas
aforcando a dignidade co xugo

Vid: Nomes e vocesLa Voz de Galicia, hemeroteca e Wikipedia