Etiquetas

02 febrero 2025

TERESA HEREDERO DEL CAMPO

De Teresa Heredero temos que dicir que é unha muller comprometida co feminismo e defensora da igualdade. Foi unha compoñente do Movemento Democrático de Mulleres creado en Ourense no ano 1975. Esta agrupación tiña as súas habituais reunións no edificio da Torre e nutríanse de mulleres de diferentes perfís ideolóxicos e sociais pero cunhas inquedanzas comúns que eran a defensa das mulleres e a implicación destas no proceso de cambio social nunha nova era democrática.

Afiliouse ao Partido Comunista e cando este se legalizou, en 1977,  levou a cabo as primeiras reunións. O Comité local convocou a primeira asemblea en abril de 1977 que estaba presidido por Santiago Álvarez e os membros que a constituíron eran Jesús Redondeo Abuín, Francisco López Cambeses, Francisco Maside, Miguel Capela, Ramón Zapatería, Aristides Álvarez, Enrique Conde, Javier Liceras, Antonio Estévez, Jesus López, Jaime Quesada. Ao carón destes estaban catro mulleres: Cuca Fernández Tovar, Dolores Conde, Charo Gutiérrez e Teresa Heredero.

Teresa, ao igual que as súas compañeiras e compañeiros, acordou dar pulo ao movemento obreiro en Ourense, incrementar o movemento cidadán e, como non, defender as reivindiacións da muller. 

Non era nada desdeñable que as simpatías dos ourensás cara o Partido Comunista pois, daquela, contaban con mil afiliados e nesta Asemblea local propuxéronse como obxectivo ampliar as bases sociais e chegar a tres mil afiliados. 

O Partido Comunista de Ourense difundían as súas ideas e principios a través de La Voz del Pueblo y Mundo Obrero.

Desde logo, Teresa, era unha muller activa e militante. En maio de 1977 acudiu cun grupo de compañeiros a Santa María de Melias e O Bolo para intervir nun mitin, era preciso dar a coñecer o programa do Partido e ir gañando simpatizantes e afiliados. 

Na actualidade Teresa forma parte da ONG Enclave Feminista e é vogal da Comisión Executiva do Consello de Mulleres de Madrid.

A vida e a actividade de Teresa xirou sempre en clave de defensa das mulleres e en contra da violencia de xénero. A súa traxectoria é longa pero o compromiso non minguou e sempre a guiaron os seus ideais de procurar dun mundo e unha vida mellor para todas as mulleres e sobre todo a igualdade de xénero.

Vid: Noticiario de la capital (1977, 27 abril). El Pueblo Gallego, p. 18; Crónica Política. (1977, 21 maio). El Pueblo gallego, p. 20; Álvarez Gómez, C. (2024). Movemento Democrático de Mulleres en Galicia | Album de Galicia | Consello da Cultura Galega. Retrieved January 10, 2025, from CONSELLO DA CULTURA GALEGA website: https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=29952; Arriero Ranz, F. (2015). El Movimiento Democrático de mujeres. Del Antifranquismo a la movilización vecinal y feminista. Ideología, identidad y conflictos de género. Tese de Doutoramento. Universidade Autónoma de Madrid.