Etiquetas

01 diciembre 2024

LAUREANA TEIJEIRO VIDAL

Laureana era a nai de Modesto López, galeguista amante da súa terra que foi paseado e asasinado na ditadura.

Laureana naceu en Cenlle e os seus pais eran Modesto Teijeiro, que era médico, e Olimpia Vidal. As súas irmás Elisa e Gloria fixeron estudos de maxisterio no Instituto ourensán. Laurenana amosou desde nena grandes dotes para a música, tal é así que en maio de 1897 a Deputación Provincial de Ourense concedeulle unha subvención de 1500 pesetas para pasar a Madrid e perfeccionarse no estudo da arte musical e declamación no Conservatorio. A continuación preséntase o expediente académico que me enviaron desde o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid:

En novembro de 1902 casou na Igrexa de Santa Eufemia do Centro en Ourense co comerciante Félix López Ugarte, vicepresidente da Cámara de Comercio e que era natural de Madrid. O matrimonio tivo catro fillos, Mercedes, Modesto, Félix e Leopoldo. 

Félix formaba unha Sociedade con Emilio Lóbit e eran os organizadores das corridas de touros na praza de Ourense. Chegou a ser alcalde conservador da cidade o 18 de novembro de 1913 en sustitución do liberal Ildefonso Meruén  que solicitou a dimisión. Felix, do partido conservador, permanecerá no cargo durante dous anos sendo substituído por Juan Taboada González. Félix faleceu o 24 de decembro de 1917 e Laureana sacou adiante aos seus catro fillos. A partir de entón a familia decidiu trasladarse a Madrid ata 1927, ano que regresa a Ourense.

Modesto, fillo de Laureana e Félix, foi colaborador da revista NÓS na que escribiu no número 115 de 1933 o artigo "Investigacións etno-morfolóxicas antre a poboación do Ribeiro de Avia". Así mesmo  inseriuse na Revista Vieiros, número 3 de 1965 un artigo inédito titulado "Ensaio de tipoloxía galega". Dito artigo foi publicado grazas a que Laureana llo facilitou á revista Vieiros, tal como indicou a Revista dicindo:

Con emoción pubricamos iste traballo centífico, aínda inédito de Modesto López Teijeiro que fora unha espranza pra Galiza polo seu esgrevio talento, e pola súa lealdade. Agradecemos con agarimo a súa nai iste agasallo que nos fixo pra Vieiros que se honra en apresentar iste estudo de outo valor prá ciencia e prá galeguidade. Modesto López Teijeiro, noso amigo e n oso irmán"

(Fonte: Separata do número 113 do Boletín NÓS.)
(Fonte: Vieiros: revista do Padroado da Cultura Galega do México. Número 3. 1965 setembro 21, p. 8.)

Modesto foi un home de profunda galeguidade e moi recoñecido nos círculos intelectuais. Foi socio do Seminario de Estudos Galegos e impartiu conferencias cuxa temática versaba sobre a constitución do pobo galego. Tamén participou na colaboración na recuperación do Ateneo de Ourense. Así mesmo formou parte da directiva da Xuventude Esperantista e impartía cursos desta lingua. Súa nai foi unha muller sensible coas ideas de Modesto, como demostra que entregase á Revista Vieiros os escritos do seu fillo.

Modesto traballaba na Banca e estaba afiliado ao Sindicato da mesma vinculado á U.X.T. Durante a ditadura foi detido e acusado de comunista. Paseárono e  foi asasinado o 27 de setembro de 1937 aparecendo o seu corpo na estrada entre Xinzo e Celanova.

Laureana faleceu o 16 de setembro de 1951.

Vid: Noticias. Orense. (1902, 14 novembro). La Correspondencia Gallega, p. 2; Orense (1913, 20 novembro). El Correo de Galicia, p. 2; Revista Adra. Revista dos socios e socias do Museo do Pobo Galego. nº 13. Homenaxe a Carlos García Martínez. Santiago de Compostela. 2018.