Cando tiña quince anos, en 1923, matriculouse no Instituto Ourensán pero só consta que fixo un curso pois logo acabou realizando os estudos de Maxisterio na Normal en Pontevedra, onde se matriculou en 1925, rematándoos en 1930 e facendo o depósito do título ese mesmo ano. Superou todos os cursiños profesionais de maxisterio para acadar o título de mestra.
Comezou a exercer en diversas escolas da provincia e, pola súa concepción dun ensino moderno e conciencia reivindicativa, afiliouse a ATEO motivo polo cal en 1936, cando exercía na escola de Cualedro, a Comisión Ditaminadora de Depuración do maxisterio levada a cabo polo Comandante Luis Soto sancionouna con suspensión de emprego e soldo por un período de dous anos e o traslado forzoso fóra da provincia de Ourense con prohibición de solicitar praza na provincia e de ocupar cargos directivos durante un período de cinco anos. O castigo levouna a ser destinada ao pobo de San Martín de Ollas en Burgos.
Carmen solicitou revisión do seu expediente e en 1941 resolveuse que se repuxera no seu cargo de mestra en Cualedro.