O noso blog non pode deixar de mencionar a aquelas mulleres que desempeñaron un labor profesional de recoñecido mérito na nosa cidade, como é o caso de Mercedes Suárez Pazos que naceu en A Coruña, no barrio de Montealto, o 28 de abril de 1950, pero dende 1974 vive e traballa en Ourense, a cidade onde se afincaría xa de maneira permanente e onde se sente unha ourensá de pro. A Mercedes Suárez débeselle agradecer a formación de numerosas xeracións de mestres e mestras ourensás así como pedagogos e pedagogas aos que sempre lles inculcou os valores da docencia, a necesidade de que levaran á práctica unha pedagoxía activa nas aulas, o deber de formar a un alumnado crítico como “suxeito” de aprendizaxe e non “paciente” dun ensino ríxido. En definitiva, Mercedes sempre defendeu a renovación da escola pois ela cre nunha escola viva na liña dos grandes pedagogos. As súas clases sempre propiciaron a reflexión e a análise na procura de que os futuros mestres e mestras, e estudantes de pedagoxía e psicopedagoxía foran axentes de cambio nas metodoloxías de ensino-aprendizaxe. Todo este labor e entrega na nosa cidade fai que a teñamos presente no noso blog.
En outubro de 1974 foi contratada pola Universidade de Santiago como docente no recentemente inaugurado Colexio Universitario de Ourense, no que se impartían os tres primeiros cursos de Filosofía e Ciencias da Educación. Toda a súa docencia, dende o inicio á súa xubilación, estivo relacionada coa área de Didáctica. Obtivo o posto de Profesora Titular de Universidade na área de Didáctica e Organización Escolar, desde 1987 ata a súa xubilación no 2014.
Así mesmo é unha muller sensible polo medio natural e a defensa da natureza de aí que fora unha das promotoras do Grupo Gaia de Educación Ambiental que estaba formado polo Seminario de Ciencias do Instituto Otero Pedrayo de Ourense e integrado por Emilia Nogueiras, Mª Xosé Camba, Carmen Cid, Pilar Latorre e Pedro Membiela e a mesma Mercedes. Este grupo deseñou e levou á práctica nas súas aulas dous interesantes proxectos curriculares moi innovadores como foron A Natureza na Cidade e A Saúde é Cousa de Todos, este último premiado polo Ministerio de Educación no 1996, dentro da modalidade de materiais de apoio innovadores.
Podemos considerar a Mercedes Suárez unha militante polas causas xustas. Sempre foi unha grande defensora da muller e é unha firme comprometida coa súa causa. Pertenceu a AGM, a Asociación Galega da Muller, e desde sempre avogou pola igualdade e os dereitos das mulleres. A máis disto sempre se amosou preocupada pola incidencia do político na vida social, e estivo dende finais do franquismo vencellada ao Movemento Comunista de Galicia e, mais tarde, unha vez desaparecido este, ao Bloque Nacionalista Galego. Ten no seu haber numerosas publicacións, colaboracións, dirección de traballos …que son unha mostra da súa capacidade de traballo. As súas liñas de investigación estiveron relacionadas con tres importantes ámbitos. O primeiro deles relacionado coa historia da educación, con obras comoA educación en España durante o Sexenio Revolucionario (1868-1874). Debates, aspiracións e realidades, publicado pola Universidade de Vigo ou “El campesinado gallego y su rechazo a la escuela primaria (1868-1874)”, publicado na revista Historia de la Educación. Foi tamén comisaria da exposición "Cen anos de Escola en Ourense", celebrada en el Museo Municipal de Ourense del 15 al 22 de Mayo de 1991. O segundo ámbito vincúlase coa investigación-acción en educación, un campo académico intrinsecamente relacionado coa práctica educativa, a renovación pedagóxica e o desenvolvemento profesional do profesorado, destacando traballos como “Desarrollo de un grupo de investigación-acción colaboradora en proyectos curriculares innovadores”, publicado na Revista de Educación, “Students' Preconceptions About Urban Environmental Problems and Solid Waste”, aparecido na revista The Journal of Environmental Education, “Preconceptions of Students about the Natural Urban Environment in a Small Spanish City”, publicado en The Environmentalist, ou “Classroom Environment in the Implementation of an Innovative Curriculum Project in Science Education”, publicado no Journal of Research in Science Teaching. Os traballos publicados coa temática de educación ambiental foron elaborados a partir da actividade do Grupo Gaia de Educación Ambiental, formado por profesorado de Ciencias de Secundaria, do que tamén formaba parte Mercedes Suárez. O terceiro e mais recente ámbito de investigación céntrase na investigación biográfico-narrativa, tamén vinculada á historia da educación mais recente, con traballos como “Los castigos y otras estrategias disciplinarias vistos a través de los recuerdos escolares”, publicado en la Revista de Educación, Teachers’ memories of disciplinary control strategies from their own school days”, publicado no British Journal of Sociology Education, “ A view of rural schooling through the eyes of former students, en Teaching and Teacher Educacion, ou a obra coeditada Memoria da escola. Cultura material e testemuños da nosa historia educativa contemporánea, publicada por Xerais.