Sara Estévez Álvarez naceu en 1898 no pobo de Crespos, Padrenda. En 1916, cando tiña catorce anos realizou o exame de ingreso no Instituto de Ourense. Tamén sacou o título de Mestra Nacional.
Completou a súa formación en Bos Aires como interna na Maternidade de Rawson e aquí sacaría a Diplomatura de Partera. Logo trasladouse a Madrid onde foi axudante do Doutor Varela Radio, unha eminencia no mundo da mediciña. Un galego, nacido en Pontevedra e que estudou na Universidade de Santiago e despois se trasladou a Alemaña para seguir formándose. Estando en Madrid foi titor de moitos galegos que estudaban medicina na capital. Sara aprendería con el os interesantes adiantos técnicos que comezou a aplicar na xinecoloxía como a radioterapia.
Outro dos seus mentores sería Sebastián Recasens, ciruxián e especialista en obstetricia e Xinecoloxía e de grande fama pola súa profesionalidade e por ter sido o médico xinecólogo que asistiu á Raíña Victoria Euxenia para dar a luz ao infante Gonzalo Manuel.
De volta en Ourense instalou o seu consultorio para asistir a partos e facer curacións na rúa Libertad, nº 7 primeiro piso, e logo na rúa de Colón e finalmente na rúa Progreso, nº109 pero tamén abriu outro en Ribadavia a onde acudía dous días ao mes. Atendía previa cita chamando ao teléfono nº 27 e anunciábase diariamente na prensa local, tanto na Región como na Zarpa pero tamén na prensa de carácter nacional como na publicación El Blanco y Negro editado en Madrid.
(Fonte: La Región, 17 de abril de 1934, p. 5. Galiciana)
(Fonte: Blanco y Negro, 16 de setembro de 1934, p. 197.)
(Elaboración propia)
Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de doutoramento. Imaxe inicial, Programa de Festejos del Corpus, 1934;La Región, 26 de outubro de 1932, p. 6 El Eco de Santiago, 26 de decembro de 1919.