Etiquetas

18 marzo 2014

VICTORIA AMOR OUTEIRIÑO


Naceu en Ourense o 2 de xullo de 1907 e era filla de Antonio Amor, funcionario de Obras Pública. Aos 15 anos, en 1922, matriculouse no Instituto Provincial de Ourense despois de facer o exame de ingreso o 29 de setembro 1922. O seu pai pertencía ao Corpo Técnico da administración.

Realizou os seis cursos por oficial sendo alumna de Otero Pedrayo.  Acadou a titulación de Bacharelato e solicitou a Certificación para á Escola Normal de Ourense.

Estivo de mestra na escola de nenas de Maside pobo onde se integrou perfectamente participando nas festividades que se celebraban e nos actos culturais, de feito, na celebración da Festa de la Salud do 27 de xuño de 1934 Victoria pronunciou unha conferencia xunto con outros mestres da zona. Posteriormente foi destinada á escola de Rivela e como mestra en propiedade á escola de Arnado en Vilamartín. 

Foi unha das mestras que se adheríu á Casa del Maestro, unha institución inaugurada o 14 de marzo  de 1935 e no que tivo moito que ver Vicente Risco, director da Normal, e que tiña entre os seus obxectivos o apoio mutuo do profesorado e a mellora profesional mediante a organización de cursos.

Pero logo deu o salto a Madrid onde entrou a traballar na Redacción de "Marca" e comezou na Escola Oficial de Periodismo . Desde logo a súa vocación sempre foi o periodismo e "venció todas las dificultades y su personalidad quedo firmemente afincada en Madrid". Como ela comentou nunha entrevista "Antes de venir a Madrid, yo he sido un poco maestra nacional en un pequeño pueblo cercano a la capital. Cada mañana y bordeando el río Miño, recorria cinco Kilómetros para reunirme con las niñas de aquella pequeña escuela. Bien pronto comprendí que mi vocación no era la de la enseñanza precisamente".

Malia que residía en Madrid viña con frecuencia a Ourense e nunca se sentía decepcionada con esta cidade pois, segundo dicía, cando se aman moito as cousas estas nunca chegan a decepcionar. Da cidade gardou sempre moitas lembranzas e entre elas as figuras de Otero Pedrayo de quen foi aluna no Instituto e Vicente Risco con quen tivo sempre unha grata amizade.

A súa querenza por Ourense reflíctese moi ben no que dicía: "El virus de la nostalgia...es cierto que este virus nos ataca algunas veces, pero casi resulta grato ver desde lejos aquellas cosas que nos han sido y nos son queridas. La aventura del desplazamiento -y en esto son los gallegos maestros-no supone siempre aventura ya que muchas veces son las circunstancias las que obligan...". 
 
Sen dúbida, unha muller que sempre se recoñeceu ourensá e cando se lle preguntaba acerca do que salvaría da súa cidade ela manifestou que salvaría os seus costumes sinxelos.


Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense, 1900-1930, Tese de Doutoramento. Ademais tamén se tivo en conta unha entrevista realizada na sección "Galería de Orensanos en Madrid" do xornal La Región, publicada o 7 de abril de 1963, p. 18. Foto: extraída desa mesma entrevista.