Son das que opina que cando un autor publica un libro é unha mostra da súa xenerosidade que debemos agradecer, pois co seu traballo dános a posibilidade de subir un chanzo máis no noso coñecemento e, por conseguinte, evolucionar e mellorar nós como persoas e, por ende, a sociedade.
Xabier Castro, naceu en Cangas, é Catedrático e doutor en Xeografía e Historia e leva exercendo a docencia universitaria desde hai moitos anos. Estivo aquí en Ourense como profesor e desde 1991 forma parte do plantel da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela, pero tamén foi docente na Université de Rennes e na Escola Superior de Ciencias Sociais de Paris (École des Etudes Supérieures des Sciences Sociales) . Pero á par de todo este periplo profesional levou e leva a cabo un arduo labor investigador materializado nas numerosas publicacións que ten no seu haber.
Por exemplo, e aproveito para manifestalo aquí publicamente, o seu libro o Galeguismo na Encrucillada, un libro documentadísimo e que foi dos primeiros en abordar o nacemento e traxectoria do Galeguismo, é aínda hoxe para min un libro de referencia para as miñas modestas investigacións. Ten numerosos artigos nas Actas das Xornadas de Historia de Galicia, xornadas que se celebraban anualmente en Ourense e que eran organizadas por Xabier e Jesús de Juana e que nos abrían os ollos a moitos mozos e mozas daquel entón que comezabamos a sentir a paixón pola historia. Nestes artigos aborda temáticas interesantísimas sobre historiografía, a muller na historia, as fontes documentais, historia contemporánea de Galicia…As publicacións máis recentes de Xabier toman como eixe temático a gastronomía enfocándoa cara o poder e a capacidade deste ritual como vórtice organizador dunha comunidade. Nos seus ensaios “Ayunos y yantares. Usos y costumbres en la historia de la alimentación”; A la sombra ejemplar de los parrales. Cultura del vino en Galicia y otros espacios peninsulares; Yantares gallegos: historia de la dieta atlántica” Fai unha incursión na investigación da historia do Común, a historia do cotiá, da intrahistoria, que eu defendo ao considerar que é a historia real do pobo e a mellor maneira de apreciar os sentires e como evolucionamos.
E como dixen, os autores e investigadores agasállannos cos seus libros e o premio para eles é que os leamos. Non obstante, tamén é bonito que se lles recoñezan os seus esforzos e Xabier obtivo varios galardóns como: A mención de honra do Premio Otero Pedrayo; Premio de investigación de Xesús Ferro Couselo; Premio Gourmand best in the word e o Premio Nacional de Gastronomía Álvaro Cunqueiro.
Pero hoxe imos centrarnos no libro que se presenta e que se titula Cociñeiras con talento, publicado en 2023 e editado por Transforma co prólogo de Lucía Freitas.
Cando se me propuxo esta presentación deseguida pensei que me apetecía vir, si, en efecto, estar aquí, con vostedes e, por suposto, co autor, e voulles dicir por que. Porque fala das mulleres de cotío, que no seu día a día tamén fixeron grandes logros e construíron historias e conquistaron espazos.
Fala das nosas nais, avoas, tías, irmás…das mulleres galegas, mulleres do rianxo, polbeiras, marisqueiras, sementadoras, colleiteiras, mulleres cociñeiras e matriarcas, que priorizaron sempre o benestar dos seus ao seu propio. Mulleres galegas anónimas pero recoñecidas, discretas pero omniscientes, obviadas pero necesarias e oportunas.
Mulleres xenerosas, fachendosas, talentosas e preservadoras da súa camada, son as que nos velan, as que están pendentes de todo a todas horas, as forxadoras da engranaxe do núcleo familiar para que todo flúa e funcione. Mulleres que alimentan, que gobernan nese espazo íntimo de trafegueo gastronómico no que se multiplican e multiplican os alimentos. Un territorio onde crean, onde innovan, pois saben que o comer implica familia, implica festa. E diso sabemos moito as galegas e galegos pois cada comida é unha festa e non hai festa sen comida. E di: “Elas crearon silandeiramente o patrimonio gastronómico de Galicia, e fixérono cociñando devagar, a lume manso” (p. 48). Non cabe dúbida que dicir “á galega” forma parte do legado feminino, da nosa idosincrasia. Grelos e lacón, polbo á feira, peixe á galega,caldo con verza, grelos ou repolo, bacallao cocido, roxóns…pratos da nosa historia galega. Estamos ante un ensaio no que Xabier ennobrece á muller galega, elévaa e dignifícaa ao destacar a súa entrega incondicional.
Así mesmo estamos ante un ensaio que sobrepasa o seu estilo: Que quero dicir con isto? Pois non só é analizar, interpretar ou avaliar fríamente senón que chega a transmitir calor, olor, color…e chega a emocionar por ese halo nostálxico de revivirnos algo que sempre vivimos nós nas nosas casas e que é esa imaxe en mente das nosas nais servíndonos a comida con entrega e agarimo quedando ela de última en servirse a comida do día ou, a maioría das veces, comendo as sobras do día anterior.
Pero, ollo, é un ensaio que tamén reivindica e denuncia. Pon ante nós a perspectiva dun tema de xénero moi interesante e, talvez, apenas abordado nos libros historia, pois fala de como a muller foi pouco a pouco relegada, ninguneada e incluso rexeitada da cociña e di: “Afastadas da primeira liña, a liña quente”. (p. 41). Explica como foi desbotada dun espazo que dende as orixe da humanidade era seu e onde se relacionaba: “non só cociñaban e comían, eran o obradoiro das mulleres un ámbito laboral no que fiaban, tecían, cosían, calcetaban e desenvolvían outros labores artesáns….Era, pois, un ámbito de convivencia inter-mulleres…” (p. 52). Xabier ábrenos os ollos dicíndonos que arredor da gastronomía e do seu ritual agocháronse sempre comportamentos sexistas pois a comida tanto en calidade como cantidade se distribuía de xeito diferencial entre homes e mulleres.
Creo que debemos meritar o espléndido e exhaustivo traballo realizado por Xabier, as horas dedicadas a pescudar información por medio das numerosas fontes bibliográficas consultadas; as fontes literarias pois fai referencia a novelas de Emilia Pardo Bazán, de Neira Vilas, Valle Inclán, Miguel Delibes, Terenci Moix, Caro Baroja, …Así mesmo fontes orais tanto de actuais cociñeiras galegas con estrela michelín que nos contan como lles custou chegar a onde chegaron como de mulleres labregas e xentes de hoxe en día que lembran como eran as comidas das súas casas.
Xabier foi fiando toda esta documentación para producir un libro ameno e de lectura fluída con numerosos epígrafes moi enxeniosos e atractivos como: “Mulleres na leira e na horta”, “Síndrome obsesiva compulsiva de alimentadoras”, “O patrucio preside a mesa”, etc…. Un libro que agocha nalgún dos seus capítulos certo humor, digamos que negro ou retranqueiro, (como o da covada ou o do reparto dos zancos de polo, ou o da pel de bacallao que fai medrar os peitos da muller…) pois explica situacións que sendo serias acaban parecéndonos certamente surrealistas.
E remato dicíndolles que estou segura que ao lelo experimentarán o espertar das emocións ao rememorar ás mulleres das súas casas, e un libro de investigación histórica rigorosa que produza esta afección, é moi exclusivo.
R.M.C.G.