Etiquetas

31 diciembre 2015

PIEDAD FERNÁNDEZ LÓPEZ

Piedad naceu na vila de Castro Caldelas o 19 de xaneiro de 1899. Era filla de Pascasio Fernández e Remedios López. 

Aos quince anos, no ano 1914, ingresou no Instituto Provincial de Ourense e matriculouse por libre en materias soltas e o 13 de agosto dese ano solicitou o Certificado de traslado  á Escola Normal de León. 

De aquí pasaría á Residencia de Madrid, dirixida por María de Maeztu, onde permaneceu desde 1919 ata 1924 e tras estudar na Escola Superior de Madrid na que destacou polas súas brillantes cualificacións foi nomeada profesora de Pedagoxía da Escola Normal de Mestras de Baleares cun soldo anual de 1500 pesetas. En 1929 foi pensionada pola Xunta de Ampliación de Estudos designándolle o cargo de repetidores de Español na Escola Normal de Carcassonne, na comarca de Languedoc en Francia.

En 1932 regresou a Ourense por concurso de traslados e ocupou a praza de profesora auxiliar na Escola Normal de Mestras de Ourense exercendo tamén como Inspectora de ensino primario

Nestes anos a ATEO era unha asociación que tiña unha grande aceptación dentro do maxisterio ourensán. Se ben é certo, foron poucas as mulleres que chegaron a afiliarse (Ver entrada de Mulleres na ATEO), si houbo mestras e inspectoras que simpatizaron coa agrupación, entre as que figuraba Piedad Fernández.

Pero Piedad enfermou e tivo unha longo padecemento ata que faleceu o 12 de xuño de 1933 aos 33 anos de idade.

(Fonte: El Pueblo Gallego, 15 de xuño de 1933, p. 11)


O seu falecemento foi moi sentido polos membros da ATEO da que dicían que compartía con eles os ideais republicanos:

Una prolongada enfermedad arrebató la vida de la Srta. Piedad Fernández, Inspectora de primera enseñanza de Orense. Su abolengo republicano encuadró a esta compañera en una conducta de liberalidad y le legó la más rica de las herencias una vida sin prejuicios. Doble motivo tenemos para lamentar la pérdida de Piedad Fernández. Lo lamentamos por maestros y niños, la lloramos porque esta Inspectora era de las nuestras. Reciba su familia el aliento consolador que le envían los muchachos de la ATEO.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Esta entrada é un pequeno extracto dun estudo que estou elaborando sobre inspectoras ourensás)

29 diciembre 2015

MARINA PEÑA BOUZAS

Parte deste relato contoumo o seu irmán Manuel Peña.
Marina naceu en Viascón, Pontevedra,  o 8 de abril de 1914. Era a filla de Manuel Peña Rey e de Celia Bouzas Barreiro. O seu pai veu a Ourense a exercer de médico e no 1920 veu Marina coa súa nai e coa súa irmá Esther. Cando chegaron a Ourense estaban inaugurando a ponte Nova e estaba ilumiñado con luces de gas e Marina e a súa irmá quedaron impresionadas. 

Cando tiña dez anos, no ano 1924, ingresou no Instituto Provincial de Ourense. Aquí cursou seis anos, tres por libre e outros tres por oficial e obtivo unhas excelentes cualificacións. Sacou sobresaliente con premio en Lingua castelá, Latín 1 e 2. Nas materias de Xeografia de Europa, Xeografía especial de España,  Aritmética Historia de España  e Xeometría, sacou notable e no resto das materias acadou aprobado.

Ao finalizar no instituto solicitou o 27 de maio de 1929 o Certificado de Traslado á Facultade de Farmacia de Santiago. No 1933 tamén se sumou á nómina de mulleres ourensás que asinaron o Manifesto de Mulleres e formou parte do Grupo Feminino do Partido Galeguista  como a súa nai e irmá Esther. 

(Fonte: AIOP, Expedientes Académicos)

En 1929 participou na grande homenaxe que a cidade fixo á vellez. Alí estivo xunto coa súa irmá Esther e outras mulleres da cidade.

(Fonte: La Región, 9 de novembro de 1939, p. 1)

Logo foi a Madrid e estivo na Residencia de estudantes. No ano 1934, cando tiña 20 anos, coñeceu a Luís Fanjul, un médico de Oviedo que era republicano, e casaron. Durante a guerra civil Luís foi Tenente Coronel Médico do exército republicano e o matrimonio  tivo que separarse por un un tempo. Ao rematar a guerra exiláronse a México e fundaron alí un laboratorio prestixioso xunto a Blas Cabrera pero Luís faleceu o 20 de xuño de 1940. Marina regresou en 1953 a España coas súas fillas e estiveron unha tempada na casa dos pais. Logo voltaron a México e alí faleceu faleu en 2002.

Como muller comprometida co galeguismo foi unha das representantes na Comisión que acudiu a Madrid en xullo de 1936 para facer a entrega do estatuto de Autonomía ao Presidente das Cortes. Formaban parte desa comisión os presidentes das Deputacións de A Coruña e Lugo; os alcaldes das catro cidades principais; o Comité central do Estatuto; o secretario do Partido Galeguista; os deputados galegos Castelao, Viana e Villaverde e demais persoas entre as que se atopaba María Peña. (ver foto). María sumouse á Comisión pois nese intre residía en Madrid pois estaba sensibilizada pola súa militancia no Grupo Femenino do Partido Galeguista da que era presidenta a súa nai e seu pai Presidente do Partido Galeguista de Ourense.

(Fonte: "Ha venido de Madrid una comisión de Galicia", La Libertad, 16 de xullo de 1936, p. 12)

______
Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de doutoramento. Carmen Benso Calvo e Rosa María Cid Galante, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930); Historia de la educación: Revista interuniversitaria, ISSN 2386-3846, ISSN-e 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470; Cid Galante, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pags. 139-156.

A foto da cabeceira foi extraída do Diario de un médico de guardia 


06 diciembre 2015

LETICIA OSORIO GARCÍA

Artista plástica nacida en Ourense. Trasládase a temperá idade a Córdoba onde inicia a súa formación artística en 1986 no taller de Julia Hidalgo Queixo e que complementa realizando diversos cursos monográficos baixo a dirección de recoñecidos artistas como o VII e VIII Cursos de paisaxe baixo a dirección de D. Antonio Povedano e de D. Antonio Zarco Forte. cursos realizados en Priego de Córdoba nos anos 1994 e 1995.
No ano 2000 trasládase a investigar e traballar a Florencia. Desde o ano 2005  vive e traballa en Barcelona.

EXPOSICIÓNS INDIVIDUAIS
2013 Crónica dun diálogo.
Museo Municipal de Ourense.
2009 Galería Intel-lecte, Sabadell (Barcelona).
2005 Paisaxes dunha memoria dilapidada, Barcelona.
2004 Ausencias Innobles, Valencia.
1999 Sala Góngora Arte, Córdoba.

EXPOSICIÓNS COLECTIVAS (SELECCIÓN)
 2008Colectiva GALERIA DE ARTE MARAVIA, Córdoba .
Colectiva 30 Aniversari Galería Nova 3. Sabadell.
2007 Finalista Premis Fundació Vilacasas pintura i escultura, Barcelona.
2006 Art Miami 06.
2003 Europa 2003: Novas Presenzas, PARLAMENTO EUROPEO, Bruxelas, Bélxica.
2000-2001 Colectiva Itinerante A Última Fronteira. Galería de Arte CRAVE, Murcia e Galería d Arte XEMA LAZCANO, Madrid.
Fondos Contemporáneos outras formas e Tendencias, IES Luís de Góngora, Córdoba.
IX Certame de Pintura Cajasur-Casa Galicia ?Mestre Mateo. Córdoba.
1998 XX Aniversario da Colectiva Anual de Pequeno Formato. Tarragona.

1997
Concurso de pintura rápida Asociación Amigos de Córdoba, Palacio de Congresos, Córdoba.
Colectiva de pequeno Formato, Tarragona.
XLVI Exposición de Outono, Real Academia de Belas Artes Santa Isabel de Hungría, Sevilla.
1996 III Premio de Pintura Rural Caixa Rural de Sevilla, Sevilla.
XIX Certame Cidade de Baena, Premio ?Diego Monroy? de pintura, Baena, Córdoba.
1995 IV Bienal de Pintura Nova Galería Aquin?s de Reus, Tarragona.
XIX Certame Nacional de Pintura. XXXIX Festa da Oliveira, Moura, Toledo.
Concurso Nacional de Pintura ao óleo Premio Valentí, Sala de Arte Valenti, Sant Pere de Ribes, Barcelona.
Exposición VIII Concurso de Pintura para Universitarios das Carnicerías Reais, Priégo de Córdoba, Córdoba.
Exposición Itinerante I Ceramen Unicaja de Artes Plásticas, Sala de Exposicións Unicaja, Málaga.
1994 Monte de Piedade e Caixa de Aforros de Córdoba.
VIN Premio Nacional de Pintura Diego Monroy, Baena, Córdoba.
I Certame Nacional de Pintura Adolfo Lozano Sidro, Priego de Córdoba.

PREMIOS E BOLSAS
2001 Bolsa VIN Cursos Internacionais de Pintura e Escultura, baixo a dirección de D. Antonio López García, Jerez de la Frontera, Cádiz.
1998 Primeiro Premio Nacional III Certame Nacional de Pintura, Valencia.
1997 Primeiro Premio Nacional de Pintura Josep Salga de Pequeno Formato.
VII Bienal de Pintura Nova, Salón de Maio na Galería de Arte. Tarragona.

OBRAS EN COLECCIÓNS

Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Córdoba (COATCO).
TASACIÓN E OBRAS, Córdoba.
FUNDACIÓN PRASA, Córdoba.

El País

EMMA GONZÁLEZ BERMELLO

Naceu en Ourense en 1931. Pertencente a unha familia de pequenos empresarios e comerciantes do sector dos electrodomésticos, Enma González Bermello trasladouse a vivir a Vigo aos 3 anos. Nos últimos anos do franquismo é escollida concelleira nesa cidade polo terzo familiar, onde se ocupou de parques e xardíns. En 1978, trala dimisión deJoaquín García Picher, e antes das primeiras eleccións municipais democráticas, foi elixida alcaldesa entre os demais concelleiros. Así converteuse na primeira muller en acceder á alcaldía dunha cidade galega. Mantívose no cargo ata as eleccións de 1979.

Nas primeiras eleccións galegas, Enma González concorreu na lista da UCD pola provincia de Pontevedra, e saíu elixida deputada. Foi unha das tres primeiras parlamentarias galegas xunto con Carmen Lovelle e Flora Veiga, e xurou o seu cargo vestida de traxe tradicional. Na segunda lexislatura foi reelixida, neste caso nas listas de Alianza Popular, mais en 1987 múdase a Coalición Galega. Abandonaría a vida política en 1989..

Vid: Wikipedia
Foto: Faro de Vigo

22 noviembre 2015

MARÍA CONSOLACIÓN CARPIO Y VÁZQUEZ

Naceu en Ourense e era filla de Don Alipio Carpio Ballesteros, tenente coronel de infantería. Chelo casou co duque de Arévalo del Rey na igrexa de Santo Domingo o 26 de novembro de 1965. Foi un acontecemento social importante para a cidade pois o noivo, Don Arturo Alfonso Pardo Manuel de Villena e Verástagui, era descendente dunha das familias nobiliarias de máis renome e tiña o título de III Duque de Arévalo del Rey. O título fora concedido á familia polo rei Alfonso XIII en 1903. O matrimonio fixaría a súa residencia en San Sebastián.

El Progreso, 24 de novembro de 1965,  p. 5

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)

02 noviembre 2015

AURORA SEIJO DÍAZ

No blog facemos acopio das mulleres ourensás que destacan en diferentes campos, facendo especial mención daquelas que podemos consideralas pioneiras ao ser quen de acceder a terreos que non eran os adecuados para os convencionalismos da súa época. 

Volve ser o caso de Dona Aurora Seijo Díaz nacida en Verín o 1 de setembro de 1915. Era filla de Delfín Seijo Salgado, comandante da Garda Civil trasladado de Cuenca a Ourense, e María Díaz Álvarez. Cursou estudos no Colexio de Concepción Arenal de Ourense.

Logo realizou os estudos de Bacharelato. Verificou o exame de ingreso o 1 de xuño de 1934 no Instituto de Monforte de Lemos  pero ela consta que xa estaba matriculada no curso 1933-34 nas materias de Lingua Castelá; Xeografía Xeral e de Europa; Nocións e exercicios de Aritmética e Xeometría; Relixión; Lengua Latina; Xeografía especial de España; Aritmética e Ximnasia. No curso 1934-35 trasládase ao Instituto de Ourense no que remata os estudos de bacharelato no curso 1936-1937. Expediu o título o 2 de febreiro de 1940(1).

Finalizados os estudos de bacharelato solicita un certificado para a Universidade de Santiago de Compostela para matricularse na Facultade de Filosofía e Letras, cuxo ingreso foi o 20 de agosto de 1939 aínda que Aurora estivo exenta da realización do exame de ingreso. 

No curso 1939-40 fai o primeiro ano intensivo por oficial cursando as materias: Introdución á Filosofía; Lengua e Literatura españolas; Lengua Latina; Lengua Grega; Lengua Francesa; Historia Xeral e de España; Historia da Arte e Lengua Italiana. 

Neste tempo, concretamente o 29 de febreiro de 1940, solicitou poder participar nos Cursiños intensivos para o Maxisterio que o Ministerio de Educación Nacional convocara. Por tal motivo, envía unha instancia ao Decano da Facultade de Filosofía e Letras na que lle dicía:

María Auora Seijo Diaz, alumna de la Facultad de Filosofia y Letras de esta Universidad a V.I. con el mayor respeto expone: 
 
Que deseando grandemente y coviniendo a mis intereses tomar parte en los cursillos intensivos para el Magisterio recientemente dispuesto por el Ministerio de Educación Nacional es por lo que con toda consideración eleva la presente a la respetable autoridade de V.I. Suplicando humildemente que si lo estima de justicia se digne concerderme la escolaridad correspondiente de primer curso intensivo. 
 
Es gracia que espero alcanzar de V.I. cuya vida Dios guarde muchos años para bien de España y de la Enseñanza. (2)

O curso 1940-41 faino tamén por oficial e nel cursa as mesmas materias pero correspondentes a este segundo curso: Introdución á Filosofía; Lengua e Literatura; Lengua Latina; Lengua Grega; Lengua Francesa; Historia Xeral e de España; Historia da Arte e Lengua Italiana.

No curso 1941-1942 fai Prehistoria e Arqueoloxía; Historia Antiga e Media; Historia de España Antiga e Media; Paleografía; Xeografía e Numismática e Epigrafía.

No curso 1942-43 por oficial fai, entre outras materias, Diplomática; Historia Universal y Contemporánea; Historia de España universal y Contemporánea; Historia de la Geografía.

Unha vez rematados os estudos dirixe unha intancia co data do 16 de marzo de 1944 ao Reitor da Universiade de Santiago na que expón:

María Aurora Seijo Díaz, natural de Orense, provincia de Ourense, alumno de esta Facultad, domicilado en Santiago a V.I. respetuosamente expone: 
 
Que teniendo aprobadas todas las asignaturas que determinan las disposiciones vigentes del período de la Licenciatura en la Facultad de Filosofía y Letras, como debe constar en mi expediente académico, y habiendo abonado los derechos de inscripción para el Grado de Licenciado. Ruega a V.I. se digne admitirme a los ejercicios de dicho grado. 
Gracia que espera merecer de V.I.  (3)
 
Por último, realizou o 30 de setembro de 1944 o exame final ou reválida que lle confirmou o Título en Filosofía facendo o 21 de outubro de 1944 o depósito do mesmo. 

Exerceu como profesora no Instituto  de Ourernse impartindo Xeografía e Historia. Fixéronlle unha entrevista para a Revista escolar Rañolas a Antonio Rodríguez Martín (Ancla), exalumno do Instituto da promoción 1944 a 1951, na que di que Aurora empregaba como recurso didáctico o de adxudicarlle a cada neno e nena un personaxe histórico (4).

(Elaboración propia e entrada suxeita a publicación en libro.)
(1)A.H.U.S., Expediente Académico, Leg. 1380. Exp. 17-005. 
(2) A.H.U.S., Expediente Académico, Leg. 1380, Exp. 17-009.
(3) A.H.U.S. Expediente Académico, Leg. 1380, Exp. 17-010.
(4) "Antonio Rodríguez Martín" Revista Rañolas, curso 2020-21, p. 3.
Vid ademais: Publicacións Rosa Cid; El Pueblo gallego, 28 de xuño de 1934, p. 9.

Foto: Bande, Enrique, Institucións Docentes e grandes mestres en Ourense. 1846-2005), Vigo. Galaxia. 2010,p. 95

24 octubre 2015

MARÍA DOLORES DIÉGUEZ

Introducimos neste blog a María Dolores Diéguez pois é unha muller ourensá que está casada co actor británico Joseph Fiennes pero que o meritorio é que, a pesar de vivir no mundo do cine e da moda, ela non esquece a súa terra xa que teñen casa en Poboa de Trives, no pobo de Pena Folenche. María Dolores naceu en Suiza a onde emigraron os seus pais e alí formouse como modelo.

Vid: http://www.galiciaunica.es/maria-dolores-dieguez-y-joseph-fiennes/

19 octubre 2015

MARÍA DE LOS ÁNGELES FERNÁNDEZ TOVAR

María de los Ángeles Fernández Tovar, naceu en Ourense  no ano 1950 e foi membro do MDM de Ourense e  unha das impulsoras da recuperación da Memoria Histórica.
            Cuca Tovar, como se lle chamaba de xeito agarimoso, naceu en Ourense en plena postguerra no seo dunha familia con recursos. A familia paterna tiña unha longa tradición comercial e a materna tiña unha inquedanza cultural e intelectual que permitiu que Cuca fose unha muller inqueda polo coñecemento e a investigación. Viviu a súa infancia na cidade e realizou o bacharelato no Instituto.
            A cidade de Ourense será o ambiente onde ira medrando Ánxeles pero se a cidade se caracterizaba polo conservadurismo, a tradición e a consideración de que as mulleres fosen boas nais, fillas e esposas; Ánxeles racharía con ese convencionalismo postulándose como unha muller transgresora e independente.
            O seu espírito independente levouna a querer traballar moi nova e atopou o seu traballo como secretaria de Manuel Gómez Franqueira, o fundador dunha das empresas máis representativas da cidade, COREN. Ánxeles demostrou ter capacidade de traballo e grandes capacidades para desenvolver as tarefas que se lle encomendaban, pero acabou renunciando a el xa que ela era de espírito reivindicativo e humanitario que non ía cun traballo tan rutineiro. Isto fixo que apostase por un proxecto social que estaba a nacer en Ourense como era o Circo dos Muchachos. Esta acción social que fundara o Pai Silva e que tiña como obxectivo acoller aos rapaces para escolarizalos e facer medrar neles o espírito democrático e participativo era un labor que se adaptaba moi ben ás inquedanzas altruístas e filantrópicas de Cuca.
            Cuca entregouse ao proxecto e marchou a vivir á Cidade dos Muchachos.Con poucos enseres e unha guitarra fixo daquilo o seu fogar e comezou a traballar cos nenos e nenas para ofrecerlles unha saída e un futuro. Para Cuca era como un oasis de liberdade nunha época franquista, pechada, e opresora. Coa ilusión posta no corazón, comezou a traballar para que os mozos tivesen un benestar e ao mesmo tempo fosen comprometidos coa sociedade e lograran transformar o mundo. Cuca permaneceu un tempo colaborando no Circo dos Muchachos pero deuse conta de que o proxecto comezaba a desencantala e abandónao.
            Regresou a vivir á cidade pero faino nun piso compartido con amigos. Isto non foi ben aceptado pola sociedade ourensá dos anos setenta que chegou incluso a criticala e menosprezala por non seguir a senda que estaba predestinada para as mulleres da época que era casar e ter fillos. Pero a fortaleza e personalidade de Cuca fixeron que non lle afectase tales comentarios e viviría de xeito independente, sen casar nin ter fillos. Ese piso onde residía Cuca será un recanto de liberdade, de encontro de artistas, intelectuais e profesionais que avogaban por un cambio político. Ao mesmo tempo ela vai querer ter un traballo estable e comeza a preparar unhas oposicións para cubrir un posto na administración e aprobounas.
            En Cuca seguirá medrando o compromiso social levándoa a unirse nos anos setenta ao Partido Comunista e a Comisións Obreiras. Veremos a Cuca nun activismo convencido para conseguir o ben común e a xustiza social. Comeza a participar en actos públicos dando charlas e  mitins que sempre remataban con aplausos de admiración polas súas palabras. Palabra enchidas da forza e da sinceridade de Cuca.
            Cando se celebrou o primeiro mitin do Partido Comunista na cidade ourensá o 4 de maio de 1977, participou Cuca. Había no pavillón de deportes unhas dúas mil cincocentas persoas e primeiro falou López Cambeses que disertou sobre a legalización de todos os partidos políticos. Logo falou González Montoto que aludiu ao caciquismo e ás xubilacións e pensións. Outros que tomaron a palabra foron Redondo Abuín e Gómez Prieto. Nisto toma a palabra Cuca Tovar que saludou aos partidos non legalizados para os que pediu recoñecemento e liberdade. Co espírito combativo lembrou os anos corenta como anos sen liberdade  e de emigración por parte de numerosos galegos. Lembrou a explotación sufrida polas mulleres e a marxinación que senten polo capitalismo. Afirmaba con vehemencia que o Partido Comunista é o partido da liberación da muller: “pido que se acaben las discriminaciones, la igualdad de salarios, libertad de anticonceptivos a través de la Seguridad Social y control médico”[1].  Era firme defensora da liberación da muller e reclamaba os dereitos de divorcio. Foi un gran alegato feminista, un mitin chego de enerxía en defensa das mulleres: “Vota por la democracia, mujer y votarás tu liberación” remataría dicindo. Os aplausos foron rotundos.
            Cuca estaba converténdose nun referente na cidade polos seus principios e súa personalidade firme na defensa da muller. Por tal motivo, era invitada a participar en tertulias e mesas redondas como representante do PCG. Nunha mesa redonda celebrada no Ateneo de Ourense o día 17 de novembro de 1977 ela foi como representante do partido. O tema a tratar era os Pactos da Moncloa e había once representantes de cada partido que tiveron ocasión de falar durante cinco minutos. Cuca era a única muller na tertulia e alí manifestou os seus postulados sen amedrentarse ante unha sala moi concorrida de público[2].
            A capacidade de compromiso de Cuca e a súa firme crenza na xustiza social medraban no seu espírito combativo, en Cuca dá un paso máis no seu activismo pasando de militante a candidata ao Congreso nas eleccións de  marzo de 1979 ocupando o segundo posto despois de Redondo Abuín[3]. A partir de entón, Cuca sempre será candidata nas listas polas súas convicións.
            O feminismo sempre estivo presente no sentir de Cuca e ese compromiso materializouse cando formou parte do Movemento Democrático de Mulleres en Ourense. A organización creouse en Ourense no ano 1975 por iniciativa de Rosario Gutiérrez Rodríguez e de Marta Marroquín Travieso que era a compañeira de Redondo Abuín. Conformaron o grupo vinte mozas entre as que se atopaba Ánxeles Tovar. Estas celebraban as súas asembleas en pisos particulares e en Ourense reuníanse nun apartamento da Torre de Ourense. Nesas reunións falábase dos dereitos para a muller e a necesidade de rematar coa discriminación que padecía. A súa actuación encamiñábase a facer panfletos e charlas de concienciación[4]. Cuca foi unha das protagonistas neste primeiro colectivo feminista da cidade.
            Outra batalla que librou Cuca foi en 1970 cando se mobilizou e protestou con motivo do xuízo contra dezaseis militantes de ETA. Cuca uniuse ás protestas que se produciron en todo o territorio español e tamén nos países estranxeiros para evitar que foran condenados á pena capital. Para iso participou no peche que se realizou na Catedral xunto con Peña Rey, o escultor Baltar e máis xente comprometida. Isto foi unha mostra de valentía xa que podería ser vítima de represalias. Cuca contribuiría deste xeito a que os presos foran indultados e rebaixadas as súas penas.
            A nai de Cuca, Ángeles Tovar Morais,  foi unha muller de ampla cultura e iso transmitiríallo á súa filla. De tal xeito que Cuca, ao mesmo tempo que traballaba como funcionaria, matriculouse polos anos oitenta na Facultade de Historia. Xa rematando os estudos, en 1986, decidiu facer o traballo de fin de carreira sobre o tema da Guerra Civil en Ourense. No seu traballo quería contemplar os enterramentos feitos durante a Guerra Civil no Cemiterio de Ourense e constatar cantos foran fusilados ou mortos por actuacións violentas,  para o cal solicitou permiso ao Concello para consultar o libro de Rexistros do Cemiterio pero foille denegado polo alcalde.  Non querían que recuperara a memoria dos falecidos na guerra e manifestaban: con lo que no estoy de acuerdo es que se vaya a buscar exclusivamente datos de un período doloroso para España, como fue la época del 36...yo creo que es una etapa que tenemos que superar todos y olvidarnos de este tema y no seguir escarbando en algo que ya han pasado 50 años y un par de generaciones por medio... [5].
A partir de aí comezou unha dura e longa loita pois entre Cuca e a Alcaldía. O Alcalde na súa defensa aludía a Cuca de xeito despectivo e cuestionando a súa calidade de historiadora e investigadora. A determinación de Cuca levouna a enfrontarse ao Consistorio instando unha acción xudicial que finalmente rematou cunha sentenza do Tribunal Supremo do 20 de febreiro de 1992 na que se condenou ao alcalde Caride Tabarés a seis anos de inhabilitación por delito de prevaricación e inxurias por impedir que Cuca Tovar puidera acceder aos documentos solicitados[6].
            Unha vez finalizado o proceso xudicial Cuca comeza a investigar sobre o Ourense entre os anos 1936 e 1939 e realizou un traballo verdadeiramente interesante recollendo testemuñas das persoas que viviran a guerra centrado principalmente nas vivencias das mulleres, grandes damnificadas nas contendas bélicas; deulles relevancia. O que nos legou Cuca foron testemuñas das vivencias, dos horrores, da violencia, do que aconteceu. Todo isto desde unha perspectiva humanística alonxándose do relato aséptico e frío. Entrevistou a Ángeles Paradela que lembrou como as mulleres peregrinaban polos cárceres buscando aos seus familiares ou recollendo os seus restos. Tamén recolleu o testemuño de Mercedes Gómez del Valle, unha recoñecida militante política, que lle contou que fora detida e vexada. En definitiva, Cuca reflectiu a guerra civil desde a perspectiva das mulleres, algo moi novidoso pois naqueles anos a historia eludía totalmente o rol das mulleres e o seu protagonismo na historia. E así foi recollido no libro Cuca. Recuperadora da Historia. Finalizado o traballo acada a licenciatura en Historia pola Universidade de Santiago.
            Ángeles Fernández Tovar faleceu en 1996, demasiado pronto pois aínda quedaban batallas por resolver. En poucos anos Cuca arribou montañas empinadas, tanto sociais, como políticas, como xudiciais, como feministas, pero tamén chegou a elas a través do alpinismo, xa que era outra das súas aficións. No ano 1971 creouse o Club Alpino de Ourense e alí estaba Cuca. A natureza, a montaña dábanlles as forzas para emprender  con enerxía a súa loita.
Cuca desmontou o estereotipo das mulleres pois era libre e loitadora. A súa vida seguiu a senda que lle marcaba o corazón e a r azón e esa senda quedou gravada para as sucesivas xeracións de mulleres.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Álvarez Gómez, Concepción,  “Movemento democrático de mulleres en Galicia”, Murguía Revista Galega de Historia, 14 (2007) 71-94.
“As mulleres no tardofranquismo e a transición democrática” en Jesús de Juana e Julio Prada (dir) As mulleres en Galicia no século XX , Vigo, Ir Indo, (2001) 231-260.
Fernández Tovar, María Ángeles, Cuca Tovar. Recuperadora da Historia Ourense, Amigos da República ( 2010)


[1] “El primer mitin comunista” El Pueblo gallego , 5 de maio de 1977.
[2] “Mesa redonda sobre el Pacto de la Moncloa”, El Pueblo gallego, 18 de novembro de 1977.
[3] “Lo electoral tema destacado” El Pueblo gallego , 6 de febreiro de 1979.
[4] Concepción Álvarez Gómez, “Movemento democrático de mulleres en Galicia”, Murguía Revista Galega de Historia, 14 (2007) 71-94; “As mulleres no tardofranquismo e a transición democrática” en Jesús de Juana e Julio Prada (dir) As mulleres en Galicia no século XX (Vigo, Ir Indo, 2001) 245.
[5] “Lembranza de Cuca Tovar” http://anabande.blogspot.com/2008/09/lembranza-de-cuca-tovar.html consultado o 13 de abril de 2020.
[6] Ana María Bande Bande, “O acceso aos arquivos. A eterna batalla. A loita de Cuca contra o alcalde de Ourense como exemplo paradigmático de loita pola transparencia”. https://es.scribd.com/doc/29840143/O-acceso-aos-arquivos-a-eterna-batalla-A-loita-de-Cuca-Tovar consultado o 11 de abril de 2020.
Foto: Ourense dixital

01 octubre 2015

MARÍA LUÍSA GUITIÁN OJEA

María naceu en Cristosende o día 24 de outubro de 1919 no seu dunha familia de recursos e de intereses intelectuais. Seu pai era José Guitián Martínez. Era a irmá de Francisco Guitián Ojea, doutor en química e farmacia e reputado profesor e investigador. 

María matriculouse no ano 1939, cando tiña 20, na Facultade de Filosofía e Letras. Realizou os estudos por oficial e rematounos no 1943, ano no que se licenciou. 

Casou o 10 de outubro de 1945 na igrexa dos Milagros de Monte Medo co capitán Luís González González.

(Fonte: Finisterre (Madrid. 1943). 2/1946, página 18)
(Elaboración propia a partir de diversas fontes)
Vid: Cid Galante, Rosa María, Tese de doutoramento; El Correo Gallego, 11 de outubro de 1945, p. 2; Finisterre, febreiro de 1946, p. 22.

13 septiembre 2015

ENCARNACIÓN RIVERA GRAU

Naceu en Ourense no ano 1907 e era filla de Encarnación Grao y Rivera e do catedrático do instituto ourensán e delineante de Obras públicas, Ernesto Rivera Taboada. Contraeran matrimonio en Madrid en decembro de 1898. En 1904 aduxicáronlle a praza de calígrafo ao pai no Instituto ourensán. 
Encarnación, no ano 1917, cando tiña dez anos, matriculouse no Instituto Provincial, tras realizar o exame de ingreso o 20 de setembro de 1917. Estivo inscrita ata 1923 nos seis cursos pola opción oficial acadando unhas cualificacións destacables. Obtivo sobresaliente en Caligrafía, Latín, Xeografía especial de España, Francés con premio, Historia de España con premio, Preceptiva Literaria e Composición, Historia Universal, Álxebra e Trigonometría, Debuxo, Psicoloxía e Lóxica con premio, Elementos de Historia Xeral da literatura, Física, Fisioloxía e Hixiene,Etica e Rudimentos, Historia Natural, Agricultura e Técnicas con premio. En total dezanove sobresalientes.

En 1923 acada a titulación e solicitou traslado á Universidade Central de Madrid. Alí reralizou estudos de Medicina especializándose no campo da Pediatría sendo pionera nesta especialidade. En 1936 foi nomeada médico pediatra para o Dispensario de colocación familiar do Preventorio Infantil de Guadarrama. Foi consultora do chamado Pirulí. Formou parte do Patronato Nacional Antituberculoso e Enfermidades do Tórax. Desenvolveu o seu traballo en Vigo, alí tiña a consuta, primeiro na Rúa Progreso, nº 13 e logo na Rúa Reconquista, nº 11 no segundo piso. Despois de tantos anos de exercicio a cidade viguesa tributoulle unha emotiva homenaxe. Faleceu en 1991.

El Pueblo Gallego, 7 de xaneiro de 1945, p. 6

A súa irmá Filomena tamén fixo o exame de ingreso no instituto o 28 de setembro de 1923 e en 1926 solicitou certificación para a Normal de Ourense pero cónstanos que en 1941 se presentou ao concurso oposición para ocupar praza de enfermeira.

Vid: Cid Galante, Rosa María. Muller e educación en Ourense 1900-1930. Tese de Doutoramento; El Miño, 25 de decembro de 1898, p. 1; El Miño, 6 de xullo de 1904, p .3;  El Pueblo Gallego, 7 de xaneiro de 1928, p. 7; La Voz de Cantabria, 15 de abril de 1936, p. 4; BOE, 25 de febreiro de 1964, p. 2538; Anuario Vigo, nº 16, 1954-1955, p. 136; Anuario de Vigo, nº 3, 1941, p. 25; La Voz de Galicia


10 septiembre 2015

MENCHU

Menchu é unha cantante ourensá que nos anos sesenta triunfaba en España. Formouse no coro do Colexio Santo Domingo e tamén no Conservatorio da cidade recén creado. Por aquel entón xa amenizaba e acudía a festivais benéficos e veladas diversas. Despois do éxito acadado na Radio Madrid participou no IV Festival de Benidorm en 1962 coincidindo con Rafael e co que compartiu escenario.
Posteriormente asinou un contrato con Hispavox co que fixo algunha gravación e chegou a ter un club de fans. Pasado un tempo, rompeu o contrato coa compañía musical e regresou a Ourense onde formou un cuarteto musical.
Ao contraer matrimonio deixou a música de xeito profesional e simplemente cantaba en festas e reunións de amigos.
Sen dúbida, foi unha gran cantante.

Vid: La Región
Foto extraída da portada do se disco: http://www.todocoleccion.net/discos-vinilo/menchu-ep-hispavox-festival-benidorm-1962-llevan-quisiera-cada-cual-alba-amor-slow-rock-bolero~x48694399




Diario de Zamora de Falange Española de las J.O.N.S.: Año XXVII Número 8115 - 1962 Julio 08


25 junio 2015

MAFALDA SOTO

Mafalda Soto naceu en Ourense, estudou a carreira de Farmacia e desenvolve unha actividade encomiable. Hai seis anos que Mafalda Soto chegou a África como cooperante. Alí tomou contacto coa realidade dos negros albinos e hoxe é a responsable dun proxecto centrado na loita contra o cancro de pel que afecta a estas persoas. Desenvolve o seu labor no principal hospital da rexión do Kilimanjaro, en Tanzania.
Mafalda comezou a apoiar ás persoas albinas e outros colectivos desfavorecidos na veciña Malaui, da man da ONG África Directo. Despois de colaborar nas campañas de dermatoloxía solidaria de Pedro Xaén e o seu equipo do Hospital Ramón e Cajal, xurdiu a posibilidade de liderar a creación dunha fábrica de fotoprotectores. O resultado é unha crema solar de alta protección bautizada co nome de Kilimanjaro Suncare, que chega cada catro meses a 1.500 albinos, queren chegar a 2.000 a finais deste ano salpicados en zonas rurais da Rexión do Kilimanjaro e outras áreas da zona norte do país e o lago Vitoria, as máis arrasadas polas persecucións.
Moi merecidamente outorgáronlle o Premio Avanzadoras.

02 junio 2015

EVA DAFONTE

Considero moi interesante introducir no blog a mulleres ourensás moi novas que están tendo éxito na súa profesión. Este é o caso de Eva Dafonte que é enxeñeira informática que traballa na CERN e que foi galardoada co premio Ada Byron que concede o Cpeig.
Eva é experta en replicación de bases de datos usando Oracle Streams e na rede de computación de Gran Colisionador de Hadrones.
Vid: La voz de Galicia

26 mayo 2015

ANA SÁNCHEZ

Ana Sánchez era natural de Ourense,  filla do libreiro Alonso Sánchez e de Francisca Ramos. Ana Sánchez tiña unha irmá, chamada María, que casou en 1592 co ensamblador Pedro Brunes, natural de Flandes. Na carta de dote desta última, establecíase que os cónxuxes vivirían un ano cos pais dela, baixo a condición de que o que María gañase durante ese ano no oficio e arte de libreiro, ou en calquera outro, fose para os seus pais.

Por outra banda, Ana Sánchez, casou cun colega de seu pai, o libreiro Domingo Gómez, tal e como era habitual entre os artesáns e mercadores. En 1609 Ana xa estaba viúva, mais continuaba co negocio familiar ata que esta morreu no ano 1610. No reconto dos seus bens e da librería rexistráronse 195 obras permiten retratar o gusto da clientela ourensá: obras relixiosas como misais, breviarios ou vidas de santos, obras de autores clásicos como Aristóteles, Virxilio, Cicerón, Tito Livio, Ovidio, Xuvenal e Esopo, de autores contemporá- neos como Frei Luís de Granada ou libros de xurisprudencia, de cirurxía e de ensinar a ler e escribir. Ao mesmo tempo, tamén deixou gravados en madeira, estampas, impresos de poderes, “paulinas” e cartas de pago, así como papel en branco e tres peles de pergamiño e instrumentos do oficio de encadernador.

Vid: García Fernández, Miguel, "Alfabetización, autoría e produción impresa. Unha aproximación en feminino á cultura letrada da Galicia Moderna", Cuadernos de Estudios Gallegos, LIX Núm. 125 (enero-diciembre 2012), pp. 216-217.

16 mayo 2015

ÁNGELES (ANGELITA) GÓMEZ VILA

Naceu o 31 de xaneiro de 1916 en Baños de Molgas. Seu pai era Manuel Gómez, industrial, e a súa nai era Serafina Vila Rivas. Fixo os estudos de bacharelato no colexio das Carmelitas e renatounos no 1940 tal como prensa local recolleu no seu momento. Posteriormente inscribiuse na Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago, estudos que realiza de forma oficial. Licénciase en 1947 e colexiouse o 25 de marzo de 1949 co número 121. Exerceu a súa profesión como farmacéutica en Baños de Molgas.

Unha muller de grande cultura pois falaba varios idiomas como o francés e o inglés e realizou o Cursillo de Análises Bromatolóxico- Bacteiolóxico, Clínicos e Químico Industrial e o Diploma de Socio Numerario da Sociedade Española de Historia da Farmacia.

Tamén exerceu como mestra nacional e foi nomeada inspectora interina de Baños de Molgas.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de Doutoramento, Universidade de Vigo, 2006.
Freire Quintas, Laura, Aportación a la Historia de la Farmacia en la provincia de Orense, traballo presentado na Facultade de Farmacia da Universidade Complutense en 2015, p. 229 (foto idem); La Región, 17 de agosto de 1940, p. 2.



08 mayo 2015

ELVIRITA CUEVILLAS


Coñecida era por Elvirita, muller elegante, sorrinte e tenra da nosa cidade. Elvira Cuevillas levaba o apelido dun ilustre ourensán pero ela soubo gañarse o aprezo e a admiración de moitos. Mestra de profesión, muller adiantada ao seu tempo, muller que arrincou panexíricos por parte de numerosos ourensáns.
E se mo permiten, as palabras que lle dedicou Alfonso Vázquez Monxardín na Rexión, son moi bonitas e gústame reproducidas aquí pois a través delas achegámonos a esta dona ourensán de cabelo albo:


Titúlao así:                       ELVIRA CUEVILLAS, A MOZA MÁIS NOVA
De Alfonso Vázquez Monxardín
(Publicado en La Región 1-5-2013)

"Elvira Cuevillas, esa moza elegante, coqueta, culta, afable, de cabelo curto e inmaculadamente branco, que se entretiña en espallar pola cidade adiante sorrisas amables sempre, e xuízos críticos cando cumpría, acababa de emprender a viaxe defintiva. Seguramente, seu pai, Florentino, o eixo histórico da xeración Nós, fondamente católico e de misa diaria algo que non deu inculcado en Elvira, esta filla tamén doutros tempos e doutras ideas- aseguraría que estaría no ceo. E se cadra si. Pero en calquera caso, o lugar onde estea ela será mellor, máis divertido, que antes da súa presenza.
Elvira, filla de don Floro e dona Julia*, a maior das tres irmás, Julia e Milagros as outras, pasaba xa dos noventa, pero tiña que dar a volta para que non pensases que era unha nena moderna, cos seus vestidos, os seus colares, os seus pendentes, o seu sorriso.
Elvira formara parte desas mozas transgresoras de cando ninguén o era, que un día dos anos sesenta marchou por Europa, a Holanda de partida creo, pero tamén a outros sitios, exercendo de mestra de nenos, e cun mozo, José Luís o Pitolas, primo de meu pai, para escándalo da cidade conservadora. Ela, de broma, sempre me recordaba que eramos case parentes. O Pitolas non foi o único pero se cadra foi o seu grande amor.
Nos últimos anos viviu de acabalo entre o Sanxenxo tranquilo de contratemporada o relax da natureza- e o Ourense matricial e dos encontros activos coas amigas e amigos de varias xeracións
Lembro as súas bágoas na rúa e como se tivo que sentar nunha terraza da rúa da Paz o día que lle dixen que Marcos Valcárcel acababa de morrer. Vitalista apaixonada da cultura, sempre presente nas Xornadas da Filosofía de Pontevedra, nas conferencias e concertos que había na cidade, escoitando aos escritores, amigos, participando nos clubes de lectura, de cine case diario?
Faláballes antes de amigos de varias xeracións. Permítanme que lles conte unha anécdota que me relataba emocionado hai meses o amigo Xosé María Eguileta, motero, arqueólogo municipal, cuevillista apaixonado de don Floro, e da boa xente da Fundación Vicente Risco que tanto a mimaron. Pois contábame que un día, hai un par de anos, Elvira díxolle que lle gustaban as motos grandes. E que nunca fora nunha tan chula como a del. Despois de pensalo un pouco, e como Elvira estaba rufa, Eguileta deixoulle un casco, unha chupa de coiro e á mañá seguinte foron almorzar a Soutelo de Montes. Seica disfrutou como unha nena. Seguramente porque tivo a sorte e a sabiduría de nunca deixar de selo de todo. 
Elvira Cuevillas, Sit tibi terra levis. Que a terra che sexa leve. Por aquí, desde logo, ímoste botar de menos."


Preciosas palabras as que lle dedica Alfonso V.Monxardín, sen dúbida, non puiden remediar poñelas aquí.
Vid: La Región
(*) No texto hai un erro, a muller de Florentino López Cuevillas era Milagros Rodríguez.

Elvira López Cuevillas foi unha muller intelectual, amante do estudo ademais de ser reivindicativa e valente.
            En moitas ocasións e sen intención, unha grande personalidade eclipsa ás persoas da súa contorna, pero levámonos unha grande sorpresa ao comprobar que estas tamén trazaron unha traxectoria moi encomiable. É o caso que nos ocupa. Elvira López Cuevillas, filla dun dos intelectuais máis admirados e destacados de Galicia, tamén nos deixou un importante legado cultural ademais de ser unha muller adiantada ao seu tempo polo seu carácter independente e lonxe de convencionalismos. Elvirita, tal como era denominada polo agarimo que transmitía, era delgada e levaba o pelo sempre moi curto e branco, deste xeito non ía acorde coa moda feminina da época o que era mostra do seu carácter rompedor.
            Florentino López Cuevillas e Milagros Rodríguez casaron en Ourense en 1912 tras regresar el de Madrid. Tiveron tres fillas, Elvira que era a maior, Julia e Milagros[1]. Sen embargo, Elvira viviu e medrou durante un longo tempo na casa duns familiares, algo que quizás lle afectou. Non obstante, soubo aproveitar o ambiente cultural da familia para enriquecerse intelectualmente. Seu pai, un  reputado e recoñecido intelectual e galeguista e súa nai, Milagros, que formou parte do Grupo Feminino de Ourense do Partido Galeguista e que fora unha das que asinaran un dos manifestos máis interesantes en prol da cultura e recoñecemento de Galicia[2]; ían ser grandes referencias para Elvira fixo dela unha muller de perspectiva aberta e moi moderna.
            Fixo estudos de maxisterio e a súa inquedanza e valentía levárona polos anos sesenta a deixar Galiza para ir das clases aos emigrantes que estaban en Holanda paro despois vivir un tempo en Francia.
            O 23 de novembro de 1952 faleceu a súa nai e iso supuxo para Florentino e as súas fillas unha dor intensa. Tamén foi unha perda moi sentida para as súas amizades máis achegadas como Dona Eladia, nai de Otero Pedrayo, Dona Fita e o propio Otero. Así se constatou nas misivas que se enviaban regularmente Otero e a súa nai quen escribiu: “Fita que te pareció de la pobre Milagros, ya se fue para siempre, a mi no se me va de la imaginación. Dios la tenga en buen lugar”[3].
            De novo regresou a Ourense e comezou a implicarse no ambiente e actividade cultural da cidade. Participou no Liceo no clube de lectura; tamén era asidua visitante do Museo Arqueolóxico de Ourense, sen dúbida unha vocación herdada do su pai, para coñecer as últimas achegas de restos arqueolóxicos. Así mesmo, era unha muller que percorría os castros da provincia e mesmo trepaba axilmente polas pedras e muros de xeito intrépido. Seguro que neses percorridos lembraría ao seu pai que tantos estudos arqueolóxicos realizara. Asistía a concertos, a conferencias de escritores e estaba sempre presente nas Xornadas da Filosofía de Pontevedra.
            Todo isto dá mostras de que era unha muller que sempre quería aprender. De feito fixo estudos de interesante calado como o titulado “Provisiones, proclamación y juras de la Constitución  en 1812 y 1820 y quemas de la Constitución en 1814 y 1823 en los libros de actas del Ayuntamiento de Orense” publicado no ano 1994 no Boletín Auriense onde fai unha análise pormenorizada das primeiras constitucións e a súa repercusión e incidencia na cidade de Ourense[4].
            Froito do amor filial ao seu pai, sempre estaba presente nos eventos que facían no nome de Don Florentino, como conferencias, presentación de libros, etc. converténdose nunha grande embaixadora da súa figura. Cando José M. Gómez Tabanera, antropólogo e historiador, reeditou en 1988 a obra  de Cuevillas “La civilización céltica en Galicia” que se publicara no ano 1953 deu as grazas as fillas de Cuevillas, Julia e Elvira, por apoiar a iniciativa dicindo texualmente: “Hoy quiero evocar su figura en estas páginas, que vuelven a ver la luz gracias a la generosidad y amor filial de sus hijas Julia y Elvira”[5].
            Tamén estivo presente na reedición do libro “Parroquia de Velle” que fora escrito por Cuevillas, con Vicente Fernández Hermida e Xaquín Lorenzo[6].
            Elvira deu mostras de ser unha grande defensora de Galicia. Coñeceu a importantes representantes da cultura galega e por iso participou coas súas testemuñas en documentais como o titulado “D´A fazaña á Liberdade” dedicado a Alexandre Bóveda. Elvira vía de xustiza lembrar a estes ilustres galeguistas que tanto ben fixeran pola nosa cultura. Tamén foi testemuña da amizade entre o seu pai e Otero Pedrayo e este, estando en Santiago preocupábase de cartearse con regularidade con Cuevillas. De feito Otero Pedrayo lle enviou á súa nái dicíalle a esta que nas cartas que lle enviaba á súa nai desde Santiago dicíalle: “Escribe dos letras a Florentino o a sus hijas cuando puedas”[7].
            Elvira tiña unha forte personalidade, era moi independente e tiña un encanto rebelde. Casou cun home máis novo que ela, José Luís o Pitolas, o que provocou certo escándalo na cidade pero nunca lle importou o que dixeran dela, pola contra, isto deulle máis forza e orgullo.
            Era unha muller dunha grande nobreza pois nunca ocultou o que pensaba atrevéndose a manifestar a súa opinión ante quen fora, pois Elvira  era, tal como dixo Alfonso Vázquez Monxardín: “Elvira Cuevillas, esa moza elegante, coqueta, culta, afable, de cabelo curto e inmaculadamente branco, que se entretiña en espallar pola cidade adiante sorrisas amables sempre, e xuízos críticos cando cumpría…[8]
            Elvira faleceu en maio de 2013. Aquela moza aventureira deixou unha fonda pegada na cidade. Elvirita deixou poucos escritos e manifestos…pero deixounos unha forma de vida libre de ataduras. Monxardín conta a anécdota de que Xosé María Eguileta, o arqueólogo e moteiro,  un día prestoulle unha cazadora de coiro e un casco para levala na súa moto pois Elvira dixéralle que lle gustaban as motos grandes pero nunha montara nunha. E alá foron, a almorzar a Soutelo de Montes. Elvirita disfrutou coma unha moza.
            Elvira Cuevillas, unha muller que foi limpando un camiño trufado de prexuízos para a muller  debe estar na nosa memoria.






[1] Florentino López Cuevillas, https://es.wikipedia.org/wiki/Florentino_L%C3%B3pez_Cuevillas consultado o 24 de marzo de 2020.
[2] Rosa María Cid Galante, “Grao de participación da muller ourensá en movementos asociativos, políticos  e reivindicativos (1920-1936)” Minius, 14 (2006:66) 57:72
[3] Cartas á nai 241.
[4] Elvira López Cuevillas, “Provisiones, proclamación y juras de la Constitución en 1812 y 1820 y quemas de la Constitución en 1814 y 1823 en los libros de actas del Ayuntamiento de Orense”, Boletín Auriense, 24, 1994; pp. 227-252.
[5] J.M. Gómez Tabanera, “Presentación. Florentino López Alonso –Cuevillas y la Galicia céltica” en Florentino López Cuevillas, La civilización céltica en Galicia, (Madrid, Itsmo, 1988), 12.
[6] “La Diputación de Ourense y el Museo do Pobo Galego reeditan  el libro Parroquia de Velle”, https://www.europapress.es/galicia/noticia-diputacion-ourense-museo-do-pobo-galego-reeditan-libro-parroquia-velle-escrita-1936-20060221172544.html consultado o 24 de marzo de 2020.
[7] Ramón Otero Pedrayo, Cartas á nai  1951-1956 (Vigo, Galaxia, 2007), 242
[8] Alfonso Vázquez Monxardín, dedicoulle a Elvira unha fermosas palabras na prensa cando ela faleceu. Destacando dela a súa gracia, cultura e personalidade.”Elvira Cuevillas, a moza máis vella”, La Región, 5 de maio de 2013.