Etiquetas

27 diciembre 2019

CRISTINA GARCÍA COLOMO

Cristina Colomo naceu en Astorga en 1962  pero reside en Ourense e pertence ao Club Salvour. A súa vida xirou sempre arredor do deporte e é nesta faceta onde Cristina ten demostrado ser unha campiona que honra á nosa provincia. 

Ten no seu haber cinco títulos de España e dous de Europa de salvamento acuático deportivo e ten varios récords nacionais nesta especialidade. Consolídase como unha das mellores socorristas do mundo e aos campionatos que acude sempre acada numerosas medallas.

07 diciembre 2019

YOLANDA PREZADO

Científica nacida en, Verín ,Ourense, que recibiu unha beca da Unión Europea, European Research Council Consolidator Grant, para financiar o gran proxecto que esta ourensá está a realizar. Yolanda desenvolve un tratamento que reduce as secuelas da radioterapia. Por tal investigación a UE considera que estamos ante unha excelencia científica.Coa desenvolvemento da técnica que está a investigar a nosa científica, permitarase aplicar doses seguras en oncoloxía pediátrica e eficaces en tumores malignos en adultos.

Está especializada en radiofísica hospitalaria e deixou o seu posto para traballar novos métodos no tratamento do cancro en Francia. Obtivo a praza de funcionaria no Centro Nacional para a Investigación Científica de Francia.

26 noviembre 2019

BELÉN CONSTENLA

Belén Martínez Constenla naceu en Madrid no ano 1961 pero desde moi noviña veuse coa familia a Ourense aquí medrou e estudou. Ela séntese ourensá.

É unha recoñecida actriz galega que traballa tanto en teatro, como en series de televisión ou cine.

Actuou coas compañías Teatro Caritel, Centro Dramático Galego, Teatro do Noroeste, Espello Cóncavo, Ur, Teatro, Ollomoltranvía, Teatro do Aquí, Teatro do Morcego, Teatro do Atlántico e Lagarta, lagarta.

Na TVG colaborou en programas como Magacine Crocante, Luar, Supermartes, Telequexou, e como actriz secundaria en Pratos Combinados. Foi protagonista en Rías Baixas e A Vida por diante. Pero continúa con proxectos televisivos ata o momento.
Na TVE colabora en El caso Waninkhof, Guante Blanco. Tamén participou en varias películas e colaborou con papeis episódicos nas series El Comisario, Hospital Central...e filmes como a Bella Otero, Tres días de Abril, Salazón, etc.

Leva no mundo da interpretación desde 1986 e ten sido recoñecida en numerosos premios entre os cales citamos:
  • Premio á mellor actriz secundaria nos premios María Casares 1998, pola obra de Suso de Toro “Unha rosa é unha rosa”, dirixida por Eduardo Alonso en Teatro do Noroeste.
  • Premio á mellor actriz secundaria nos premios María Casares 2000 por “Criaturas” de Roberto Vidal Bolaño.
  • Premio á mellor actriz no I Festival de Curtas Galegas de Sada (2008) por “A Rosa dos ventos”.
  • Nos Premios Mestre Mateo 2008 da Academia Galega do Audiovisual (entregados en 2009) recibiu o galardón de mellor interpretación feminina de reparto por “Os mortos van ás présas”.

16 noviembre 2019

ANA MARÍA DOMÍNGUEZ

Naceu en Ourense, nas terras Valdeorresas das que garda felices lembranzas. Comezou no eido da pintura pero a vida encamiñouna ao mundo audiovisual e codirixe en A Coruña a Mostra Internacional de Cinema Periférico. Despois de intensos traballos audiovisuais polos que gañou o premio na Mostra Internacional de Cine Etnográfico do Museo do Pobo Galego en Santiago e tamén obtivo premios en diversos festivais de cine en Urugay, Alemaña, Gijón en Cineuropa, etc... estreou no Festival de Uruguay a súa primeira longametraxe "Los Hijos de la vid" que é unha volta á súa nenez e unha homenaxe ás súas raíces valdeorresas.

É evidente que estamos ante unha ourensá que está trazando un camiño para admirar.

Vid: La Región

01 noviembre 2019

MARÍA AMOR ROLÁN


María Amor Rolán era unha muller que procedía de familia distinguida da cidade, de ideas conservadoras e moi tradicionais. Era filla de Manuela Rolán Rodríguez que faleceu o 23 de xullo de 1936. 

María Amor Rolán foi concellala en Ourense durante os anos vinte e trinta. Ela xunto con Blanca Calvo eran as dúas únicas e primeiras mulleres que formaron parte da Corporación Municipal desde 1925, sendo alcalde Matías Bobillo. As dúas levaban a cabo actividades diversas e entre as que estaba o control da asistencia das nenas ás escolas pois preocupáballes a educación en xeral e das nenas en particular. Así mesmo encargábanse das Colonias Escolares e  a atención á infancia. María vai dirixir unha carta ao capelán Francisco Coello para ofrecerlle 500 pesetas para a construción dun asilo para os nenos abandonados e 25 pesetas mensuais para o seu sostenemento.

María tamén era unha muller sensible coa cultura ourensá e ofreceu axuda económica para erguer algún monumento en honra dun personaxe ilustre como Prado Lameiro. Tamén doaba libros e xoias e daba aguinaldos para os combatentes. 

María Amor participou en actos diversos da cidade como representante municipal (festas, festivais, Certames, manifestacións...) e tamén propiciou a construción dun Asilo para nenos abandonados.

Tiveron ambas as dúas moita notoriedade na vida da cidade, sendo moi respectadas e un grande referente para a sociedade. Foron elas as que constituíron a Sección Feminina na cidade en 1928 que arrincou no local da Unión Patriótica.

Nos anos trinta adheriuse á agrupación "Mujeres españolas" de clara tendencia conservadora.

Faleceu o 20 de marzo do ano 1956.
__________
Vid: La Región, 25 de novembro de 1923; La Zarpa, 27 e novembro de 1923; La Región, 27 de maio de 1924; La Zarpa, 12 de maio de 1925; La Zarpa, 5 de xaneiro de 1926; La Zarpa, 20 de outubro de 1929; El Pueblo Gallego, 20 de marzo de 1956.
.

12 octubre 2019

DOLORES REGO VARELA


Dolores Rego Varela naceu en Ourense e era filla do industrial Manuel Rego e xa desde pequena tiña un gran talento para a música demostrándoo nos concertos que ofrecía ante as peticións das amizades dos pais. Dedicouse á carreira de profesora de música e piano e en 1926 recibe unha subvención de 250 pesetas por parte da Deputación Provincial para que se forme. Obtivo unhas brillantísimas cualificacións e demostraba cada vez máis as súas aptitudes musicais polo que foi becada pola institución provincial con mil pesetas para seguir formándose en Madrid nos cursos superiores de música.

Vid: La Región, 27 de novembro de 1927: La Región, 21 de maio de 1931; Pascual Carballo, A. Más de cien años en la vida de Ourense. Escuela Provincial de Arte e Oficios; A Coruña, 1996, páx. 141.

27 septiembre 2019

LULA LIRA POUSA

Lula naceu en Ribadavia, ás beiras do Avia, no lugar chamado As Insuas no ano 1943. En 1960, cando tiña 17 anos, atravesou a Ría de Vigo a nado.

Lula de nena disfrutaba ás beiras do río e a súa nai, Claudina, ensinoulle a nadar. Foi estudar a Francia, e de xeito anecdótico, conta a noticia que viña con algún quilo de máis e por iso comezou a nadar e a atravesar o Miño, na desembocadura do Avia, ata cen veces ao día.

O seu pai enterouse de que se organizaba unha travesía na ría de Vigo e inscribiu a Lula e alá foron, ás seis e media da mañá. Con tal mal infortunio que non se puido realizar o campionato por mor do tempo. 

Ao día seguinte volveron e Lula preparouse e lanzouse ao mar na ría en Cangas. Foron tres horas de nado sen beber nada e sen parar. Foi recibida en Vigo de forma clamorosa

Vid: La Región



21 septiembre 2019

MARÍA VICTORIA CARRERA FERNÁNDEZ

Coa axuda inestimable de Pilar Fernández Conde incluímos a María Victoria Carrera. Profesora da Universidade de Vigo na Facultade de Ciencias da Educación e cun amplo currículo. Está no departamento de Análise e Intervención Socioeducativa e imparte a materia de Teoría e historia da Educación. É Licenciada en Psicopedagoxía con Premio Extraordinaria e Doutora en Ciencias da Educación con Premio Extraordinario.

As súas liñas de investigación son Educación para a igualdade, Convivencia escolar e Bullying, Educación intercultural e para a Paz, Educación sexual, Sexualidade e Saúde.

Ten varias publicacións xunto con María Lameiras (tamén referenciada neste blog) e ten participado en Proxectos de Investigación.

Ver publicacións en Dialnet
Vid: Universidade de Vigo

13 septiembre 2019

MARÍA JESÚS BLANCO PIÑEIRO

Unha información transmitida por Pilar Fernández Conde e que agradezo enormemente. Pilar pon no meu coñecemento a traxectoria de Chus Blanco Piñeiro unha das primeiras mulleres arquitectas. Naceu en O Carballiño e foi a muller de Jaime Quessada. Agora, xubilada da súa profesión, é a presidenta da Fundación Quessada na lembranza do seu fillo e home.

Chus Blanco Piñeiro titúlase como arquitecta pola ETS de Arquitectura de Madrid. É a cuarta arquitecta colexiada no COAG, no ano 1972 o que a fai ser pioneira en exercer a profesión.

Traballou no ámbito do exercicio libre, co arquitecto Fernando Blanco e funda o estudo GIAP a comezos de 1970.
Desenvolve a súa actividade inqueda e libertaria, con obra tanto individual como en colaboración con outros arquitectos.

Tamén estivo moi ligada á vida artística por Xaime Quessada e Javier Quesada, home e fillo dela.
Cóntase en Hai Mulleres de Facebook que os arquitectos lle dicían ao seu pai que como ía estudar a súa filla esa carreira pois era de homes e que a convertiría en soleirona pois o ingreso era case imposible e que a xente tardaba dez ou doce anos en superar ese ingreso saíndo os homes con 30 ou 32 anos.

O seu pai non fixo caso e ela marchou a Madrid e preparouse na academia para o ingreso. Recalca que era a única muller. Incluso o profesor lle indicou ao pai de Chus se estaba seguro de deixar alí á súa filla. O pai contestou que era o que quería a súa filla.

Como podemos observar, a vocación, ansias, fortaleza de Chus deu os seus froitos.

01 septiembre 2019

AMELIA DORALICE BELISANDRA PIÑEIRO

Grazas á referencia de Pilar Fernández Conde achegamos a este blog a esta intereante muller. 

Amelia Doralice naceu en Ourense, na rúa Desengaño, no ano 1934 e foi a presidenta e fundadora de Atox y Abeiro para axudar aos toxicómanos. Foi de nena moi inqueda e estudou nas Josefinas Aos sete anos faleceu o seu pai e para ela foi unha grande perda pero Bely ten forza ante os problemas e é capaz de transmitir moito vitalismo.. Traballou na empresa familiar que fundou o seu avó no 1880, Mármores Piñeiro.

Unha muller activa, foi unha das primeiras socias do Pavillón dos Remedios e aínda vai en bicicleta, de espírito comprometido e moi independente que hai 20 anos funda Abeiro e recada fondos para desenvover programas de rehabilitación de toxicómanos e unha casa de acollida ao toxicómano. Ten unha ampla experiencia no tratamento de persoas con adición a sustancias estupefacientes. É moi duro traballar con persoas que caen no problema da droga pero só persoas como Bely poden ser quen de facer a recuperación máis doada.

Admirable o labor de Bely e digno de sentirnos orgullosas.

08 agosto 2019

POBRE VIEJECITA

Traemos hoxe ao blog a historia desta muller, anónima, pois non temos o seu nome pero da que sabemos que era unha muller bondadosa. Viviu no Barrio de Salamanca de Madrid pero naceu na aldeíña de Palleirós, Manzaneda. Casou cun emigrante a Cuba e tiveron seis fillos pero foron morrendo moi novos. Esta muller foi moi querida en Madrid, por iso a recollen as crónicas do momento, pois ela repartía as súas esmolas cos máis necesitados. Contaba con 84 anos.




Vid: La Tierra, 26 de marzo de 1932.


18 julio 2019

DORINDA RODRÍGUEZ


Dorinda Rodríguez era unha cantante triple nacida en Ourense e que durante os anos finais do século XIX e comezos do século XX comezaba a ter unha carreira recoñecida. Era filla de Dona Eustaquia Nóvoa Pérez que fallecería en decembro de 1898.

Casou co aristócrata portugués Luís de Sousa Maceda, conde de Mezquitella.

Dorinda daría concertos en La Habana, Lisboa, Oporto e tamén en Madrid no Centro Gallego, obtendo notables éxitos. Pasou un duro trance cando se produciu un incendio no escenario do Teatro Baquet de Oporto onde estaba actuando. Despois dun desmaio comprobouse que resultara levemente ferida, aos pouco días restableceuse e foi actuar a Lisboa.

A prensa do momento desfacíase en grandes eloxios polo ben facer desta nosa ourensá.


Vid: Crónica de Pontevedra, 23 de marzo de 1888; El Correo Gallego, 14 de outubro de 1898; La Correspondencia Gallega. Diario de Pontevedra, 29 de novembro de 1912. Recorte de prensa foi extraído de: La España Artística, (Madrid 1888); 15-11-1891.

28 junio 2019

MARTA MÍGUEZ TELLE

As referencias das amigas son como un agasallo. Marosa Salgado Madriñán ponme no meu coñecemento a esta muller, Marta Míguez que ten un amplo palmarés. Naceu en Cortegada, no ano 1973 É lincenciada en INEF e foi a Secretaria Xeral para o Deporte Galego. Tamén realizou un Máster en Dirección e Xestión de entidades deportivas.
Marta Míguez foi atleta profesional e participou nos xogos olímpicos de Sídney no ano 2000 na especialidade de lanzamento de xabalina. Ademais ten cinco títulos de campiona de España.

Fonte: http://www.ourenseatletismo.com/blog/2009/07/marta-miguez-de-nuevo-en-competicion/

21 junio 2019

MARÍA LAMEIRAS

Outra referencia facilitada por Celina Ramos Álvarez e Pilar Fernández Conde é a da ourensá María Lameiras, muller de grande traxectoria docente, investigadora e divulgadora.

É Doutora en Psicoloxía e profesora de Psicoloxía da sexualidade na Universidade de Vigo onde plantea temáticas moi interesantes sobre a sexualidade, lesbianismo, transexualidade, problemas na adolescencia...etc.

É a primeira Catedrática de España da área da Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos co perfil da Sexualidade con Perspectiva de Xénero.

Pero ademais, María Lameiras desenvolveu un notable activismo en contra da violencia de xénero e sobre a situación da muller en desigualdade co home.

Ten feitas numerosas investigacións e publicacións.

Ver publicacións de María Lameiras en Dialnet

15 junio 2019

ADELA LEZÓN

Adela Lezón, filla do avogado celanovés Manuel Lezón,  foi unha artista ourensá que deu numerosos recitais e concertos  polos anos vinte cantando cancións galegas. Asistiu ao homenaxe a Manuel Murguía celebrado no Balnerario de Mondariz o día 1 de setembro de 1920. Así mesmo, formaba parte do grupo das Damas de Ourense en contra da tuberculose que organizaban eventos co fin de recadar cartos para os afectados pola enfermidade.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes.Vid: Diario de Pontevedra, 2 de setembro de 1920; Heraldo de Madrid, 17 de maio de 1922.; Vida Gallega, 1 de marzo de 1912)





01 junio 2019

MARÍA DEL CARMEN PUGA MONTERO

Dona María del Carmen Puga naceu en 1939, en Ourense, cidade que amaba e da que se sentía moi orgullosa. Era filla de Carmen Montero e Ramón Puga, fundador da Cadena Ser Ourense. Casaría con Don Demetrio Peña Santamaría.

A súa vida profesional desenvolveuse en Madrid, a onde marchou cando tiña 18 anos. Dona Carmen herdou do seu pai o amor pola Radio, fundador da radio Ourense en 1932, un fito histórico para a provincia.  Era unha apaixoada pola actualidade, a información e a radio.

No ano 1974 comezou a formar parte do Consello da Administración do grupo radiofónico, chegando a ocupara o posto de Presidenta no ano 2007.
Seguiu a senda do seu pai que desde 1932 decidiu dar un paso máis no seu negocio e comezar a emitir as primeiras ondas radiofónicas desde o estudo situado na Rúa das Tendas. Foi pois o pai de Carmen un pioneiro da radio en Ourense.
Carmen e a súa irmá Mercedes seguiron ligadas ao proxecto pola ilusión, o amor e o interese pola información ben feita.

Dona María del Carmen faleceu en febreiro de 2019 aos 79 anos.

Vid: Guía de la Radio; El Correo Gallego, 28 de junio de 1939; El Pueblo Gallego, 18 de julio de 1958.

24 mayo 2019

ARANCHA NOGUEIRA (ARANCHA RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ)

Arancha Rodríguez Fernández, coñecida como Arancha Nogueira, naceu en Ourense en 1989.  É escritora galega. O do cambio ao apelido Nogueira é por unha homenaxe á súa avoa que para ela era unha muller moi especial e porque a familia do seu pai educouna no galego.

Licenciouse en Periodismo e fixo o Mestrado en Literatura Comparada e Crítica Cultural. Viviu en Madrid, Porto, Sevilla, Belfast, Santiago de Compostela...Actualmente compaxina a súa voación de escritora coa docencia. Dá clases na Facultade de Filoloxía e tamén en Formación do Profesorado.
Para ela a poesía é como ter voz. É un espazo de loita e resistencia.

Publicou en antoloxía como o Diario de Escalofríos; Caderno de Legados ou A Homenaxe a Manuel María. E en revistas como Incendios; o Fanzine As Lurpias (Día da Matria 2014), ou Boletín Galego de Literatura e en 2018 Ligeia.
En poesía destacamos os seguintes títulos:

Andar Descalza
A capacidade de descomposición da luz
O único lugar onde ficar inmóbil
Spleen en catro tempos.

Recibidu numerosos premios:

-Premio Poesía Francisco Añón en 2013 por Andar descalza.
-III Premio de Poesía Rosalía de Castro de Cornellá en 2013
-Premio de poesía da Universidade de Vigo en 2016 por (A) fogar.
-Premio de poesía do Concello de Ames en 2017 por Para ser de ti.
-Premio literario Mazarelos en 2017 por O Aniversario
-II Premio de poesía Xuventude Crea en 2017 por Romaría.
-Accésit do premio Francisco Añón en 2018 por spleen en catro tempos
-Finalista do premio Florencio Delgado Gurriarán en 2018 por Taxidermia.
-Premio literario Mazarelos en 2018 por mapa mudo

Vid: Wikipedia

18 mayo 2019

SABELA GAGO

Sabela naceu en Ourense no ano 1961. Licenciouse en Pedagoxía e Diplomouse en Maxisterio. Reside en Ourense e compaxina a súa profesión de actriz coa de docente na compañía teatral Sarabela. Traballou en varios centros como dinamizadora de lectura.

Formouse desde 1975 ata a actualidade con Vicente Fuentes, Garrido Guzmán, Els Comediants; Angel Facio, Isabel Úbeda, Fabio Magolini, Ernesto Caballero e Helena Pimenta.

Foi co-fundadora da agrupación teatral Sarabela onde desenvolveu numerosos labores de xestión, administración, produción...

Actualmente exerce a docencia no Campus Universitario de Ourense.

Interpretou numerosas obras coa agrupación Sarabela e tamén obtivo importantes premios.

Grazas a Celina Ramos Álvarez incorporamos a esta gran muller no blog.

10 mayo 2019

REBECA BACEIREDO

Sempre é unha ledicia que este blog vaia medrando polas suxestións da xente. Neste caso debo agradecer a Celina Ramos Álvarez que me achegara a esta muller, a Rebeca Baceiredo.
Rebeca naceu en Ourense en 1979 e é filósofa e escritora. Licenciouse en Ciencias da Comunicación na Universidade de Santiago. 

Realizou a Tese de Doutoramento sobre Deleuze.
Recibiu o Premio Extraordinario de Doutoramento por Achegas onto-éticas para a liberación do suxeito. Unha aproximación a partir da filosofía de Gilles Deleuze.
Premio Ramón Piñeiro de Ensaio por O suxeito postmoderno.
Premio pola Asociación de Escritoras e Escritores en lingua galega ao mellor ensaio de 2013 por A revolución non vai ser televisada.
Obras:

Ensaios:
·         O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo, 2006, Galaxia.
·         (repeat to fade)2011, Estaleiro editora.
·         A revolución non vai ser televisada2013, Euseino Editores.
·         E meterei a miña Lei no seu peito, 2014, Estaleiro Editora
·         Capitalismo e fascismo2015, Euseino Editores.
·         Oiko-nomía do xénero. Relato das clausuras2016, Axóuxere.
·         A verdade errada e a representación errante, 2018, Euseino Editores.
·         Animais de estimação e bestas de companhia2019Através.

Poesía
·         O canto da Sibila, 2016, Galaxia.
·         Libro de horas, 2019, Urutau.

Obras Colectivas
·          “A revolución como frecuencia e o comunismo como ontoética”, Bolcheviques, Xerais, 2016
·         “Sempre vou coas folerpas da túa nada”, Manuel María. Libro colectivo de homenaxe, Deputación de Lugo, 2017

Destacamos a obra Oiko-nomía de xénero onde repensa sobre a propiedade, a mercancía e o diñeiro vinculadas ao papel dos suxeitos subalternos como son as mulleres.
Rebeca é pois, unha muller moi comprometida coa sociedade, co devir da sociedade e sobre todo coa muller.

04 mayo 2019

MARÍA JOSÉ LAGE GONZÁLEZ (JOSI LAGE)

Naceu en O Carballiño en 1971 e desde moi nena xa amosou unha forte vocación pola interpretación e tiña moi claro que quería ser actriz. Despois de rematar os estudos no Instituto foi a Xixón, á Escola de Arte Dramático e cando rematou voltou a Carballiño coa ansia de fundar unha escola de Teatro. Foi o nacemento de Nove-Dous. De aí viñeron máis e máis interpretacións e performances como a levada a cabo en Barcelona e que trataba sobre a situación das mulleres baseada no Guernica.

O currículo de Josi é amplo:

-Actriz de Teatro, Cine y Televisión
-Directora del FETEGA (Festival de Teatro Galego).
-Premio Fetega Mejor Actriz 2012.
-Docente teatral con 25 años de experiencia. (voz, expresión corporal, interpretación, método Stanislawsky, método William Layton, juegos enfocados al teatro, técnica de Labán. -Dirección de espectáculos.
-Producción de espectáculos.
-Distribuidora de espectáculos.

Vid: Josi Lage

La Voz de Galicia

                                           

20 abril 2019

OFELIA SOTO GARCÍA

Introducimos no blog unha achega importante e agradezo a información ofrecida por Nacho Rivero Madriñán e Marosa Salgado Madriñán netos desta grande muller.

Dona Ofelia Soto García naceu o 5 de xuño de 1908 en Nogueira de Ramuín. Era filla de Eulogio Soto Pombar,  que era irmán de Sara, Josefa,  María Aristides, Margarita e Mercedes, algunhas delas figuran neste blog.

Ofelia, cursou o Bacharelato no Instituto de Ourense. Casou en marzo de 1928 con Don Modesto Madriñán Neira, fillo do avogado e Oficial Maior da Deputación Provincial, don Luís Madriñán. Casaron na Igrexa de Santa Eufemia e tiveron 11 fillos. Dona Ofelia, xa con fillos, examinouse en Santiago de Matrona tras os seus estudos e prácticas co Doutor Peña Rey, obtendo o título. Logo exerceu como comadroa de Ourense e axudou a traer ao mundo a moitos nenos. Traballou  como matrona titular do Hospital Provincial (Deputación)  e do Concello e tamén foi a primeira comadroa da Seguridade Social en Ourense segundo se instalou. Traballou cos primeiros xinecólogos de Ourense, a moitos deles case os formou nos seus primeiros pasos despois de rematar na Universidade. Era a única comadroa que facía turnos de noite e tivo o primeiro teléfono da cidade que non estaba en lugar público. Exercería a profesión con grande vocación ata que se xubilou.

Non obstante, a vida de Ofelia non foi doada pois sufriu o proceso de depuración que se levou a cabo no Colexio de Médicos de Ourense durante o franquismo entre os anos 1939 e 1943. A orde do 6 de outubro de 1939,  publicada no Boletín do Estado o día 7 de outubro, ordenadaba a depuración de médicos pola súa conduta político-social en relación ao Glorioso Movemento Nacional. A partir de 1940 comezóuselles a abrir expediente a moitos médicos da provincia e nesa relación incluíuse á matrona Ofelia Soto García pois tamén era sospeitosa de conduta contra o GMN por estar a traballar con moitos deles, finalmente non foi sancionada.

Deste xeito, estamos ante unha grande muller, unha traballadora vocacional e profesional e moi querida pola xente xa que sempre axudou aos mais necesitados e conseguía canastillas para os pequenos. Por iso, non é de extrañar que fose madriña de multitude de nenos porque llo pedían os pais.



                                           La Región,  15 de xaneiro de 1936

Xa con case noventa anos estivo presente no parto dalgunhas das súas netas. Medio Ourense e os seus arredores lembran a Doña Ofelia.





Na ilustración que aparece a continuación pódese ler o marabilloso escrito na prensa que o Doutor Martinón Sánchez escribiu sobre Ofelia Soto cando esta faleceu. Dedícalle a Ofelia Soto unhas fermosas palabras. Creo que moi ben merecidas. Dito recorte foi facilitado pola familia:

(Recorte de prensa enviado pola filla de Ofelia Soto)

Nota: Información e fotografías facilitadas pola familia de Ofelia Soto.
Véxase tamén:  David Simon: Médicos orensanos represaliados en la Guerra Civil y en la postguerra. Historias de "Longa Noite de Pedra", Fundación 10 de Marzo, Colección de Estudios Nº 8, Santiago de Compostela, 2010, páx. 113.
Heraldo Gallego, 29 de abril de 1928
Vida Gallega, 20 de abril de 1928
El Pueblo Gallego, 1 de abril de 1928
El Pueblo Gallego, 10 de setembro de 1958
El Pueblo Gallego, 21 de xuño de 1960
El Pueblo Gallego, 13 de agosto de 1961.

19 abril 2019

CARMEN NAVARRO FERNÁNDEZ-BALBUENA

Carmen Navarro naceu en Madrid pero é de ascendencia galega, concretamente, preto do río Avia, Ourense.

É unha honra traer ao noso blog a esta médica meritoria e grande investigadora. É biomédica e estudou mediciina e ciruxía na Universidade de Madrid e doutorouse en medicina e ciruxía na Universidade de Barcelona. Formouse en Neuroloxía na LSU School of Medicine, New Orleans, USA, e en neuropatoloxía na Born-Bunge Foundation, Amberes, Bélxica e na Wickford, U.K. Ademais obtivo bolsas de ampliación de estudos no Bunge Institute de Ameres e na Columbia University de Nova York.

A súa traxectoria comezou como adxunta de Neuropatoloxía no Hospital Vall de Hebrón de Barcelona, onde foi xefa de sección. No ano 1991, chega a Galicia como xefa do servizo de Anatomía Patolóxica e Neuropatoloxía do CHU de Vigo.
Directora científíca do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, tamén membro do Grupo de Traballo de Vixiancia Epidemiolóxica de EETH e do Comité de Enfermidades Raras. Tamén é profesora asociada na Universidade de Santiago de Compostela.

A súa investigación céntrase en enfermidades neuromusculares e lisosomiais de depósito.

Recibiu o Premio Josefa Wonwnburger por parte da Xunta de Galicia en 2010.

Foi unha das integrantes do equipo que diagnosticou o primeiro caso da enfermidade do SIDA en España.

14 abril 2019

EULALIA GONZÁLEZ VICENTE

Naceu en Ourense o 2 de abril de 1906. Titulouse de Mestra en 1930. Como mostra da súa personalidade decidida escribíu, logo de comezar a exercer, unha instancia á Dirección Xeral Instrución Pública solicitando que a destinen a unha escola dunha cidade ou vila importante. 
Destinárona en 1933 para a escola de Tui e no mes de marzo dese mesmo ano trasládana á escola de Escobeiro en Mondariz.

Tiña unha grande notoriedade social e era considerada unha muller moi culta e reivindicativa como quedaría demostrado polos  artigos en defensa do voto da muller. 

Casou con Julián Pérez Martín, antigo viaxante da casa Abascal de Sevilla que falecería de forma inesperada o 28 de abril de 1934. Tiveron un fillo, Juliancito e con el pasaba certas tempadas vacacionais en Alicante. Exerceu en 1936 na escola de Carpazás en Bande e no ano 1953 trasladouse á escola de Toubes en A Peroxa.



EL VOTO Y LA MUJER

Nosotros no consideramos el sufragio universal como concesión del Poder Público, sino como función y derecho, ya que el sufragio sirve de puntal al Poder y a la Sociedad le compete legislar.

La naturaleza de tal función no debe ser derecho de ciudadano, como hasta ahora aquí se viene pregonando, sino del individuo.

Proudhon hizo bien en equiparar el derecho al voto al de compra-venta, al de testar y en general, a los que en lenguaje usual jurídico, llamamos civiles.

No pretendemos extraviar la opinión defendiendo esta universalidad y conceder el sagrado derecho de votar, sin otra condición que la de poseer “rostro humano”, como dice Laveleye, ya que “rostro humano” tienen los niños, los locos y los extranjeros.

El moderno título de ciudadanía es un espejuelo que restringe la universalidad del voto y lo unce el tradicionalismo sistemático de las Cartas Otorgadas.

Es necesario señalar las condiciones de capacidad para ejercer tan elevada misión y fijar las circunstancias modificativas.

A nuestro juicio feminista, señalaremos la única: la edad. Y aún ésta debe rebajarse en ambos sexos a los 20 años, época en los varones de coger las armas pues, ¿es de mayor mérito al individuo y necesita de más capacidad reflexiva para ayudar con su voto a mejorar las leyes de su patria, que para defenderla con las armas?

Las otras condiciones restrictivas del sufragio universal de la nacionalidad y del sexo, en las que se aferran ciertas escuelas (olvidándose que el mundo no marcha hacia ahí); no las consideramos sino brutales imposiciones que nos hacen volver al régimen de la Edad Media.

Siendo el voto un derecho político, no cabe cerrar la puerta a los extranjeros que les interese el gobierno de un país determinado; la circunstancia accidental del “nacer” no debe ser óbice para que los naturalizados legalmente puedan contribuir con su decisión a la organización de los Poderes del Estado que los cobija y bajo los pliegues de su bandera, y cuyo principio ya lo han proclamado las legislaciones modernas del Continente americano.

En cuanto al sexo, admitido el sufragio como derecho sagrado del individuo, no vemos por qué no ha de ser tan individuo de la especie humana la hembra como el varón. Hasta aquí se argüía nuestra falta de Ilustración, pero la realidad de los hechos demuestra que nuestro desarrollo intelectual se anticipa al del sexo contrario, y además resulta peregrino que en naciones regidas por el sistema monárquico cognaticio pueda alcanzar una mujer el dictado de reina y no pueda coadyuvar a mejorar con su decisión o su voto la causa pública.

Ni aún apoyada en el orden de su independencia sería legítima su exclusión de la vida pública, ya que el peligro remoto de que nuestros señores maridos, hermanos o padres, tendrían doble voto, se cae por su base, si consideramos que también tienen voto los criados, los colonos, los dependientes y los prestatarios.

Hay que romper de una vez, aunque sea a hachazos, la puerta del Gineceo, donde nos tienen cerradas los hombres, y abrir las del Ágora y el Foro, para invadir los salones , donde se formen las leyes que han de beneficiar a ambos sexos.

Eulalia González Vicente

Maestra de Primera enseñanza

Caldelas de Tuy, septiembre de 1930

El Pueblo gallego,
10 de setembro de 1930. 

Vid: El Eco de Santiago, 18 de xullo de 1930 julio 18; El Pueblo gallego 10 de setembro de 1930; El Progreso, 26 de marzo de 1931; El Pueblo gallego :14 de marzo de 1933; El Pueblo gallego 29 de abril de  1934; El Pueblo gallego 14 de febreiro de 1936.

07 abril 2019

JOAQUINA ALONSO BOENTE

Joaquina Alonso Boente naceu en Petín o 22 de setembro de 1888. Ingresou aos 39 anos, no ano 1927, na Facultade de Mediciña para realizar os estudos de Matrona. Acadou o título en 1929 coas maiores cualificacións, motivo polo cal recibiu moitas felicitacións. Era a muller do farmacéutico de Salceda de Caselas, Don Enrique García Cesar, e sobriña do que fora gobernador en Pontevedra, Don José Boente.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1939), Tese de Doutoramento, Universidade de Vigo, 2006; El Pueblo Gallego, 11 de xullo de 1929.; El Eco del Condado, 10 de xaneiro de 1929.; El Eco del Condado, 10 de outubro de 1928.


06 abril 2019

IBIÑA SÁNCHEZ BÓVEDA

Doña Ibiña foi Miss Carballiño que sería candidata a a Miss Galicia.
Realmente traémolas ao blog polo encanto de como a prensa recollía a información e polas bonitas ilustracións que nos brinda.

Vid: El Pueblo Gallego, 2 de febreiro de 1933.

05 abril 2019

CHELITO JUIZ

Tampouco faltaban en Ourense candidatas aos concursos de misses tanto nacionais como rexionais que se convocaban cada ano. Candidatas sempre houbo e hoxe no blog incoporamos algunha delas, como é o caso de Chelito Juiz. 
El Pueblo Gallego, 2 de Febreiro de 1933


28 marzo 2019

MARÍA TERESA FERNÁNDEZ DOMÍNGUEZ

Grazas á referencia da miña ben querida amiga Marosa Salgado Madriñán coñecín esta marabillosa historia. Ademais, tiven ocasión de falar co seu fillo Luis Rivera e a historia de Marité foi asombrándome máis e máis.

Marité Fernández naceu en Ourense o 7 de outubro de 1933 e a súa vida e dedicación ten moito mérito e é moi encomiable.

Era filla de David Fernández, empresario de éxito, falecido a comezos dos anos sesenta, e de Celsa Domínguez.

Foi, sempre, unha muller comprometida co seu tempo e de profundas convicións relixiosas que, impactada pola represión brutal acontecida en Ferrol no ano 1972, onde faleceron  dous traballadores, crea en Ourense unha plataforma para axudar ás viúvas. Pero, asemade, destaca por ser a fundadora do Comité Antisida en Ourense, creado en 1992.

O día 7 de marzo de 2019 saiu publicada na prensa local La Región unha carta ao Director moi emotiva e preciosa redactada por un dos fillos de Marité Fernández, Luís Rivera, e nela conta as fazañas e forza desta grande muller.

Seguindo o que conta a carta contamos que Marité foi unha das primeiras en sacar o carnet e conducir en coche. A súa vida foi dura, sufriu a persecución do seu padriño e despois a do seu pai, quedou orfa de nai sendo aínda moi nena e o seu pai falece cando ela tiña 25 anos. A esa idade casa e ten moitos fillos. Foi unha muller moi comprometida pois na Ditadura apoiaba as reunións clandestinas e nas primeiras eleccións do 77 foi de número tres polo Partido Popular Galego. Pero, sen dúbida, o máis doloroso para Teresa foi a morte de dous dos seus fillos polo VIH. A pesares diso, colleu forzas e fundou en Ourense un dos primeiros Comités Cidadáns Antisida de España.

Abriu a primeira casa de acollida en España, mentres seguia xestionando dous comercios en Ourense con trece traballadores en nómina.

Sempre loitou en favor dos máis débiles e incluso chegou a presentarse polo partido Por Un Mundo Más Justo.

Marité tamén se implicou, xunto co seu home, Julio, en numerosos actos culturais como As Mostras Arte e Sida aglutinando a importantes artistas ourensás como Buciños, Quesada, Acisclo Manzano, Oro 
Claro, Riomao, Iñaki Basallo...etc.

É unha vida sobrecolledora e encomiable. Moi merecente de estar no noso blog.

Foto: cedida polo seu fillo, Luís.
Imaxe: Carta ao Director de Luis Varela, publicada o 7 de marzo de 2019.



21 marzo 2019

SYRA PRADA


Syra Prada naceu en Ourense e foi unha afamada pintora que tivo proxección tanto dentro como fóra de Galiza. 

Realizou numerosas exposicións durante os anos sesenta do pasado século e alá a onde ía recibía un gran recoñecemento indicando dela que fora unha das mellores pintoras que dera Ourense. 

Consideraban as súas pinturas como unha arte moi emotiva pois nelas recreaba paisaxes diversas e de temática galega empregando principalmente a técnica do óleo.


Vid: El Pueblo Gallego, 25 de novembro de 1960; La Noche, 22 de Febreiro de 1962.; Pueblo Gallego, 25 de febreiro de 1962.; La Noche, 5 de Novembro de 1963.

16 marzo 2019

MERCEDES GRACIA ÁLVAREZ

Mercedes Gracia naceu en Ourense no ano 1893 e cando tiña 16, en 1909, matriculouse no Instituto Xeral e Técnico de Ourense para cursar estudos de Bacharelato e Maxisterio e rematou no ano 1914. 

Logo vai prepararase para os exames de reválida na Escola Modelo que dirixía Don Angel Ferrín quen acompañou ás súas alumnas a León para realizar os exames na Escola Normal Superior. 

Dona Mercedes Gracia superaría o exame como o resto das súas compañeiras e logo exercería como mestra en diferentes escolas da provincia. 

Destacamos, polo tanto, a vocación temperá destas mulleres que desexaron cursar estudos superiores, sendo difícil naqueles tempos para posteriormente, exercer a súa profesión.





Vid: Cid Galante, Rosa María, Tese de Doutoramento.
La Correspondencia Gallega de Pontevedra, 9 de outubro de 1911.

15 marzo 2019

MARÍA DE LOS ÁNGELES PÉREZ LOSADA "MANXELA"

Artista nacida en Luíntra,  Ourense. Reside entre Ourense, Palma de Mallorca e Vigo. É diplomada en óptica e licenciada en Bellas Artes con Máster en Infografía mediática. Traballa como docente nun Instituto de Palma de Mallorca pero ademais é artista audiovisual destacando no eido da performance. Realizou numerosas exposicións. A súa pintura é movemento, gracilidade con pigmentos que saca da terra.
Achega moi interesante para o noso blog de mulleres.
La Región
Vid: Manxela

12 marzo 2019

VANESSA SOTELO QUINTELA

Este blog vai a máis grazas á colaboración da xente que cariñosamente me ofrece información. Este é un dos casos. Trátase da suxestión ofrecida pola miña amiga Montse Sánchez Fernández que me salientou a traxectoria desta muller que presentamos.

Vanessa naceu en Ourense no agosto de 1995. Conta no seu haber cun currículo deportivo moi interesante. Comezou xogando na sección alevín 8 da Ponte de Ourense e fútbol 11 no mesmo equipo. 

Pasou a xogar a fútbol sala no equipo Cidade das Burgas. Debutou coa selección española no 2014 e foi dúas veces Bota de Ouro nos mundiais disputados en Costa Rica e Guatemala.

A máis disto foi nominada como mellor xogadora do mundo en 2014 e 2015 quedando de sétima e terceira respectivamente. Fichou no 2016 polo AD Alcorcón FSF da primeira división de fútbol sala feminino.

Na liga 2018 foi pichichi e  en 2019 participou na primeira Eurocopa de fútbol sala feminino sendo escollida como mellor xogadora do torneo alzándose coa medalla de ouro. A súa carreira ten vistas de ser imparable e seguro que chega máis lonxe.

Vid: Wikipedia