Etiquetas

30 marzo 2018

CARMEN ROMERO RAMOS

Carmen naceu en Albarellos o 22 de xuño de 1911. Aos 13 anos, no ano 1924, ingresou no Instituto Xeral e Técnico de Ourense para realizar os estudos de Maxisterio. Matricúlase por libre e obtén o título de Maxisterio cunha boa cualificación. Superará as probas para acceder á praza de mestra en 1934 e comeza a exercer en diversas escolas da provincia. Muller de convicións tradicionais afiliouse á Sección Feminina de Ourense.
Faleceu en Ourense en 2001.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Tese de Doutoramento; El Pueblo gallego, 2 de outubro de 1934.

25 marzo 2018

PURIFICACIÓN ROMERO TEJADA

Purificación nace en Ourense o 28 de marzo de 1911. No ano 1927, cando tiña 16 anos,  inscríbese no Instituto Xeral e Técnico de Ourense para realizar os estudos de Maxisterio para titularse. Posteriormente exerceu a súa profesión como interina e substituta  en varias escolas . En 1934 estaba en Muíños e en 1940 foille solicitada pola Xunta Provincial de Primeira Ensinanza unha documentación que avalase a súa boa conduta e ter feito o Servizo Social para seguir permanecendo nas listas e poder adxudicárselle unha praza xa que, segundo informou a Xunta, moitos interinos ían ser desprazados das súas escolas por mor de ter que adxudicar as súa prazas a mestres e mestras en propiedade que foron sancionados pola Comisión Depuradora. Deste xeito, Purificación presentou a documentación e continuou exercendo e en 1944  estaba na escola de Rairiz de Veiga, en 1960 foi para a de Boborás 

(Elaboración propia)

ALICIA ROMERO GALLEGO

Naceu en Albarellos o 23 de xaneiro de 1910. O seu pai era propietario de terras. En 1924, cando tiña 14 anos ingresa no Instituto Xeral e Técnico de Ourense e alí estudaría por libre desde o curso 1923 ata 1927. 
No ano 1927 expide o título de Bacharelato e tamén solicita o Certificado de traslado á Universidade de Santiago. Matricúlase na Facultade de Ciencias de Santiago pero só realiza un curso o que fai pensar que finalmente desistiu continuar. Algo que non era raro pois moitas mulleres tiñan que loitar contra as opinións públicas do momento e acababan rendéndose ás imposicións sociais. Non obstante, non debemos deixar de ensalzar o seu interese e valentía, como neste caso. Así pois, consideremos a dona Alicia tamén pioneira ourensá.

Vid: Cid Galante, Rosa. Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese de doutoramento, Universidade de Vigo, 2006; El Ideal gallego, 9 de novembro de 1927.


15 marzo 2018

MARUJA GONZÁLEZ


Maruja González naceu en Ourense.


Foi unha afamada cantante lírica que tivo brillantes actuacións nos anos 1930, participando en importantes eventos en directo cun repertorio amplo de pezas operísticas.





Vid: El Correo gallego , 20 de xullo de 1934; La Nación, 10 de febreiro de 1933, p. 9; Ahora, 5 febreiro de 1933, p. 41; El Heraldo de Madrid. 31 de xaneiro de 1933, p. 5.

14 marzo 2018

CARMEN SEOANE MORENO

Carmen Seoane Moreno naceu en Ourense. Era unha cantante recoñecida nos anos 30 que cantaba en directo na radio, concretamente tivo unha actuación brillante en directo na Unión Radio.

Era filla do Comandante de Infantería Don Joaquín Seoane. Desde moi nova amosou unhas claras dotes para o canto.

A súa carreira foi rapidísima. En 1928 presentouse cantando "Alsaciana" nunha función benéfica. 

Inmediatamente foi integrante da Coral Polifónica de Ourense. Foi logo a Madrid e recibiu leccións do prestixioso profesor Simonetti.

En 1930 foi invitada a dar un recitar en Unión Radio onde foi moi ovacionada.

Describíana na época como moi estudosa, plena de facultades e unha grande artista.

Vid: Ondas (Madrid). 14 de xuño de 1930, página 13.
Vida Gallega, 20 de xuño de 1932,



Foto: Vida Gallega, 20 de Xullo de 1932. Foto Sehreek

13 marzo 2018

MANUELA GONZÁLEZ

Manuela era do pobo de Oseira. Ela xunto con outros veciños foron vítimas oprimidas en abril de 1909 por participar nunha manifestación en contra da decisión do bispo de Ourense de trasladar o baldaquino de Oseira. Manuela ía ao fronte da manifestación en contra da desmantelación do conxunto do altar maior e foi tiroteada, falecendo no momento. Manuela estaba embarazada de varios meses.
No mesmo acto faleceu María Paz Fernández de tan só 14 anos.
Isto mostra como as mulleres foron protagonistas na historia e sen arredrarse defenderon o que consideraban xusto.
A prensa do momento recolleu este feito tan luctuoso.







   PDF by rcidgalante4921 on Scribd




Vid: El Año político. 1909, página 181.
España y América (Madrid). 1/4–30/6/1909, página 283.
El Heraldo de Madrid. 28/4/1909, página 3.

Interesante é o libro recentemente publicado de: 
Ermida, Xosé Ramón et al.: Rebeldía Galega contra a inxustiza, Sermos Galicia, 2018

10 marzo 2018

MYRIAM DE LAS MERCEDES CORTÉS DIÉGUEZ

Naceu en Ourense en 1964 e é Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e Licenciada en Dereito Canónico pola Universidade Pontificia de Salamanca. En 1998 Doutorouse en Dereito Canónico e no 2008 gañou o Concurso á Cátedra de Dereito Eclesiástico do Estado en Salamanca. Desde setembro de 2015 é Rectora da Universidade Pontificia de Salamanca sendo a primeira muller rectora desta Institución. Escribiu decenas de artigos e outros textos científicos especializados no Dereito Canónico e no Dereito Eclesiástico do Estado, sendo autora dos comentarios a diversas partes do Código de Dereito Canónico e do Código de Canons das Igrexas Orientais nas edicións da BAC. Actualmente imparte clase nas Facultades de Dereito Canónico e Teoloxía da UPSA.
Interesante destacala por ser a primeira muller rectora desta Universidade sendo ademais laica.

Vid: http://www.vidanuevadigital.com/2015/09/01/myriam-cortes-primera-rectora-de-la-universidad-pontificia-de-salamanca/