Etiquetas

31 mayo 2010

ELVIRA ACEVEDO RODRÍGUEZ

Naceu en Ourense e accedeu ao maxisterio en 1 de novembro de 1896. Casou en 1911 co empregado do Concello Manuel Álvarez do que enviudou en outubro de 1938. O matrimonio tivo un único fillo que se chamaba Álvaro. En 1912 estaba de mestra na escola de Santa María de Moreiras e logo rexentaría a escola de párvulos de Ourense e nesta escola sería a titora de prácticas de Cleofé Osorio. 

Formou parte da Asociación de Mestres Católicos de Ourense; era asistente aos Congresos Nacionais de Educación Católica e estaba suscrita á Xunta de Protección da Infancia.

Pero debemos destacala pois ocupou un cargo de representación que, en certa medida, nestes anos tiña a súa importancia. En efecto, saíu escollida para o Consello Local de Primeira ensinanza en 1931 ocupando o cargo de Presidenta. Ostentando este cargo levou a cabo varias reunións informativas para o maxisterio da capital, charlas ou asembleas que se realizaban na escola Graduada.

(Fonte: Vida Gallega, 10 de decembro de 1931, p. 49)

Pode sorprender que aparezan mestres e mestras en listas de depuración, pero como digo, en moitos casos tratábase de revisar as súas referencias. Elvira Acevedo puido ser unha das que apareceu nas listas mais non foi apartada da ensinanza nin foi sancionada. De feito, tras o golpe de Estado á República, reuniuse o Consello Local de Primeira ensinanza de Ourense no que se manifestou de xeito claro o apoio ás novas ideas do réxime:

Reorganizados los Consejos locales de Primera enseñanza, con elf in de que puedan ser rápidamente tramitados, cuantos asuntos se refieran al buen funcionamiento de las escuelas primarias, según lo dispuesto por la Junta de Defensa Nacional y la Comisión de Cultura y Enseñanza de Burgos, se hace indispensable, de igual modo, la reorganización del Consejo Provincial. la cultura primaria debe robustecerse con los nuevos ideales de esta España que surge briosa, y por eso tanto los maestros como los Consejos nacionales y el provincial deben orientar sus actuaciones en este sentido, lleno de rotundas afirmaciones...(1)

Elvira sería unha mestra implicada co ensino e, en moitas ocasións, facía públicos os traballos escolares realizados na aula.

(1) "Consejo Local de Primera Enseñanza en Orense", La Región, 9 outubro de 1936, p.2
Vid: Ministerio de Cultura e Hemeroteca.

MATILDE DOCAMPO CASTRILLEJO

Naceu en San Ciprián, Ourense, o 19 de xullo de 1904 e era filla do capitán de infantería  Don Victoriano Docampo Álvarez e de Baltasara Castrillejo. O día 19 de setembro de 1919 realizou o exame de ingreso no Instituto de Ourense. A partir de entón matriculouse por libre nos cursos de bacharelato. Rematou os estudos de secundaria en 1923 cunhas notas destacables.

Solicitou o certificado de traslado para a Universidade de Santiago. Foi unha das primeiras ourensás que se incorporaron aos estudos superiores a comezos de século XX, concretamente no ano 1923, cando tiña 19, estaba matriculada por oficial na Facultade de Farmacia. Estando en Santiago participou na homenaxe que se lle tributou no Teatro Principal o día 24 de novembro de 1924 a José Rodríguez Carracido, pois Matilde formaba parte do "Cuadro Universidade". Representouse o drama en verso "Lubicán" de Armando Cotarelo Valledor no que Matilde desempeñou o papel de Xoana. Así falaba a prensa da súa interpretación:


Matilde Docampo, en el papel de "Xoana" madre de "Inesa" estuvo soberbia, magistral, alcanzando un éxito definitivo y rotundo que el público no dejó de reconocer desde el primer momento. En su papel de madre gallega supo volcar todo el tesoro lírico de su alma de mujer. Nadie estaría mejor que lo estuvo ella en este papel que le valió ovaciones y aplausos prolongados" (1).
 
Realizou todos os cursos e licenciouse no ano 1928. Ese mesmo ano comeza a rexentar a farmacia de San Xoan de Ribadavia.

Lamentablemente faleceu o 28 de novembro de 1934 en San Cibrán das Viñas. Tiña tan só trinta anos.
De novo as nosas mulleres ourensás demostran a súa valentía facendo estudos universitarios nunha época na que non se vía con bos ollos que as mulleres tomasen esa iniciativa.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930) Tese inédita. Cid Galante, Rosa María., As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003 pags. 139-156. Cid Galante, Rosa María. As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102; La Región, 18 de outubro de 1923, p. 2; El Ideal Gallego, 24 de novembro de 1924, p. 5; El Compostelano, 22 de novembro de 1924, p. 1; Domecq en Galicia, 1 de novembro de 1928, p. 26; El Ideal Gallego, 22 de xaneiro de 1930, p. 5; La Región 29 de novembro de 1934, p. 5. (1) El Pueblo Gallego, 26 de novembro de 1924, p. 10; Foto: El Pueblo Gallego, 26 de novembro de 1924, p. 12.

09 mayo 2010

RAMONA PÉREZ ACEVEDO

Dirixía unha Academia privada de ensinanza primaria a mediados do século XIX. Estaba situada no nº 6 da Praza Maior con clases de economía, debuxo, doméstica e francés. Vid: Somoza Medina, José, "Desarrollo urbano en Orense 1875-200", en Biblioteca Cervantes Virtual (http://descargas.cervantesvirtual.com/servlet/SirveObras/01937074651258255210035/006840_3.pdf

MARÍA JOSEFA PAZ LEONATO

Naceu en Ourense o 25 de xullo de 1894 e sería unha das primeiras mulleres ourensás que accedería por vía oficial ao Instituto Provincial no ano 1905-1906. Era filla dun médico e sobriña do catedrático do Instituto  Antonio Gaite. 

Fixo o ingreso o 10 de outubro de 1905 con once anos. Matriculouse ese mesmo ano por oficial e rematou os estudos en 1912 obtendo o título de Grao de Bachellerato.  Obtivo unhas cualificacións brillantes, con sobresaliente nas materias de Xeografía Xeral e de Europa, Nocións de Aritmética e Xeometría; Latín 1, Xeografía especial de España; Latín 2; Historia de España; Debuxo 1 e Debuxo 2 con premio. Acadou notable en Lingua Castelá, Caligrafía; Lingua francesa 2, Historia Universal, Pscioloxía e lóxica; Historia da Literatura; Física, Historia Natural; Agricultura e técnicas e Química xeral. No resto das materias acadou aprobado, Aritmética, Ximnasia; Francés 1; Preceptiva e composición; Álxera e Trigonometría; Fisioloxía e Hixiene; Ética e rumentos de Dereito e Ximansia 2.

O 25 de xuño de 1912 expediu o título de Grao de Bacherelato e en 1923 presentouse e as oposicións de maxisterio e superou o exercicio práctico en 1924. Primeiro foi destinada á escola de Ribas en Nogueira e en 1925 foi para a escola de San Estebo de Ribas de Sil. Estando nesta escola ausentouse varios días sen comunicalo aos pais dos nenos e deixou ao cargo da mesma a un mozo de 18 anos que era o fillo da muller que a pensionaba. Parece ser que o mozo tivo un comportamento indigno coas nenas da escola polo que os pais  do lugar acudiron á casa da mestra pero recibiunas a súa irmá que lles dixo que Josefa non se atopaba na casa e non tiña que recibir a ningunha comisión. Non sabemos como se resolveu a situación pero algúns veciños dicían que a mestra saería ben parada por estar ben relacionada coa inspección.

Posteriormente, no ano 1933, exerceu na escola de Santa María de Melias, no Pereiro onde estivo moitos anos ata que en 1940 Josefa enviou un informe á inspección solicitando o peche da unitaria de nenas pois estaba quedando sen matrícula e convertir a de nenos en mixta, pero dita petición foi desestimada xa que a inspección concluíu que había matrícula suficiente para manter as dúas escolas.

Casou o 22 de abril de 1926 con Féliz Piñol Guiote.

Participou nos cursiños pedagóxicos organizados na capital en maio de 1933.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese de doutoramento inédita. Benso Calvo, Carmen e Cid Galante, Rosa María, "A participación das mulleres ourensás no ensino secundario" en Sarmiento, nº 10, 2006, pp. 147-185. Benso Calvo, Carmen e Cid Galante, Rosa María, " Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: Una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los Institutos. Ourense como ejemplo" en Historia de la Educación, Revista Interuniversitaria, 2007, pp. 437-470.



02 mayo 2010

MARÍA LUÍSA MALDONADO E ALVARADO

Filla de Dona Jacinta Alvarado e Fernando Maldonado. Terceira marquesa de Trives, casada con Don Evaristo Correa Calderón, escritor e periodista falecido en 1986. Dona María Luísa (tamén en Trives se fala de Dona Amalia Maldonado e Alvarado) din no pobo que é descendente da Infanta Catalina Micaela, filla de Felipe II. O marquesado foille concedido á familia polos servizos prestados á Coroa en 1875. 

Vid: O Xornal, 2 de maio, 2010.

JACINTA ALVARADO-BARROETA ALDAMAR

Segunda marquesa de Trives (marquesado fóralle concedido ao seu pai e nai por RD de 1875. Ver Revista Hidalguía número 66. Año 1964 ), casou con Fernando Maldonado y González de la Riva, sexto marqués de Castellanos e segundo vizconde da Hormaza. Do seu matrimonio naceu María Luisa Maldonado y Alvarado, terceira marquesa de Trives, e sétima de Castellanos. 

O seu protagonismo céntrase en diversos cargos simbólicos, pero que dan proba do seu apoio a cultura comarcal. Outorgáselle a presidencia de honra do Orfeón Courtier, ademais impulsa o papel da muller en Trives, creando unha asociación de veciñas que se reunían no edificio das monxas Josefinas. Ademais foille cedida a presidencia da cofradía do Cristo, que anteriormente tivera o seu pai. 

Co seu matrimonio con Fernando Maldonado y González de la Riva, viuse acrecentada a riqueza do marquesado, ademais a familia adquire un novo marquesado e un vizcondado. Un dos poucos intentos que a marquesa desempeña dentro do eido político foi acadar o ferrocarril para o municipio, o igual que fixera o seu pai. Neste senso estivo axudada por Heliodoro Gallego Armesto, coñecedor desta temática. 

A marquesa morre en Madrid no ano 1921 sendo enterrada no panteón do marquesado da igrexa parroquial do municipio.

Vid: O sil (Mayo/08)

01 mayo 2010

ANGELITA SANTAMARINA (ANGELITA VARELA)

Angelita Varela, Marquesa de Atalaya y Bermeja, en realidade apelidábase Santamarina por ser filla do fidalgo Ramón Santamarina (desde a inclusa en Ourense a emigrado en América, onde logrou enorme fortuna), quen ao falecer a súa esposa envía aos tres fillos a Ourense para ser criados pola súa irmá Dolores, que estaba casada con D. Antonio Varela (de aí Angelita Varela). Pola súa propia experiencia orfa levantou no Couto un edificio nobilísimo para a educación de orfas, sendo o seu arquitecto Vázquez Gulías, quen contou co consello e a opinión de dous bos amigos e veciños do Couto como foron Jesús Soria e Marcelo Macías, pero sobre todo coa absoluta implicación e gusto persoal da propia Angelita. O obxectivo desta fundación era recoller ás nenas desde o cinco anos e permanecerían durante quince anos no Asilo onde se lles daría unha educación primaria e formación cristiá, e ademais ensinaríaselles a lavar, pasar o ferro, bordar, servir a mesa e cociñar. Esta capela do Santo Anxo, pequena catedral, conta con óbra cume de Asorey, que é o sepulcro onde foi sepultada Dona Dolores, cunhas vidreiras incribles, e un dos mellores museos privados de España. A Marquesa boa, como a chamou Basilio Álvarez, foi muller pioneira e impulsadora da cultura.

Foto: Vida Gallega, nº 278, xuño 1925.


Recorte de prensa de: La Noche : único diario de la tarde en Galicia: La Noche - Año XXXVII Número 11018 - 1956 julio 7 (07/07/1956)


Vid: http://www.elcercano.com/mod_seguros/visualizar.php?id=2840

ÁNGELA ELISA PARADELA NÚÑEZ

Naceu en Ourense o 15 de maio de 1895 e era filla de Juana Núñez Cid que faleceu en 1921 e de José Paradela Domínguez que era Vicesecretario da Audiencia Provincial falecido en 1941. A familia vivía na zona denominada Fuente del Monte.

Cursou estudos de maxisterio no Instituto Xeral e Técnico de Ourense. Fixo o exame de ingreso o 18 de setembro de 1911 e estivo mattriculada ata 1913 para titular no Grao Elemental de maxisterio. Sacou sobresaliente en Relixión e Historia Sagrada, Gramática castelá, Nocións de Pedagoxía, Debuxo con Premio, Prácticas de primeira ensinanza con Premio, Labores con Premio, Pedagoxía, Gramática con aplicacións, Xeografía e Historia de España, Nocións de Agricultura e Caligrafía con Premio. Acadou notable no resto das materias: Nocións de Aritmética e Xeometría, Nocións de Xeografía e Historia, Dereitos escolar e lexislación escolar e Ciencias Físicas e Naturais.

(Fonte: AIOP, Expedientes Académicos)

Ao rematar os estudos preparáronse para o exame de Reválida no Colexio Academia de Concepción Arenal dirixido por Dolores Usich de Rocafull. Presentouse ao exame de Reválida en Pontevedra en outubro de 1913 e foi acompañada ao exame pola propia Dolores. Tamén foron con ela outras destacadas alumnas da Academia. Todas acadaron a máis alta cualificación.

Angelita comezou exercendo en 1914 na escola de nenas de Ourense e en 1915 tomou posesión na escola de Cortegada. Pero Angelita foi ocupando vacantes escolares e estivo de mestra nas escolas de Reádegos, Casardomato ata que fundou a súa propia Academia en Ourense na rúa Capitán Eloy e outro na antiga casa Cuevas deo Progreso. Os dous centros foron un referente en Ourense pois alí acudían un gran número de estudantes para que Angelita, cos seus métodos de proximidade e pedagóxicos, lles axudase a preparar os exames. 

No ano 1975 e por esixencias do Ministerio Angelita tivo que adaptar os seus centros académicos para acomodarse ás novas esixencias educativas. Tal como figura no BOE do 27 de febreiro de 1975 concedéuslle o permiso para acometer tales transformacións:

Era unha mestra vocacional e moitos ourensás a lembran con moitísimo cariño. Ben merecida foi a praza que se lle adicou en Ourense no barrio de Barrocás. 

Angelita tiña unha irmá que tamén sería mestra. Chamábase Rocío e naceu o 23 de xaneiro de 1904. Aos trece anos, o 19 de setembro de 1919, realizou o exame de ingreso no Instituto de Ourense e alí cursou por oficial os seis anos de bacharelato obtendo en practicamente todas as materias sobresaliente e algunas con premio. En setembro de 1926 expediu o título de bacharelato e o certificado para a Escola Normal de Ourense. Comezou a exercer de mestra e estivo destinada na escoliña de Villarino no Pereiro e en xullo de 1937 casou con Antonio Uruburo Iglesias que era empregado dos almacéns Román.

Vid: Tese de doutoramento de Rosa M.Cid Galante.

La Región : diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos: Ano XXVI Número 6946 - 1935 xullo 17