Etiquetas

21 noviembre 2010

ELADIA RAMONA PEDRAYO ANSOAR

Eladia Ramona Pedrayo Ansoar, naceu o 18 de febreiro de 1859 en Ourense. Nesta mesma cidade morrerá un 4 de febreiro de 1957 con case 98 anos. Eladia tiña dúas irmás. Lucila, a máis nova, naceu en 1862 e morreu o 5 de febreiro de 1946. Casara con Casiano Martínez Blanco e tiveran seis fillos. A outra irmá de Eladia chamábase María de las Nieves Gabriela Vicenta. Naceu o 5 de agosto de 1857 e morreu o 13 de decembro de 1945. Casou con Ángel Franches Pérez e non tiveron descendencia. Franches será quen se encargue de todas as cuestións familiares e convértese nun referente masculino durante a primeira mocidade de Otero, pois coa perda en 1904 do pai é o único home nunha familia de mulleres, xa que Casiano morrera en 1903 e o seu tío Ricardo está lonxe. Pedrayo non chegou a coñecer a súa avoa materna. Chamábase Antonia Ansoar e morrera en 1864 con 38 anos, a súa filla Eladia convértese en orfa cando apenas tiña seis anos. O pai de Eladia, Ramón Pedrayo Silva, farase cargo da familia até a súa morte o 3 de maio de 1899 cando contaba 77 anos. Era o padriño de bautismo de Ramón Otero Pedrayo a quen este debe o seu primeiro e máis coñecido nome. Este avó exercía como avogado no número 17 da praza Maior de Ourense. En 1844, comeza a súa dedicación á avogacía. No ano económico 1896-1897 era o decano da Xunta de Goberno do Ilustre Colexio de Avogados de Ourense. A figura do avó Ramón Pedrayo inflúe decisivamente na vida académica do noso autor. En 1905, sendo xa alumno da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Central de Madrid, matricúlase en Dereito porque así llo pedira súa nai. Eladia procedía dunha familia de escribáns, notarios e avogados. Bernardo Pedrayo Andelo (1793-1874), pai de Ramón Pedrayo Silva e padriño de Eladia, era escribán. O avó de Eladia por parte da nai, de nome Antonio Ansoar, morreu en 1837 e exercía como notario; e o avó e bisavó de Ramón Pedrayo Silva por parte da nai, Salvador Silva e Benito Silva, pertencían tamén á profesión. Por todo isto Eladia decide que o futuro do seu vinculeiro debía seguir ese camiño. En xeral, don Ramón non nega nada á súa nai e por compracela licenciarase en Dereito. En 1916 un Otero que prepara sen éxito as oposicións para catedrático de instituto pensa, nun momento de debilidade, en seguir os consellos maternos, deixalo todo e prepararse para notario. Tres anos despois superou as duras probas e logrou converterse en profesor de instituto. Despois da morte de Enrique Otero, a nai de Otero Pedrayo contará durante un ano e medio, xustamente até o 5 de setembro de 1906, coa axuda e compañía da súa sogra, Vicenta Sotelo Puga, madriña do escritor. Vicenta era unha muller forte e afeita á vida na aldea. Naceu en 1816 no lugar de Vilar do Monte, parroquia de Santa Baia de Aguada, no concello de Carballedo, na provincia de Lugo, e pasou case toda a vida na casa de Trasalba. As coincidencias biográficas fixeron que entre elas se establecese unha sólida relación. Vicenta tamén quedara viúva prematuramente cun fillo de 20 anos ao seu cargo. Tras a morte de Vicenta, Eladia instálase definitivamente na aldea e asume o goberno da casa. Estas dúas mulleres, fundamentais na adolescencia de Otero Pedrayo, representan o traballo duro e a decisión e son con toda seguridade o referente inmediato á hora de trazar a figura de dona Ramona, a protagonista de Os camiños da vida. A temperá viuvez da nai e o feito de ser Otero Pedrayo fillo único, semellan constituír os dous piares principais nos que se cimenta unha relación de mutua dependencia a todas luces complexa. Na época que Otero xa casado vive en Ourense e Eladia en Trasalba tamén ha de contar os días para visitala. A preocupación pola súa nai aumenta a medida que ambos envellecen. Nos últimos sete anos de vida de dona Eladia Otero viaxaba case todas as fins de semana de Santiago de Compostela a Trasalba. Durante moitos anos o núcleo familiar quedará reducido á nai e ao fillo. En 1923 o binomio verase acrecentado ao casar este con María Josefa Bustamante Muñoz. A partir desta data o triángulo péchase definitivamente e os seus dous vértices femininos convértense en parte fundamental e eixo central na vida do noso escritor. Eladia era unha muller tenaz e resistente que pronto se nos revela como unha proxenitora empeñada en darlle estudos ao seu único fillo, aínda que para iso teña que pasar privacións. Manterá co seu traballo e perseveranza a casa e a facenda de Trasalba e até a súa morte ocuparase sen intermediarios do goberno e administración das múltiples propiedades da familia. Ramón Otero Pedrayo nunca ocultou a admiración que sentía polo traballo da súa nai e estaba orgulloso dela, cualificándoa en moitas ocasións de gran traballadora. Vid: http://www.editorialgalaxia.es/imxd/libros/doc/1152620870Docum_Otero_169.pdf

No hay comentarios:

Publicar un comentario