Etiquetas

25 octubre 2017

MARUXA VILLANUEVA

María Isaura Vázquez, de nome artístico Maruxa Villanueva, naceu en A Barrela, o pobo fronteirizo entre a provincia de Ourense e Lugo, o 6 de marzo de 1906. Dedicouse ao canto e á interpretación pero sobre todo destacou pola súa admiración a Rosalía de Castro e polo amor á terra.

Seu pai era comerciante e a súa nai era mestra e tiveron cinco fillos. A nai proporcionou a Maruxa unha educación refinada na que incluíu nocións de canto, de onde lle viría a Maruxa a súa vocación de cantante. As ensinanzas recibidas permitiron que aos catorce anos Maruxa fora exercer de mestra a unha escoliña con sete alumnos no pobo de Forraqueira, no concello de Nogueira de Ramuín e que se atopaba a uns vinte e cinco quilómetros de A Barrela. Maruxa era unha nena e botou en falta á nai, por iso permaneceu tan só un ano.

Cando tiña dezaseis anos viu como dous dos seus irmáns emigraron a Arxentina. A emigración ofrecía unha saída aos mozos dos pobos que non vían claro o seu porvir. Entón, cando Maruxa tiña vinte anos tamén sente a gana de marchar ás Américas. Embarca en 1926 coa intención de volver pasados dous anos, o tempo suficiente para gañar algo de cartos, pero logo queda prendada da Arxentina pois, como ela dicía, era: “a cidade galega máis grande do mundo”[1].

Comezou traballando de dependenta nunha tenda pero a ela gustáballe cantar e era habitual que Maruxa cantara aos amigos cando facían unha festa ou tiñan as súas reunións. Foi nun deses encontro cando Juan Gueresta se fixou nela e nas brillantes facultades da súa voz e invitouna a cantar no Centro Asturiano. A partir de entón, Maruxa acudiu ás radios a cantar e pouco a pouco comezou a ter un grande éxito. Se ata entón levaba o nome de Isaura, a súa irmá decidiu que cambiara o nome por Maruxa Villanueva. Comeza a ser contratada para actuar en diferentes escenarios e comezan a recoñecela como “a raíña do alalá”[2].

E da música ao teatro. Coñeceu a Luís Iglesias Sánchez, o Tacholas, que era un actor ourensán e a Manuel Daniel Varela Buxán, un recoñecido autor de pezas de teatro. Crean a compañía de Teatro Compañía Galega Aires da Terra. Representaron interesantes obras teatrais Pola nosa culpa; O brazo partido; Taberna sen dono escritas por Buxán. Pero como eran tempos difíciles para o teatro Buxán compaxinaba a súa faceta de autor dramático co de condutor de autobús en Bos Aires[3]. Maruxa e Manuel casaron e seguiron interpretando as obras que Buxán escribía e actuando ela como primeira actriz. Eran obras que trataban temas costumistas de Galicia e de bonita escenografía[4] para un público de emigrantes galegos que agradecían ese achegamento á terra. Logo Manuel Varela Buxán, o marido de Maruxa, cambiou o nome da compañía teatral pasando a denominarse Teatro Galego Maruxa Villanueva xa que ela desempeñara un papel primordial como actriz principal.




O matrimonio ía gañando uns cartos e cando en España estalou a guerra civil Maruxa enviaba gran parte do que gañaba para apoiar ao bando republicano. O matrimonio comezou a ter os seus problemas e, en 1946, Maruxa e Daniel deciden separarse un tempo.

Volveu a Galicia no ano 1949 coa idea de seguir cantando e ofrecendo obras de teatro pero non tivo sorte xa que naquela postguerra dura e gris a arte e cultura estaban esmorecidos e ademais non había un sentimento galego. Un representante da radio díxolle a Maruxa: “Si, señora, pero es que la música gallega aquí no gusta”[5]. Grazas á súa amizade con Otero Pedrayo puido cantar no Círculo das Artes de Lugo e de aí en outras cidades galegas (Santiago, Ourense, A Coruña...) e tamén actuou cunha pequena agrupación teatral chamada “Os Labregos”. Pero a actividade durou pouco pola censura franquista[6].
Maruxa regresou a Arxentina no ano 1958 e ese ano tamén se rompeu definitivamente o matrimonio. Pero en Arxentina tamén decaera a actividade cultural dos galegos. Nesta época Maruxa formou parte do trío vocal xunto con dúas das súas amigas cantantes chamado “Rosalía de Castro”. Pasados catro anos volve a Galicia e vive na Barrela e en Ribadavia pero depois trasládase a Santiago. Entra en contacto co Padroado Rosalía de Castro e propóñenlle facerse cargo da Casa Museo de Rosalía de Castro. Unha oferta tentadora para unha grande admiradora da poetisa que tantas veces cantara os seus poemas. En 1974 instálase definitivamente en Padrón, unha vila que a acollerá con grande agarimo. Así o recolleu a prensa:

“Regidora de la la Casa Museo Rosalía de Castros. Sus conocimientos, compenetración con el ambiente y dedicación total a la expansión de la cultura y costumbres de Galicia, hacen de ella la persona idónea para asesorar sobre tradición, vestuario, pureza del folclore, etc., de la región galaica”[7].

Fíxose unha experta na vida e obra de Rosalía e aproveitaba para participar nas romarías de Padrón para interpretar poemas cantados por ela ante un público que con admiración agardaba escoitar a voz de Maruxa : “La exquisita cantante que vive en amor a Rosalía que bien puidera estar acompañada en sus disquisiciones líricas por un pandero que repicaría en manos de otro devoto de la cantora como es Camilo Agrasar”[8] .

Será Maruxa unha embaixadora da poesía de Rosalía achegando a súa voz para melodiar os poemas da nosa ilustre escritora editando varios discos nos que deixa constancia da pureza e estilo de voz. Deste xeito facía chegar ao público as letras sentidas da poeta: “La obra de Rosalía “La hija del mar” a la que Maruxa Villanueva sabe dar con su voz una peculiar dulzura”[9]. Propiciou que a Televisión Galega fixera unha serie coa obra “La hija del Mar”.

Maruxa tivo numerosas distincións, todas merecidas polo seu sentir galego. Recibiu a Medalla Castelao; o premio María Casares de Teatro a título póstumo; homenaxeárona en Bos Aires, tamén no pobo onde naceu, A Barrela; foi nomeada en 1993 presidenta honoraria da Asociación polos Dereitos do Emigrante Galego de Bos Aires. Así mesmo, Padrón, que tanto apreciaban a Maruxa Villanueva creou un premio de Teatro que levou o seu nome.

Morreu o 24 de novembro de 1998 en Santiago de Compostela cando tiña 92 anos. Ela sempre cumpriu o que lle dixo a súa nai cando era pequena: ““¡Mira, filliña, a alma sempre limpa e transparente, e a fronte, sempre alta!”[10], e alta levouna con Galicia sempre presente.

Foi a encargada da casa museo de Padrón de Rosalía de Castro. Sen dúbida, unha das funcións das que se sentiría máis orgullosa. Ela que tanto cantou a Rosalía acabou vivindo nos mesmos espazos que a nosa ilustre poetisa. Respiraría os seus versos no escritorio mentres miraba pola ventá o seu xardín. Foi a que velou polos espazos envoltos da melancolía rosaliana.


REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS.
Dourado Deira, Manuel, A Mestresa da Casa-Museo: unha Rosalía rediviva, A Coruña: Deputación Provincial, 2009.
Dourado Deira, Manuel, “En memoria de Maruxa Villanueva”, Encrucillada, 110, (1998): 510/70-511/71).
Pociña, Andrés. Conversas con Maruxa Villanueva na casa de Rosalía, La Coruña, Hércules de Ediciones, D.L, 1995


[1] Manuel Dourado Deira “En memoria de Maruxa Villanueva”, Encrucillada, 110, (1998:511/71)
[2] Idem.
[3] Idem; “Manuel Varela Buxán”, Anuario teatral : 1986
[4] “Conjunto de arte gallego” Galicia, 25 de novembro de 1944)
[5] Manuel Dourado Deira “En Memoria de Maruxa….”Op.cit., p. 511/71.
[6] Pilar Cagiao Vila, “Maruxa Villanueva”, http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=6 consultado o 21 de marzo de 2020.
[7] Jesús María Malvar y Mariño “María Villanueva”, El Pueblo gallego, 18 de febreiro de 1976.
[8] J Travieso Quelle, “Rúa de Villar. Santiaguiño do Monte” Hoja Oficial del Lunes, 30 de xuño de 1975.
[9] J Travieso Quelle “Rúa del Villar” Hoja Oficial del Lunes, 1 de marzo de 1976.
[10] Manuel Dourado Deira “En Memoria de Maruxa….”Op.cit., p. 511/71.