Etiquetas

09 noviembre 2013

BEATRIZ DE CASTRO

Aínda que as orixes de dona Beatriz de Castro non son ben coñecidas, sabemos que foi irmá de dona Isabel de Castro –muller de Xoán Freire de Lanzós– e que casou co cabaleiro e rexedor ourensán García Díaz de Cadórniga, o que a sitúa entre a baixa nobreza galega. 
Con anterioridade á súa viuvez, é dicir, antes de 1440, apenas temos datos sobre ela máis alá da súa plena coparticipación en actuacións xurídicas de carácter patrimonial, tanto soa como en compañía do seu marido. Porén, tras a morte de García Díaz, dona Beatriz ocupou un destacado papel nas loitas urbanas do momento, poñendo de manifesto a súa capacidade de intervención nos asuntos públicos ao igual que o seu fillo, Pedro Díaz de Cadórniga, quen mantivo unha actitude rebelde e de excesos na cidade, enfrontándose especialmente ao bando do arcediago de Castela e do bispo.
En 1441, o Concello de Ourense recriminoulle a dona Beatriz o seu comportamento en varias ocasións. Así, o 4 de xaneiro instouna a que desocupase a barca do Terrón, cuxos dereitos debía compartir co bispo, e só uns días despois, o 13 de xaneiro, acusouna de estar concentrando na cidade moytas gentes estrangeyras de que (…) vyña grande mal, perda e dapno. Ademais, en 1442 dona Beatriz de Castro tivo que declarar ante o Concello por unha agresión que sufrira un home do arcediago de Castela, aínda que nese caso eludiu calquera implicación no asunto e limitouse a pedir que actuasen contra os culpables. 
Nese contexto de tensións urbanas, dona Beatriz tamén se converteu en vítima das actuacións dos contrarios. Ou, polo menos, así o manifestou ante o Concello cando, rexeitando a acusación de concentrar escudeiros e estranxeiros na cidade, denunciou que ela e os seus estaban sufrindo diversos agravios por parte da xente do bando episcopal, concretamente de Gómez de Chantada e Vasco Ratón. 
As actuacións públicas de dona Beatriz estiveron moi ligadas ao seu papel como mediadora. En 1440, por exemplo, figurou como intermediaria entre o seu fillo e as autoridades ourensás, sendo a ela á que se lle comunicou a ruptura dunha tregua. Daquela, comprometeuse a actuar para solucionar o caso, castigando e apartando de si ao responsable da agresión ao xuíz de Cudeiro, feito que provocara o conflito. Un ano máis tarde aparece, xunto co fillo, na prórroga dunha tregua entre os bandos da cidade outorgada polo meiriño episcopal; recoñéceselle así un papel fundamental no xogo político urbano. Ademais, en 1446 decidiu outorgar unha carta de seguro en prol dos mercadores composteláns que temían ir á feira de San Martiño e por viño a Ourense con medo de represarias que lles fose feytas por lo dito meu fillo ou por los seus. Por iso decidiu actuar por min e por todos los meus e por todos los escudeiros e omes do dito Pero Dias, meu fillo, ordenando a estes que goarden este seguro, o cal mandou que fose pregoado por toda a cidade. Sen dúbida, as súas actuacións como mediadora só se poden explicar considerando que esta muller da oligarquía urbana gozaba dun amplo recoñecemento social por parte dos homes e mulleres ourensáns. 
Tras a morte do fillo e despois de anos de silencio, en 1478 dona Beatriz outorgou testamento e nel dispuxo ser enterrada en San Francisco de Ourense, eno moymento onde jaz meu marido, vestida co hábito franciscano. Viúva e sen fillos, nomeou herdeiro de todos os seus bens –mobles et rayzes, coutos, vasalos, senorios, juriçion, vasalajen et presentaçoos a mi perteesçentes en este Reyno de Galizia– ao seu sobriño, Alonso de Lanzós, famoso caudillo irmandiño. Os bens de dona Beatriz acabaron finalmente nas mans das fillas e herdeiras de Alonso de Lanzós pero, para que iso chegase a suceder, a nai delas, dona María de Montaos, tivo que loitar por unha parte desa herdanza, non dubidando en reclamala ante os Reis Católicos. 
Sen dúbida, dona Beatriz de Castro foi unha muller que exerceu o poder e a autoridade na cidade de Ourense durante a década dos corenta do século XV. Ademais, como moitas outras mulleres da aristocracia, tivo en plena propiedade diversos bens mobles e inmobles, rendas derivadas do sistema foral, así como beneficios eclesiásticos que se encargou de xestionar soa ou en compañía dos homes da familia. Proba desa plena propiedade e da súa capacidade para xestionar e transmitir eses bens son os diversos documentos que revelan o importante papel social e económico desta muller, que, en definitiva, teceu ao seu redor unha ampla rede de relacións persoais e «clientelares» capaz de lexitimar e sustentar a súa destacada posición social na cidade de Ourense.
Autor/a da biobibliografía: Miguel García-Fernández, Vid: Cultura Galega