RECANTO DE REFLEXIÓNS

12 octubre 2023

A IMPRONTA DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS NAS MESTRAS E UNIVERSTARIAS OURENSÁS

É pertinente que formulemos a hipótese seguinte: O SEG influíu nas mestras e universitarias ourensás.

Fagamos, entón unha reflexión.

O Seminario de Estudos Galegos creado en Galiza o 12 de outubro de 1923 foi un dos fitos máis importantes para a o noso acervo cultural. A súa duración foi curta pola guerra civil que coaccionou radicalmente a expresión da riqueza cultural do noso territorio impondo unha ditadura violenta, centralista e opresora. Cabe preguntarnos: Que houbera sido de Galiza se non se truncaran todas estas iniciativas galeguistas: Instituto de Estudos Galegos, Seminario de Estudos Galegos, o Partido Galeguista, o Estatuto de Autonomía...Cicais sentiriamos máis fondamente o orgullo polo noso, a querenza pola nosa cultura, pola nosa fala...

Certo é que o Seminario nunca se considerou político aínda que non impedía que agrupacións políticas se sumasen ao marchamo das reivindicacións rexionais e culturais. De feito sempre alegou a súa apertura a un amplo especto de ideoloxías pois o nódulo principal era o recoñecemento e e a posta en valor da riqueza patrimonial histórica-artística e intelectual de Galiza. As súas publicacións "Arquivos", actividades, cursos, excursións...tiñan a intención de divulgar e por en valor a riqueza galega e, por conseguinte, acrecentar  o orgullo pola Terra.

Na súa afiliación oficial estaban profesores insignes de Galiza, recoñecidos galeguistas que xa viñan desenvolvendo outras facetas como o Grupo Nós, a propia revista Nós nacida en Ourense, e colectivos intelectuais e políticos afíns ás Irmandades da Fala e, posteriormente, Partido galeguista. Pero estou segura de que habería un grande número de simpatizantes que compartían a ilusión do renacer galego. Ademais, o propio Seminario encargábase de difundir, con especial interese entre o maxisterio, a necesidade da cultura, tradicións, historia...da nosa Terra. 

O interese desta institución pola formación do maxisterio quedou patente na convocatoria do Primeiro curso de extensión escolar entre os días 29 de xullo e 2 de agosto de 1935 durante os cales desenvolveuse un amplo programa de actividades: cursos, conferencias, excursións…con especial atención ao maxisterio galego pois, no seu fuero interno, considerarían que eran os transmisores idóneos duns ideais pola cultura galega. Durante catro xornadas abordaron as seguintes conferencias e cursos específicamente para o maxisterio:
  • A ensinanza en Galicia.
  • Solucións da moderna Pedagoxía
  • Práctica nun test Técnica.
  • A Escola e a Hixiene Rural Galega

As palabras enunciadas polo Secretario do Seminario no inicio destes cursos van na liña do labor que hai que desempeñar nas escolas para garantir o futuro pensando en Galiza:

“Todo el que no se sienta espurio a la Tierra sabe que conquistadas sean en un día próximo las primeras posiciones vindicativas, con la misma acribia y tesón que a la perentoria obra de la reconstrucción económica, toda la ofensiva política de Galicia tendrá que dirigirse ineludiblemente, apresurando su ritmo y cargando su racial ímpeto hacia el campo de la cultura, hacia la escuela concretamente, hasta lograr la conquista de sus puntos más estratégicos, de donde ha de manar nuestro porvenir. Hay que instalar allí perentoriamente el gran tema de la realidad y la palpitación de Galicia, hoy casi fuera del horizonte mental de nuestra población escolar, en casi todos sus planos. A esto hay que afanarse, cada cual desde su ángulo y en la medida de sus fuerzas. El Seminario de Estudios Gallegos, la benemérita Institución cultural orgullo de Galicia por su gnosticismo racial, su formación científica y el vuelo y estilo, ecuménico y galleguísimo de su fecunda labor, no podía dejar a sus espaldas empresa de tal urgencia preñada de ortos por donde también ha de comenzar la reconquista de Galicia...Así, pensando patrióticamente "en gallego", es decir, mirando Galicia adentro, nuestro primer organismo cultural, hoy por hoy el de más alto y sólido prestigio intelecutal proyectó y llevó a la práctica un primer curso de extensión escolar....Estos cursos tienen el propósito de sistemanitar, juntar y procurar reunir en una visión amplia de conjunto la cultura gallega. Gran tarea esta, imprescindible y urgente en Galicia” (Palabras do Secretario do Seminario D. Sebastián González García-Paz).

(Fonte: El pueblo gallego, 4 de setembro de 1935, p. 1)

A actividade resultou un éxito pois  asistiron un promedio de 150 cursillistas entre os que había inspectores, docentes, alumnado das escolas normais e tamén universitario; estudantes de bacharelato e de centros diversos.

En Ourense había un grande elenco de profesorado que impartía no Instituto, na Normal, en Centros privados e e nas Academias da cidade cunha forte ligazón ao Seminario de Estudos Galegos, polo tanto achegados ao galeguismo e á recuperación da identidade galega. Realizaron un gran labor a través das súas leccións maxistrais para inculcar ao alumnado ese amor e recoñecemento da Terra. Grandes ilustres eruditos que eran un referente cultural na nosa provincia como Vicente Risco profesor na Normal e Director da Normal, Otero Pedrayo, Presidente do SEG en 1936 e profesor do Instituto ourensán onde estudarían moitas bachilleras que rematarían sendo mestras. Como socios do SEG estarían Antón Losada Diéguez, Angel Martínez Doval,  Amador Villar Amor, Ángel Ferrín Moreiras, Leuter González Salgado, Luís Madriñán Neira, José Ramón Fernández, Manuel Sueiro, Juan Fernández Pérez "Xesta", Xaquín Lorenzo. Fago mención especial de Antonio do Campo que foi profesor na Academia Villar e tamén da Normal onde impartía francés. Ao marchar en 1918 a Cuba creou na Habana a Asociación Pro-Seminario de Estudos Galegos. Un home moi comprometido pola terra e co galeguismo, irmán de Mercedes e Rosa do Campo. (Remito ao libro publicado para coñecer máis de preto a Antonio do Campo e o seu labor desde a emigración).

Tamén é preciso mencionar ás docentes na Normal e noutros centros como Joaquina Rodríguez Caminero, usuaria da Biblioteca do SEG, Carmen Pardo, socia do SEG, Sara Leirós socia do SEG. Así mesmo Celsa Ferrín Moreiras coincidiu na facultade de Filosofía e Letras con Pura Lorenzana, e tamén estaba vinculada ao SEG. Outras ourensás universitarias como Emilia e Remedios Álvarez que fixeron parte dos seus estudos de bacharelato en Ourense e logo rematárono en Pontevedra para encamiñarse á Facultade de Santiago.

Outras profesoras da Normal e do Instituto na nosa cidade e de recoñecido prestixio na provincia non figuraron como socias pero si cremos que mantiveron unha afinidade grande cos SEG, estamos a referirnos a Concepción Ramón Amat, Leonor López Pardo, Ángeles Leirós, Aurora Seijo, María Teresa Delgado, muller de Ferro, Patrocinio Armesto Alonso, Carmen Lorenzo, Mercedes Randulfe, e un longo etc...

De Sara Leirós rescatamos a seguinte publicación sobre El Padre Feijóo que foi patrocinada polo Seminaro de Estudos Galegos.

(Fonte: Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense [1927]: Tomo XI Número 227 - 1936 marzo, p. 15 e 16)

Pero ao carón destes docentes que son socios ou teñen unha vinculación directa co Seminario había outros  persoeiros ourensáns, funcionarios, profesións liberais, investigadores, intelectuais... que demostraron a súa conformidade cos postulados desta agrupación como López Cuevillas, Juan Coma, Julio Cortés Martínez, Antonio Diéguez Nóvoa, Asdrúbal Ferrreiro Cid, José Fernández B.Casal, Isaac Forneiro Barandela , Julio Gallego, José García Boente, Julio García Pérez, José Lamas, Pedro López Teixeiro, Luís Madriñán Neira, Modesto Pérez Piñeiro, Ignacio Riestra Calderón, José Sabucedo Morales, Jacinto Santiago, José Ulloa, Carlos Valencia, Alfonso Vázquez Monjardín, Xosé Alonso Obregón., Reinado Álvarez de Nóvoa, Ático Noguerol, Benigno Quiroga, Xan Luís Ramos Colemán, Xacinto Santiago, Xulio Velasco Astray, Manuel Chamoso Lamas (Moldes), Xosé Velo Mosquera, Alexandre Otero Teixeiro, Ramón Bretaña Campelo, Antón Diéguez Nóvoa, Xosé Fernández A. Dacal, Modesto Fernández Román, Xulio García Pérez, Xulio Gil Fernández, Lóez González Quiroga, Xosé Goyanes Sotelo, Isidodo Guede Fernández, Ricardo Outeiriño, Manuel Peña Rey, Modesto Pérez Piñeiro, Cesareo Saco, Antón Saco, Xoan Saco, Xosé Antonio Varela Garza.

Así como a Institución da Deputación Ourensá, o Concello de Ourense, o Concello de Verín, a Condesa Atalaya Bermeja, José Berbén Ulloa, Modesto Pérez Peinador e as Mocidades Galeguistas de Ourense, como socios protectores...que contribuíron economicamente ao sostén do Seminario. A Escola Normal tamén se sumaría a ser socia protectora do Seminario.

(Fonte: Arquivos do Seminario de Estudios Gallegos, Vol.6, 1933-34, p. 374)

O Seminario parecer haber sido ben acollido na nosa cidade. Víase como unha agrupación sen postulados partidistas cunha finalidade cultural. Moitas mestras demostran o seu afecto por Galicia aínda desde postulados tradicionalistas. Mestras que demostraron que os seus referentes seminaristas cumpriran un bo labor. En efecto, foron maiormente mestras as que se animaron a crear o Grupo Feminino do PG e das Mocedades galeguistas (que eran socias protectoras do SEG), as mesmas que homenaxearon a Filomena Dato. Tamén foron mestras as que escribiron en galego na Revista Nós animadas por Vicente Risco estamos a referirnos a María Sánchez Fernández; Dolores Fernández Quintáns; Carmen Somoza Pato; Purificación González Feijóo e Josefa Rodríguez Paradela. Tamén eran mestras as que escribiron en A Nosa Terra como Mercedes do Campo, Rosa do Campo, Felisa Morais, Olimpia Varela, mestras..

Non podemos obviar o grande interese que puxo Vicente Risco por Galeguizar as escolas, por galeguizar o ensino. O seu Plan Pedagóxico para a galeguización das Escolas podemos consideralo a demostración máis plausible do sentimento de Risco por Galiza e ese sentimento, segundo se traduce do seu Plan, había que levalo ás escolas. Dicía dos escolantes:

O escolante ha de ser alma da escola. Mais para iso cómpre que o escolante teña espírito, que teña ideal. Cómpren escolantes imbuídos do Ideal de Raza e de Tradición da Terra. Para isto, o primeiro é que os escolantes que rexan as nosas escolas sexan galegos; o segundo que estudien e  amen a Galiza. 

Ese espírito para galeguizar a escola tamén se sentiu en Bos Aires. Vicente recibiu unha carta da Unión Provincial Orensana  asinada por J. Sanchéz e o Secretario Xeral e datada no 3 de febreiro de 1934 na que se pedía a creación en Ourense dunha escola en galego e tamén se indicaba que as docentes ideais para o desempeño nesa escola eran as que formaran o Grupo Feminino do Partido Galeguista. Así dicían:

Pensando sempre na abnegación e sacrificio da muller galega, permitímonos polo tanto insinuarvos que ningúen mellor que esa comisión de abnegadas e valentes patriotas que preside dona Celia Bouzas, da Peña Rey para poñerse ao fronte da propaganda e administración dun labor deste xeito.

Así que non é de raro pensar que moitas mestras acadaron tendo o acervo pola terra. Mestras que se encamiñaron ás súas escolas remotas co afán de culturizar aos nenos e nenas no seu respecto pola cultura. A facerlles sentir orgullo do seu pois iso é o que pretendía o Seminario. Poñer en valor a cultura propia. 

Polo tanto, o espírito do SEG espallouse tamén ata aquí, Ourense, unha cidade de interior que nos anos vinte e trinta aínda era pequena. Tal vez, moitas mestras axudaron a esa difusión por medio de actividades escolares como recitais, cantos, xogos, traballos de exposición... 

Si, as mestras culturizaron e nos recónditos lugares onde exercían, de moi difícil desempeño, foron quen de implicarse na vida das xentes do lugar, e iso é valorar a tradición cultural galega. Mestras que levaban a cultura, os saberes e descubrimentos ás mentes infantís que vían nas súas mestras un exemplo a poder seguir. 

(Entrada escrita segundo as reflexións da autora do blog. A relación dos socios da SEG extraeuse da publicación Arguivos do SEG. Tamén se consultou a publicación de Alfonso Mato Domínguez en Cultura Galega. Album. Tamén para ver o influxo dos galeguistas nas mestras, así como a influencia da Normal na cidade como dinamizadora cultural e comprometida coa formación dos futuros mestres e mestras, remito á entrada As mestras ourensás, aquelas que recibiron leccións de Vicente Risco e Otero Pedrayo.)