RECANTO DE REFLEXIÓNS

26 junio 2024

ELENA SERRANO GÁNDARA

(Entrada suxeita a publicación. Non permitida copia.)
Elena Serrano naceu o 4 de maio de 1878 e tiña o título superior de mestra. Comezou a traballar en 1894 e foi destinada á escola de Sanguñedo,Verea, na comarca de Maceda. En 1923 permutou a escola e foi como mestra en propiedade para a escola de nenas de Lampazas en  Rairiz de Veiga e estando neste destino foi cando a destituíron sen emprego e soldo durante tres meses pois cando requisaron o libro de A.T.E.O ela figuraba entre os afiliados. Tras cumprir a sanción, o párroco de Pentes, Sergio Barjacoba, enviou o 6 de outubro de 1936 unha denuncia na que se afirmaba que Elena defendera en abril de 1932 a un revolucionario do pobo de Zapeaus chamado "El cabezallos" que mereceu que un Tribunal Militar condenase a Elena ao desterro e ao pago dunha multa. En relación ao seu labor docente indicou que non sabía ensinar e que nunca quixo ensinar pois, segundo un escrito enviado pola inspección o 16 de outubro de 1936 indicouse que o seu labor docente era mediocre, que era deficiente e que consideraba oportuno darlle a xubilación: 
 
Se trata de una maestra del 2º Escalafón, maestra Superior, en cuyo expediente personal no aparece sanción alguna…teniendo por tanto mas de 40 años de servicios, lo cual permite su jubilación con la cantidad máxima, por todo lo cual, e inspector que suscribe estima debe jubilarse a la citada maestra.[1] 
 
O párroco ofreceu máis datos argüíndo que o Gobernador militar de Ourense castigouna con tres meses de suspensión de emprego e soldo; que o Comandante do posto da Garda Civil de Xinzo dixo que fora suspendida por tres meses por estar afiliada A.T.E.O co número 163 e que se afiliou a dita asociación en xullo de 1932. 

A Comisión foi solicitando os documentos pertinentes aos diferentes organismos, cargos institucionais e xentes do pobo  para cumprimentar o sumario. En xeral, ditos informes ofrecen unhas valoracións positivas sobre a mestra  aínda que, en efecto, algún destaca a súa pertenza a A.T.E.O, asociación considerada  moi radical. Un dos informantes foi Ventura Pérez, Rexente de San Xoan de Rairiz de Veiga (que xa lle fixera un certificado á Elena para que esta presentase na súa defensa), enviou á Comisión unha certificación con data do 26 de xaneiro de 1937 na que ratificaba que Elena sempre demostrou unha boa conduta e que o seu labor na escola era boa. O pai de familia, Leopoldo Álvarez, manifestou que o labor e conduta da mestra era bos e o Alcalde dixo que a súa conduta era intachable. O Comandante da Garda Civil de Xinzo indicou que non tiña coñecemento de que a mestra militase na Fronte Popular pero que si sabía que fora expedientada por tres meses por figurar no “periódico Ateo”. E xa por último, o Secretario da Comisión confirmou a afiliación de Elena á Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense co número 163. 

Visto o sumario, a Comisión imputoulle catro cargos de carácter bastante grave pois nun afirmábase que Elena tivo toda a súa vida uns ideais revolucionarios, especialmente en 1936 ao estoupar o Movemento Nacional. Noutro aseverábase que defendeu a un revolucionario alcumado “El Cabezallo”. Outro cargo argüía que o seu labor como docente era deficiente e, por último, acusábana de estar afiliada á Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense, A.T.E.O. 

Por conseguinte, a Comisión considerou que como a mestra xa tiña máis de corenta anos de servizos procederían á xubilación forzosa.

Elena levou a cabo a súa defensa emitindo un escrito con data do 22 de xuño de 1938 no que manifestou que era falso que ela fose revolucionaria pois sempre profesou ideas cristiás e llas inculcou á familia. O de relixiosa non se lle podía negar pois en 1919 ela adherírase á Asemblea de Afirmación Católica de Galicia. Afirmou que o promotor da acusación actuou malintencionadamente e por vinganza“sólo una venganza ruin y desalmada pudo caer sobre la que dice con hechos tan criminales porque ni en el año 1936 ni antes ni despues he variado de conducta envuelta siempre en el lema de las derechas con las que voté siempre…”[2]. Negou tamén que defendera ao revolucionario alcumado “Cabezallo”, que fora morto pola Garda Civil, e manifestou que o Cabezallo morrera a cincuenta metros da casa dela e no intre ela berrou que estaba morto e que ese home fora o causante da “intranquiliadde da alcaldía” e por ese motivo a Garda Civil sancionouna polo que dixo. Logo, con respecto ao seu labor na escola, indicou que sempre ensinou segundo o seu saber e xa, por último, afirmou que non estivo afiliada a A.T.E.O e que nunca recibiu a revista nin o periódico relacionado con ela.

Alegou diversos informes que falaban en beneficio dela como o escrito do xestor do Concello de Rairiz de Veiga que indicaba que Elena tiña unha conduta intachable. Por outra banda, o Xefe local da Falanxe dixo que a mestra nunca tivera ideas revolucionarias e que sempre fora unha persoa de ordenl Amais diso, explicou que tivo un fillo falanxista que marchara como voluntario á fronte para loitar pola patria O mesmo dixo o cura de Zapeaus e engadiu que non lle constaba que defendera ao revolucionario “El Cabezallo” nin que estivera afiliada a A.T.E.O. E. Outro escrito de Ventura Pérez, rexente de Rairiz de Veiga dicía que ela nunca mostrou ideais revolucionarios e que, pola contra, traballou polo triunfo das dereitas e que tampouco lle constaba que defendera ao Cabezallo nin que pertencera a A.T.E.O. Na mesma liña argumentou o Xuíz Municipal, José Torres González.

Neste proceso que xa levaba en curso catro anos, a Comisión Superior Ditaminadora de Expedientes de Depuración acopiara un grande dossier de documentos que, tras revisalos todos ditou sentencia propoñendo o 9 de marzo de 1940 que Elena se confirmara no cargo pero que se le levara a cabo o trámite administrativo de xubilación forzosa.

Ante dita resolución, o 12 de xullo de 1940 Elena enviou un escrito suplicando que tivesen a ben revisar o seu expediente para que se lle levantara a sanción. Para iso acompañou o seu escrito cunhas certificacións que acreditaban a súa boa conduta moral, relixiosa e patriótica. Entre os documentos que presentou estaba o do Xefe Local da Falanxe de Rairiz de Veiga que certificou que :

Elena Serrano Gándara, Maestra Nacional de Rairiz de Veiga ha demostrado en todo momento su decidida y entusiasta adhesión al Glorioso Movimiento Nacional, prestándose infinidad de veces a recaudar fondos para el mismo. Como hecho meritorio ha tenido el honor de que su hijo, comandara voluntario en la gloriosa fecha del 18 de julio de 1936, Camilo Alonso Serrano ha dado su sangre y vida por la Patria en los campos de Asturias.[3]

Pero a súa solicitude non tivo a resposta inmediata polo que Elena so quixo declarar máis argumentos para evitar a xubilación forzosa. Neste caso alegou nun escrito con data do 2 de maio de 1942 que, ademais do fillo que fora loitar na fronte asturiana no bando nacional e falecera pola patria, outro, chamado Eduardo, fora voluntario na División Azul para loitar contra o marxismo e tamén faleceu:
 
Pero a este mérito, solo apreciable por quien sabe el cariño y el amor de una madre, tengo que añadir un nuevo ofrecimiento, que si el primeiro desgarró mi corazón, éste me ha sumido en la mayor tristeza. Cuando la Rusia Soviética amenazó destruir a Europa y la civilización cristiana un puñado de valientes españoles formaron la División Azul a Rusia se fueron para combatirla y ahogarla; entre ese puñado de españoles también esta Maestra rural, tenía otro pedazo de su corazón. Enrolado en la División Azul marchó su otro hijo, Eduardo, siguiendo los sentimientos de su corazón…Y por Dios y España dio su vida en las estepas ruras con el espíritu de sacrificio, que siente todo buen español.[4]

Así pois, o Xulgado Superior de Revisións resolveu o 24 de xullo de 1942 de forma definitiva que Elena sería confirmada no seu cargo e se lle instruiría o expediente administrativo de xubilación. Tamén indicou que no escrito de denuncia do párroco se apreciou unha falta de obxectividade e que os informes solicitados ás autoridades da localidade foron moi favorables, malia que si se comprobou que en 1932 Elena se afiliara a A.T.E.O aínda que non chegou a ratificar a inscrición e ademais por iso xa fora castigada. Outro factor decisivo para actuar con certa lenidade foi a comunicación por parte do Tenente Muñoz Grandes e do Señor Ministro Secretario do Partido na que se indicaba que un fillo de Elena falecera en terras de Rusia loitando contra o comunismo:

No solamente por la inexistencia de acusaciones probadas, sino por tratarse de una madre que sufre el dolor profundísimo de la muerte de su hijo, héroe de la lucha anticomunista, que ya antes luchó voluntariamente en nuestra Cruzada de liberación, estimamos debe ser resuelto este recurso con la confirmación en su cargo sin sanción de clase alguna.[5]

Oito anos durou todo o procedemento, anos de sufrimento. A situación de control pola que pasaban os mestres e mestras durante ao Réxime facíase longa e custosa. Normalmente bastaba un escrito acusatorio para que o proceso comezase a avanzar. Eran numerosos os  escritos,  os documentos e os trámites duraban anos, durantes os cales os docentes tiñan vivían na máis evidente inseguridade sobre o seu futuro. Sabían que se os apartaban do seu cargo comezaba un tempo de escaseza e limitacións económicas e se había cargas familiares, a situación agravábase máis. Pero tamén era preocupante a sospeita que sobrevoaba sobre todos eles. Un estigma que acababan levando para sempre.

Elaboración propia a partir de diversas fontes. [1] MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo da Administración, 32_12791_024_0020;[2] MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo da Administración, 32_12791_024_0027; [3] MINISTERIO DE CULTURA, Arquivo da Administración, 32_12791_024_0006; [4] MINISTERIO DE CULTURA. Arquivo Xeral da Administración, 32_12791_024_0008; [5] MINISTERIO DE CULTURA. Arquivo Xeral da Administración, 32_12791_024_0003. Vid: Boletín Oficial de la provincia de Orense, 8 de xullo de 1896, p. 1;  Boletín oficial de la provincia de La Coruña, 23 de febreiro de 1905, p.4; El magisterio español, 24 de marzo de 1914, p. 14; El correo de Galicia , 27 de decembro de 1919, p. 1.