RECANTO DE REFLEXIÓNS

24 abril 2024

DOSINDA PEREIRA YAÑEZ

(Entrada suxeita a publicación en libro.)
Dosinda, examinado o expediente de depuración por parte da Comisión Superior Ditaminadora de Expedientes de Depuración, foi sancionada co traslado dentro da provincia coa prohibición de solicitar vacante durante dous anos e inhabilitación para cargos directivos e de confianza en Institutcións culturais e de Ensinanza coa perda dos haberes devengados durante a súa suspensión.

De novo estamos ante unha resolución implacable na ditadura a unha mestra de escola, unha sentenza que se deu case de inmedianto do golpe militar.

Dosinda comezou a traballar de mestra en 1904 e estivo destinada en diversas escolas. Un dos seus primeiros destinos foi Santa María de Ponte Viana. En 1929 estaba na escola de Paradela e ese mesmo ano trasládase á escola de Placín[1]. Levaba oito anos nesta escola cando foi acusada de extremista.

Polo tanto, cando se produciu o golpe militar estaba de mestra na escola de Placín, no Concello de Manzaneda. De inmediato, a uns meses do alzamento e comezada a guerra, concretamente o día 4 de setembro de 1936, foi destituída por orden gubernamental xa que o Alcalde de Manzaneda informou á Comisión que a mestra "quizás" votou como seu home e os seus fillos á Fronte Popular. Tamén indicou que Dosinda autorizou un mitin marcadamente contrarrevolucionario no local-escola da que era mestra. Por todo isto, era meritoria de destitución por quebrantar os principios do novo réxime.

Dosinda enviou un escrito con data do 12 de outubro de 1936 na que expresou a súa veteranía na enseñanza e defendeuse das acusacións querendo deixar claro que nos trinta e nove anos que levaba exercendo nunca fixo proclamas políticas na escola:

A Ve. Con el mayor respeto expongo:

Que con fecha 4 del mes próximo pasado ha remitido una comunicación de la Sección Administrativa de 1º Enseñanza de esta provincia, participándome que por orden del Excmo. Sr. Gobernador Civil de esta provincia quedaba destituida del cargo de Maestra por haber enseñado a mis discípulos en la escuela de mi cargo ideas extremistas y, por lo tanto, cosas contrarias a la Moral Cristiana. En esto debo hacer confiar a V.E que en los 39 años que vengo regentando el Magisterio nacional primario, jamás he enseñado cosas contrarias a nuestra Santa Religión Católica, ni tampoco cosas contrarias a la buena sociedad, no haciendo otra cosa más que cumplir con lo ordenado con los poderes constituidos.

Como así lo puedo acreditar que en los 39 años que llevo al frente de la enseñanza primaria no he recibido ni una amonestación de mis superiores.

Pero a Comisión abriu as dilixencias oficiais e comezou a recabar información ás forzas vivas locais solicitando informes do párroco, dos pais de familia, do Gobernador Civil. Cada un deles manifestará o seu punto de vista pero coinciden en que Dosinda era simpatizante e votante da Fronte Popular. Acusacións que non tiñan moito substento pero que puñan en grave perigo o futuro de Dosinda. Abríuselle un expediente que duraría de 1936 a 1942.

O párroco de Vidueira, Bentura Diéguez, afirmou no seu escrito, con data do 19 de xaneiro de 1937, que a mestra pertenceu a Esquerda Republicana ou a Unión Republicana e que votou con toda a familia ás esquerdas desde que chegara a República. Así mesmo, o pai de familia, Manuel Álvarez, que presentou o informe en marzo dese mesmo ano, dixo que a mestra pertencía ao Frente Popular e que non era boa mestra pois chegaba tarde ás clases e cando facía mal tempo sustituíaa o seu home ou o seu fillo sen ter estes cultura algunha para dar leccións. Emilio Nieto, vocal da Comisión, certificou que Dosinda pertenceu a Asociación de Traballadores de Ensinanza de Ourense, que tiña o número 3 de afiliación con data do 1 de xuño de 1931.

Pero no pobo de Placín comezou a circular unha carta dos veciños na que se solicitaba que repuxeran á Dosinda na escola e afirmaron que: “Dosinda Pereira conservo el crucifijo en las escuelas en plena república y daba a los niños el catecismo para que lo estudien en sus casas. Y por su conducta intachable el pueblo desea que la referida maestra destituída vuelva a la escuela de Placín”[2].

Malia todo, o expediente seguía o seu curso, entón, Dosinda redactou con data de 29 de xuño de 1937 unha carta de descargo para evitar unha sanción que ía truncar a súa vida. Manifestou que non entrou nunca en ningún partido da Fronte Popular e que se abstivo de toda clase de política. O que si foi certo é que: “hecho en cierta ocasión un mitin del asqueroso frente popular sin haber intervenido la declarante en el mismo, siendo todo cosa del Alcalde que en aquel entonces había en este Ayuntamiento de Manzaneda, entrando él en mi domicilio y cogiendo las llaves del local Escuela[3] .Tamén indicou que a súa afiliación a ATEO fora debido a unha mala compañía.

De seguido o Alcalde manifestou que: “moral y socialmente se puede considerar como persona de garantía al régime constituído del Nuevo Estado Español; y que el hecho de autorizar el mitin comunista en la escuela tiene un atenunante que es el de habérselo reclamado el que era entonces Alcalde del Frente Popular”[4]. Tamén indicou que durante a época do Frente Popular non fixera propaganda disolvente dentro nin fóra da escola, limitándose a súa actuación a ser un mero e inofensivo instrumento dun dos “caquicuelos” da Fronte Popular. Foi unha alegación que podía servir de atenuante para a encausada. 

O Comandante da Garda Civil de Trives, Sr. Maldonado, dixo o mesmo e matizou que a mestra non inculcou ao seus discípulos doutrinas marxistas. Sen embargo, o párroco e don Manuel Álvarez dixeron que non sabían se Dosinda fixera proclamas na escola pero aseguraban que o seu labor era deficiente e que non ía a misa, que tan só acudía dúas ou tres veces ano ano. 

Polo tanto, como non había unanimidade entre os informantes, a Comisión considerou que era indubidable que Dosinda simpatizou coa Fronte Popular aínda que o fixera sen ostentación e sen realizar actividade política algunha, polo tanto: “Considerando que se hallaba afiliada a la entidad profesional Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense, pero con la atenuante de no aparecer su hombre en las listas desde que se declaró la tendencia política de la misma; esta Comisión tiene el honor de proponer a V.E., por unanimidad,el traslado[5].

Malia os argumentos atenuantes, Dosinda non se librou da sanción e foi depurada. Un castigo que supuña un grande problema moral, social e económico para ela. Pasados uns anos foi para a escola de Barcia, no Concello de Melón, e foi aquí onde se xubilou en 1944 con máis de corenta anos de servizos, concretamente corenta e catro. Unha vida enteira, unha entrega total pola ensinaza.

Elaboración propia a partir de diversas fontes. [1] Boletín Oficial de la provincia de Orense, 4 de abril de 1900, p. 2; El magisterio español, 14 de decembro de 1911, p. 12; El magisterio español, 4 de Marzo de 1929, , p. 9; [2] AGA 32-12788-019-0013.; [3] AGA 32-12788-019-0017; [4] AGA 32-12788-019-0005; [5] Idem. "Resolución dictada por la Comandancia miliar de Orense", La Zarpa, 6 de agosto de 1936, p. 5.