RECANTO DE REFLEXIÓNS

21 abril 2024

FERMINA FERNÁNDEZ OTERO

Outra das mestras que tiveron que pasar polo proceso depurativo imposto pola ditadura foi Fermina Fernández Otero. Unha experiencia dolorosa que podía sumir á familia nun desamparo económico e unha lacra social. 

Fermina naceu en Barbadás no ano 1889 e quixo estudar e sacar o título de maxisterio, cousa que conseguiu en 1911. Con anterioridade estaba exercendo de interina na escola de San Cibrán de Viñas cobrando un soldo de 412 pesetas. En 1912 foi para a escola de Serboi en Castrelo do Val, logo á de Ardescende en Cea.  En 1925 estaba exercendo en Humoso en Viana do Bolo e en 1926 na escola de Albos, en Verea. 

Casou con Juan Álvarez Pato e tiveron catro fillos, Ovidio, sería un prestixioso médico; Blanquita, mestra como a súa nai; Aser, funcionario e Evencio, estudante de dereito que falecería prontamente, en 1952. 

Estando Fermina exercendo en Albos a Comisión Depuradora, que actuaba en moitas ocasións por acusacións sen fundamento, suspendeuna en maio de 1940 por dous anos de emprego e soldo, traslado dentro da provincia forzoso con prohibición de solicitar cargos vacantes durante un período de dous anos e inhabilitación para o exercicio de cargos directivos. O seu destino forzoso foi a escola de Abelenda, en Xunqueira de Ambía. Fermina puido continuar exercendo a súa profesión con dedicación e segundo pasaban os anos ía achegándose á capital. En 1952 estaba na escola de  As Airas, Toén.

Faleceu en 1962 á idade de 73 anos. Unha muller que cumpriu os seus obxectivos vocacionais rompendo os estereotipos para as mulleres da súa época.

(Elaboración propia a partir da consulta da hemeroteca de Galiciana. Vid: La Región, 1910 decembro 7, p. 2; Diario de Galicia, 26 de xaneiro de 1911, p. 1; Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 1912 xaneiro 20, p. 3; La Región , 8 de maio de 1940, p. 4; La Región, 16 de xullo de 1940, p. 2; La Región, 4 de abril de 1952, p. 3;  El pueblo gallego, 1962 decembro 25, p. 8.)