RECANTO DE REFLEXIÓNS

14 marzo 2011

MERCEDES DO CAMPO DE LA FUENTE

(Nota da autora: tras haber dedicado moitos anos  a investigar sobre Mercedes e Rosa do Campo de la Fuente, para esta entrada remito á publicación que fixen en 2022 titulada "Mercedes e Rosa do Campo de la Fuente. Mestras e comprometidas co galeguismo" publicado pola Deputación Provincial) 

Mercedes era a Secretaria do Grupo Femenino de Ourense do Partido Galeguista. Xunto con Celia Bouzas, que era a presidenta, e máis un grupo de insignes mulleres ourensás levaron a cabo un feito inédito en Ourense e Galicia como foi a organización das mulleres para a defensa de Galicia, da súa lingua e cultura.
Mercedes do Campo convertirase na cara visible do grupo participando en numerosos actos do Partido Galeguista e pronunciando discursos cheos de intensidade.

Intervén na III Asamblea do Partido Galeguista celebrada en 1934 en Ourense cunhas palabras nas que fai unha apoloxía do galeguismo: "Os seus resultados é posibel que non sexan vistos por nós. Vivirannos os nosos fillos, as xeracións que veñen, as que temos a obriga de legarllos, coma o mellor herdo, unha Patria nova e ceibe, pra que benizan os nosos nomes, como nos bendecimos os nomes dos nosos Precursores. Pra esa laboura transcendente, nós, as mulleres, conscentes do noso deber, presetamos lediciosamente, o noso esforzo" (A Nosa Terra, 28 de febreiro de 1934)

Foi unha muller que demostrou a súa fortaleza na defensa da Patria e cuns discursos que en nada desmerecen dos grandes oradores do Partido, Castelao, Pedrayo, Bóveda...
No día celebrado da Patria Galega, Mercedes interveu en varias ocasións deixando palabras memorables:

DÍA DE GALICIA

"Vintecinco de Xulio. Día de Sant-iago, día de recordos grandes para a nosa Terra. Hoxe toda Galicia ferve de xúbilo ante a fermosa Festa de Santo Patrón, en todo-los preitos resoa a ledicia das meigas e doces cantigas dos nosos pais, a natureza vístese coas millores galas para festexar o Día Grande, nos beizos dos bós galegos bailan, o sentir a dozura da nosa gaita, as surrisas máis feiticeiras. N-este día todos nós debemos botar unha ollada as nosas conciencias e ver si como galegos cumprimos coa obriga que temos pra unha nai tan garimosa doce, como é Galicia. Eu coido que temos moito que chorar ao ver como deixamos que os nemigos d-ela, entre eles moitos fillos, a aldraxen, a pisoteen e vaian apretando cada vez máis ao redor da súa gorxa as cadeas con que a queren afogar. Si todol-os galegos quixeran decatarse da situación angustiosa en que se atopa Galicia, hoxe, no Día Grande como un soio home xurarían loitar por ela con todal-as forzas deica rachar esas cadeas, e que d-esa loita xurda unha Galicia libre de aldraxes e da cal serán respectados todol-os seus dereitos. Deus queira que chegue pronto o Día Grande, outro Vintecinco de Xulio en que todos en pé poidamos cantar co poeta: A NOSA TERRA É NOSA".

¡VIVA GALICIA CEIBE! Xullo de 1935. 


 Ten outro escrito interesante sobre a nova revista GUIEIRO.
ARENGA "Teño ante os meus ollos o novo xornal das Mocedades Nacionalistas "Guieiro". O meu corazón relouca de ledicia e o meu peito énchese de gozo ao ler estas páxinas cheas de fogo e coraxe; ao ver a nova xeneración galega disposta a loitar deica verter o seu sangue, ese sangue que ferve n-uns corpos fortes e variles, pol-a redención da Terra de Breogán. Máis ante esa nova xeneración, que non se contenta coa protesta pasiva dos nosos pais, eu pregúntome, ¿cal é a aititude d-eses pais que trouxeron ao mundo esa nova xeneración diante da rebeldía d-ela?¿Non sairán á rúa para loitar cos seus fillos, para morrer con eles ou para sair d-esa loita libres de escravitude a que estamos sometidos? Nai galega: Prepárase unha gran loita e tí tés unha arma moi poderosa para evitar que o sangue dos teus fillos vértase en loita sanguiñenta sobor da nosa Terra, sobor da nosa Nai tan querida e tan aldraxada. Esa arma é o teu voto. Tén conciencia dos teus deberes de nai e de muller galega e cando vaias as furnas vota por aqueles homes que poidan limpar a nosa Terra de extranxeiros e rachar as pesadas cadeas da nosa escravitude. ¡Ánimo mozos galegos! Como o vello do conto, dádelle forte ao centralismo hasta que fenda".

Ourense, Novembro de 1935. 

 Vid: A Nosa Terra, 25-7-1933. A Nosa Terra, nº 374, 13-7.1935 A Nosa Terra, nº 291, 22-11-1935.