Naceu en Ourense o día 5 de xuño de 1909. Naceu no número 26 da Rúa San Pedro de Ourense.
O seu pai era Francisco José Lamas Salgado natural de Ourense, que era confiteiro maior, carpinteiro, xornalista e agrarista e de ideoloxía anarquista, e súa nai era Amparo Barreiro que era de San Vicente de Lobeira, casados o día 8 de maio de 1892. Era neta por liña paterna de Antonio Lamas natural de dun pobo de A Coruña e domiciliado en Ourense e de Vicenta Salgado natural de Ceboliño. E por liña materna de avó descoñecido e de Concepción Barreiro natural de Cea e domicilidada en Ourense. Os seus irmáns eran Francisco, Pilar e Vicenta. Toda a familia trasladouse a Arxentina a comezos do século XX (sobre 1910) e residiron en Bos Aires.
(Quero agradecer ao persoal do Rexistro Civil de Ourense a súa axuda e colaboración para a localización da partida de nacemento de Concepción Lamas. Deste xeito confírmase que naceu en Ourense).O pai foi fundador da Unión Provincial Orensana en 1913, tamén participou na fundación da Asociación Rexionalista A Terra e foi o promotor da Casa de Galicia en Bos Aires. Seu irmán Francisco foi un destacado artista pictórico e tamén estivo moi ligado ao galeguismo e Vicenta e Pilar foron das primeiras alumnas que recibiu o Instituto ourensán.
(Fonte: https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Chita_Lamas_y_Francisco_Lamas_Salgado._1929._Granja_Ceres._Ituzaing%C3%B3.jpg#/media/Ficheiro:Chita_Lamas_y_Francisco_Lamas_Salgado._1929._Granja_Ceres._Ituzaing%C3%B3.jpg)
Chita estudou nun colexio Inglés en Bos Aires o que lle permitiría, anos posteriores, xa en Galicia, impartir clases deste idioma no Clube de Estudos da Mocedade Galeguista de Vigo.
Chita vivía na súa casa de Bos Aires un ambiente de querenza pola Terra. Tanto seu pai como o seu irmán Farruco tiveron un papel relevante na organización e creación de asociacións e institucións galeguistas en Arxentina. Ramiro era unha persoa tamén moi vinculada co galeguismo e sería o representante deste movemento en Montevideo. Foi enviado por Vicente Risco a Arxentina en 1923 para que organizase alí as Irmandade Nazonalista Galega. El xa tiña amizade con Farruco e, de feito, a familia Lamas Barreiro acolleu a Ramiro mentres estivo en Bos Aires, así coñeceu a Chita con quen casou o 20 de abril de 1929.
(Fonte: Esquerda a dereita: Francisco Pérez Pérez, Vicenta Lamas, Chita Lamas e Ramiro Illa. Foto do ano 1930. Fondo Ramiro Isla Couto. Fundación Isla Couto).
Chita e Ramiro regresaron a Galicia en 1931 residindo en Vigo e continuaron tendo relación cos representantes do mundo da cultura galega, de feito, ela vaise afiliar ao Partido Galeguista e tamén impartía clases de inglés ás Mocidades Galeguistas de Vigo.
Cando comezou a guerra civil o matrimonio agochou no seu piso a parentes de Castelao e viron o terror dos asasinatos. Ramiro tentou de fuxir a Portugal pero foi detido en Verín e encarcerado. Chita quedou nunha situación de desacougo e, cando puxeron en liberdade sen cargos a Ramiro, o matrimonio foi a Porto e logo a Francia e os dous, xunto con Florencio Delgado Gurriarán, axudaron a escapar a moitos exiliados galegos a América.
(Fonte: "Los pasajeros". Diario de la Marina. 17 de outubro de 1939, p. 12.)
Chita e Ramiro marcharon embarcados no trasatlántico portugués "El Colonial", rumbo a Veracruz en outubro de 1939. Estando en México, Chita escribiría algúns poemas na lingua galega, un deles titulado "Hoxe foise o meu amor" e outro publicouno no Cancioneiro da loita galega, obra colectiva promovida por Gurriarán. Era unha muller de grande sensibilidade e tras as vivencias da guerra fixo que tanto as súas emocións como saúde se resentisen.
Hoxe foise o meu amor
e ficou soia a badía
ai amor!
As montanas do arredor
choran tristes a partida
ai delor!
Como xira inquiridor
o faro do pé da Guía
ai amor!
Tolo busca ó meu amor
nos recunchiños da ría
ai delor!
O colar cintilador
de lus de Cangas nos brila
ai amor!
¡Para que ser brilador!
si Ela xa nono mira
ai delor!
A choiva ao ir meu amor
cái teimosa, mol, tranquía
ai amor!
¡E que o ceo chorador!
xunta sua magoa coa miña
ai delor!
(Fonte: Diccionario de Fole, p. 188.)
O matrimonio separouse de xeito amistoso en 1950. Vicenta, a súa irmám apoiouna sempre. Chita faleceu en Lima o día 22 de decembro de 1951, tiña tan só 42 anos.
(Certificado de Defunción. Fonte: FamilySearch.org. (2015). Retrieved August 3, 2024, from Familysearch.org website: https://www.familysearch.org/ark:/61903/3:1:3QS7-99H3-TQ2G?view=index&personArk=%2Fark%3A%2F61903%2F1%3A1%3AQLMB-7585&action=view. Pode verse como indica que Chita naceu en Ourense. Nalgúnhas páxinas web indican que naceu en Bos Aires.)
Vid: "Clases de inglés", El Pueblo Gallego, 3 de xaneiro de 1934, p. 6; "Irmáns presentes", A Nosa Terra, 13 de marzo de 1936, p. 1; Sara. (2023, November 15). “Ramiro Illa Couto. Vibración e músculo do galeguismo”, conferencia con Xosé L. Pastoriza Rozas, en Vigo - Editorial Galaxia. Retrieved August 3, 2024, from Editorial Galaxia website: https://editorialgalaxia.gal/ramiro-illa-couto-vibracion-e-musculo-do-galeguismo-conferencia-con-xose-l-pastoriza-rozas-en-vigo/. Fotografía da entrada: Álbum de Galicia Consello da Cultura Galega.