RECANTO DE REFLEXIÓNS

17 diciembre 2023

DINA (DIGNA) PORTABALES FERNÁNDEZ

De novo ante un caso de represión do maxisterio  durante o franquismo. Acusacións apenas consistentes eran suficiente para condear a un mestre ou mestra. Tratábase de atemorizar e de oprimir aos docentes.

Dina naceu en Maside o 15 de outubro de 1906. Seus pais eran Maximino Portabales, de Maside, e Elisa Fernández González. 

Digna enviou o 27 de agosto de 1927 unha carta á Directora da Escola Normal de Ourense, que por aquel entón era Leonor López Pardo, na que lle expuña o seu interese por cursar os estudos de Maxisterio e solicitaba ser admitida nas probas de ingreso.

(Carta solicitando o ingreso na Normal. AUVI. Expedientes persoais)

No exame escrito de ingreso desenvolveu o tema Conquista de España polos árabes. A Batalla de Covadonga. Comezou os estudos Maxisterio en dita Normal de Ourense en setembro de 1927 e finalizounos en 1931 obtendo unhas excelentes cualificacións e con matrícula de honra no segundo curso. Daquelas a carreira constaba de catro curso no que se intercalaban materias de cultura xeral con outras de docencia e didáctica como eran nocións de pedagoxía, as prácticas de ensinanza, e materias relacionadas coa formación feminina como eran corte e e labores artístcas e economía doméstica, ensinanzas que debían impartir ás nenas das súas escolas.

Tras realizar e superar os cursiños de maxisterio, segundo o plan de estudos da República, comezou a obter os seus primeiros destinos. No ano  1934 obtivo o destino na escola de Alcázar de Milmanda en Acevedo do Río. Foi unha das mestras que apoiou a creación do "Hogar del maestro" en Ourense cuxo obxectivo era que o maxisterio se unise e compartise experiencias e tivesen un local de reunión para asuntos relativos ao seu interese, de conferencias e charlas, disponibilidade de biblioteca. Casou co tamén mestre, Francisco Cardecín

Afiliouse á ATEO o que motivou que fose represaliada en agosto de 1936, xunto co resto de asociados/as, impoñéndolle unha sanción de perda de emprego e soldo. A partir de entón abríuselle o expediente de depuración pois o Alcalde de Acebedo informou á Comisión que tiña referencias de que a mestra simpatizaba co socialismo. Do mesmo xeito, o Comandante do posto da Garda Civil de Celanova dixo: "a juzgar por sus compañías y algunas conversaciones, sentía predilección por la política de izquierdas" (1). Na mesma liña o párroco de Alcázar de Milmanda manifestou: "A raíz de las últimas elecciones defendió al marxismo en conversaciones particulares, revelándose, al menos, como simpatizante, y dicen que buscó algún voto para el partido y que el pueblo la califica de izquerdista"(1). Ademais tamén indicou que na escola ensinaba segundo o mandado pero que prescindiu da ensinanza da relixión, patria e familia . Tamén tivo que dicir algo o cura de Maside, de onde era Digna, da que dixo "de carácter meramente infernal, voluble e acomodaticio, con el mismo entusiasmo con que ahora grita: ¡Viva España! daba vivas al Marxismo y levantaba el puño cerrado, cuando los del puño cerrado campaban por sus respetos". (1)

Non obstante, contra estas acusacións saíu en defensa de Digna, Odilo Alonso, o pai de familia de Milmanda que dixo que a mestra non pertenceu ao partido da Fronte Popular e os pais das nenas da escola asinaron todos un informe en apoio da mestra. Así mesmo, o Presidente do Consello Local de Primeira Ensinanza dixo que sempre observou boa conduta política e que a mestra dera mostras da súa adhesión ao Movemento Nacional.

Iso si, houbo un informante que manifestou que Dina pertenceu á ATEO e que foi suspendida de emprego e soldo por tres meses e o Inspector Xefe de Investigación e Vixilancia aseveraba que Dina se afiliara a ATEO en 1932.

Contra estas acusacións, Digna quere defenderse  presentando diversas certificacións como a do Alcalde de Maside, o Comandante da Garda Civil de Carballiño e Xefe Local da F.E.T. e do médico de Maside que responden e acreditan a boa conduta da mestra, que era irreprochable e exemplar tanto na escola como fóra dela.

Aínda así, considerouse por parte da Comisión Depuradora que Digna tiña simpatías cara os partidos da Fronte Popular e, en especial, dos marxistas, pero que non fixera ningunha actuación directa nin levou a cabo ningunha militancia. Polo tanto, como non estaba suficientemente sustentada a súa mala conduta e como non apareceu nas listas de ATEO despois do ano 1932 a sanción imposta en abril de 1938 foi de suspensión de emprego e soldo por un período de tres meses e trasladada de escola, case pode considerarse un desterro, pois foi enviada á escola de Reigada en Manzaneda.

(Entrada suxeita a ser publicada nun libro)

Elaboración propia a partir de diversas fontes. AGA, Expediente de Digna Portabales Fernández; AUVI. Expediente académico de Digna Portabales Fernández;  Iltmo Subsecretario de Instrucción Pública y Bellas Artes, 1933. Escalafones de Magisterio Vid: Correo de Galicia, 17 de novembro de 1929, p. 10; Galicia, 21 de outubro de 1930, p. 2; Galicia, 13 de xuño de 1931, p. 2; El pueblo gallego, 19 de abril de 1932, p. 12; Galicia, 14 de novembro de 1934, p. 3; Galicia, 19 de marzo de 1935, p. 5; El pueblo gallego, 4 de agosto de 1936, p. 7; La Región, 5 de agosto de 1936, p. 4; La Región 8 de maio de 1940, p. 3; La Región, 16 de xullo de 1940, p. 2.