RECANTO DE REFLEXIÓNS

25 diciembre 2023

O QUE O NADAL ME CONTA

 O QUE O NADAL ME CONTA

Rosa María Cid Galante


E xa chegou o Nadal. A min estes días dinme infancia, dinme irmáns e, sobre todo, dinme pai e nai. Pais sinxelos e traballadores arreo que nos deron todo. Dinme nai, miña “mai” abondosa, que nos ofrecía, tras unha xornada de traballo fóra da casa, os seus mellores manxares, mostra do seu enorme agarimo polo seus fillos. Dinme cea arredor dunha mesa camilla, dinme uvas e figos pasos … Dinme tardes coa película “Mujercitas” ou “Que bello es vivir”, dinme comics de Ibáñez e contos como “O Príncipe feliz” de Oscar Wilde e árbores de nadal dunha sinxeleza tenra.

O Nadal fálame de tantas cousas … Das vacacións no colexio, das cualificacións trimestrais que facían felices aos meus pais e das tardes agardando na casa a que regresaran do traballo para darlles unha aperta forte.

O Nadal, si, tamén me fala de agasallos de reis, pero os xustos para compartir entre todos os irmáns. Aquel futbolín que tanto deu de si e que, por veces, os meus queridos irmáns reconvertían para xogar ao villar; aqueles crebacabezas, un deles coa imaxe dun delfín, que se facían unha e outra vez, unha e outra vez; aquel balón de fútbol para xogar na explanada da estación ou aquela pequena boneca con saia escocesa á que me apertaba … ah! e unha bicicleta!! coa que meu irmán me ensinou a andar... E como non, tampouco faltaban as mudas, os calcetíns e as camisetas para todos, sempre tan precisos.

Era, si, un Nadal sinxelo pero eu non o cambiaba por ningún outro pois sentíame protexida e feliz querendo aos meus no meu silencio.

O Nadal tamén me fala do paso do tempo inexorable. Dos que estamos e dos que xa non están pero que sempre se levan moi dentro, agarrados ao corazón.

O Nadal é ese tempo contraditorio entre a morriña de rematar un ano e a incerteza do ano que se aveciña. Son días nos que practicamente toda a xente comenta que o tempo pasa cada vez máis rápido provocando certa vertixe. E é que, ao fin, gústanos vivir a rutina sen sobresaltos e cando vemos que o ano foi pasando pensamos no Nadal como esa data que nos conduce a un tempo aínda incerto, a ese ano que non sabemos o que nos deparará e chegamos a sentir que estamos de novo na casiña de saída.

Si, o Nadal é tempo de contradicións entre o antes que xa é pasado e o futuro que vai ser presente. E sentimos euforia pero tamén morriña; sentimos infancia pero tamén adultez ou vellez; sentimos compañía pero tamén soidade; sentimos a familia pero tamén botamos en falla aos que xa non están e que tanta falta nos fan. O Nadal, é así … alegre pero moi nostálxico.

O Nadal ten de bo que nos impregna de humanidade e anhelamos o mellor para todos e todas, desexamos que haxa boa saúde e felicidade para ese novo ano que esperta. Enviamos apertas e parabéns agarimosos a todos aos nosos seres máis achegados e amizades para facerlles ver que forman parte de nós, da nosa vida e que os precisamos.

Tamén pensamos na pobreza do mundo e dános reparo tanta desigualdade e inxustiza o que nos empurra a ser comedidos no noso privilexio. Pensamos no desexo de paz para o mundo enteiro, un reto que segue a perpetuarse ano a tras ano, pois esa paz … esa paz faise de rogar.

Talvez o Nadal sexa ese tempo no que queremos pechar un pouco os ollos e ser como os nenos pequenos que cren na fantasía. Un tempo de crernos felices, de sentir os reencontros; sentir esas cores, esas luces escintilantes, eses olores, eses sons e calores do fogar. Uns días que aínda que parezan fin e comezo dun tempo próspero nós somos conscientes de que as cousas non se paralizan e todo vai proseguir paseniñamente, e pedimos con toda a nosa alma, que, por favor, non se nos vaia ninguén, que sigamos todos xuntos pois sabemos que é o principal agasallo xa que nos achega esa calor humana que tanto precisamos.

Así pois deséxolles, de corazón, un comedido e Feliz Nadal, e que ningún de nós nos esquezamos das persoas que padecen, dos que viven a soidade, dos e das dependentes que sofren, dos nosos maiores que son a nosa raíz, das mulleres vítimas de maltrato, dos que viven con dificultades. Non nos esquezamos de que as guerras non son solución de nada e que temos as palabras e o corazón para entendernos.

Deséxolles un feliz e próspero ano novo e que nos traia un mundo máis xusto.

Unha forte aperta a toda a ourensanía.