A incursión das mulleres ourensás nos estudos de maxisterio foi bastante destacada a partir de 1915 coincidindo coa creación dunha Escola Normal de Mestras en Ourense ad hoc na estrada Villacastín.Vigo, Rúa do Progreso número 15 (Edificio alugado a Don Perfectino Vieitez) . Por fin contaba a cidade cun centro, ex profeso, para as mozas que querían ser mestras pois anteriormente estes estudos tiñan que realizalos no Instituto Provincial e, segundo parecía, o feito de que instituto albergase tantas institucións (Estudos de bacharelato, Escola de Artes e Oficios, Escola Normal, Biblioteca Provincial) creaba múltiples problemas de funcionamento. Pero, tamén é certo que xa non foron poucas as que se matricularon no Instituto para realizar estudos de maxisterio. Comezan os primeiros rexistros en 1909 e contabilizaríanse ata 1912, aproximadamente, cento vinte. Moitas delas farano por libre optando por prepararse en
centros académicos da cidade para despois examinarse no Instituto. A partir, como digo, de 1915 e sobre todo a partir de 1920 a matrícula vai en ascenso continuado igualándose os rexistros de homes e mulleres a finais do primeiro terzo de século.
Eran mozas que proviñan tanto da capital como das aldeas da provincia que buscaban unha oportunidade de mellorar a súa situación social en base ao ascenso que lle sobreviña pola titulación. Pero outra das gratificacións era a cuestión de medro persoal xa que ademais de formarse nunha carreira (neste caso Maxisterio) abríaselles a todas elas un mundo cultural paralelo (aínda que limitado) bastante enriquecedor con conferencias, charlas, cursiños, exposicións, excursións, etc...actos diversos organizados polos diferentes centros académicos ou institucións.
A Normal, unha institución cultural de referencia. Socia procectora do Seminario de Estudos Galegos.
En efecto, a Normal, de partida, era un centro de referencia na cidade e na provinca pois contaba cun cadro docente de elevado nivel, un elenco de profesionais de alta excelencia como Leonor López Pardo (que pertencía ao Instituto de Estudos Gallegos), Concepción Ramón Amat (ligada tamén ao Seminario de Estudos Galegos), Emilio Amor Rolán, Sara Leirós, Araceli Ancochea, Marta Valencia, Felipe Pedreira, (home de Araceli Ancochea), Josefa Rosón, Carmen Pardo Losada (ligada ao Seminario de Estudos Galegos), Jesús Soria, Josefa Segovia, Pilar Martínez Álamo, Emilio Amor, Pío Ramón Oxea (pai de Ben-cho-Shey) e un longo etc...pero, por suposto, Vicente Risco que sempre tivo entre os seus propósitos galeguizar o ensino primario.
(Fonte: El Eco de Galicia, 17 de setembro de 1922, p. 9. Galiciana)
A Normal de Ourense era un grande centro dinamizador tanto dentro da propia institución como fóra dela. Polo tanto, a nosa institución non foi allea aos principios básicos que se defendían no Regulamento das Escolas Normais de 1933 que facía referencia a que a formación dos mestres non debían quedar tan só dentro da Escola, senón que había que contextualizar aos futuros mestres dentro dunha contorna e fomentar a apertura das Escolas Normais ao exterior. Polo tanto, entre as súas actividades principais estaba o de programar conferencias para todos os sábados sobre temas pedagóxicos ou culturais. Destacaron charlas como a impartida polo pedagogo e filólogo (e reformador dos estudos de maxisterio) Rufino Blanco, invitado pola directora Leonor López, pronuciada o 17 de maio de 1918 nunha das aulas do centro. Outra disertación destacada foi a impartida por Ramón Otero Pedrayo na Normal o día 19 de marzo de 1934 e que xiraba entorno a Balzac e a literatura contemporánea. Así mesmo Concepción Ramón Amat cando era directora da Normal impartiu unha conferencia titulada "Sincretismo e educación". Sara Leirós impartiu unha conferencia para os Cursiño de Formación de Maxisterio que se titulou "Jesucristo. Divino Pedagogo". O inspector Maceda, home de Concepción Ramón, tamén foi invitado para dar unha disertación sobre pedagoxía e animou ao alumnado a aprender non só a técnica senón tamén a práctica dos modernos métodos pedagóxicos.
Tamén a Escola Normal contou actividades máis lúdicas e festivas coa participación, por exemplo, de agrupacións musicais como a Tuna Vallisoletana en decembro de 1930. O alumnado tamén tomou a iniciativa de organizar veladas en días sinalados ou para despedir a algún docente, como cando marchou Leonor López Pardo en 1932, nas que había música, representacións teatrais, recitais e corais. O día do libro era outro día a celebrar e neste caso facíano conxuntamente a Normal e o Instituto xunguindo ao alumando dos dous centros. Co gallo dos cursiños de selección profesional impartíanse interesantes conferencias e como non, Vicente Risco era un dos disertadores versando unha das súas exposicións sobre Carácter e síntese da Prehistoria: significación histórica del Renacimiento.
Programaban cursos complementarios para alumando e cidadanía ourensá para xoves e sábado así como anualmente organizaba cursiños teórico-prácticos de perfeccionamento para o alumnado e os docentes e durante doce días había conferencias de temáticas diversas (impartidas polos docentes do centro); charlas sobre organización escolar (estas impartidas por inspectores como Antonia Ortiz); exposicións de traballos manuais; recitais de poesía e excursións didácticas. Un dos cursiños máis completos foi o organizado pola directora Concepción Ramón en maio de 1933. Esta mesma directora foi a promotora do curso que se desenvolveu na Escola Normal para alumnado e xente externa sobre idiomas como inglés, alemán, francés e ESPERANTO no que participaron diversos docentes do centro como Emilio Amor, a propia Concepción e Vicente Risco que impartiu Alemán e Esperanto:
(Fonte: Galicia, 10 de novembro de 1932, p. 1. Galiciana)
As excursións eran actividades programadas co fin de enriquecer os coñecementos do alumnado e, precisamente, a directora Concepción Ramón organizou unha para visitar a zona de Valdeorras (Barco, a Rúa, Trives, Castro Caldelas...) e máis tarde organizou outra a Lugo e A Coruña en abril de 1933 á que acudiron sesenta e dúas alumnas. En abril de 1933 co alumnado de cuarto curso percorreron Allariz, onde visitaron a ponte histórica e profesor Jacinto explicoulles a súa historia, estilo e outros elementos arqueolóxicos. Despois abandonaron Allariz: Allriz histórico...Allariz poético...Allariz místico, dicían e encamiñáronse a Xinzo e pararon en Sandiás e na Lagoa. Continuaron por Maceda e viron o castelo da Pena e desde aí observaron a paisaxe e "las Normalistas como "palomas blancas". O profesor Jacinto leulles unha pasaxe do libro de Marcelo Macías "Aportaciones a la Historia de Galicia". A continuación foron ao mosteiro dos Milagros e alí Araceli interpretou pezas co órgano que "llenaron todo el espacio de armonía en todo el monasterio". En maio de 1934 organizouse outra a Lugo acudindo alumnos e alumnas que foron recibidos e agasallados polos seus compañeiros da Normal de Lugo. Outro evento a destacar foi a homenaxe en Celanova ao escritor Curros Enríquez o dous de maio de 1925 pois asistiu un concurrido número de alumnos e alumnas da Normal en diversos autobuses e turismos sendo recibidos con gratitude polos celanoveses. Todos eles, acompañados das autoridades e banda se música que ía tocando o himno galego, avanzaron polo pobo ata o lugar onde residiu Curros onde depositaron unhas coroas de flores.
(Fonte: Ideal Gallego, 26 de abril de 1933, p. 3. Galiciana)
O alumnado da Normal sempre era moi ben recibido nos diversos certames escolares e era moi corrente que unha representación destes acudise ás celebracións escolares para manifestar o seu apoio e, así mesmo, aprender da práctica. Tamén as alumnas adoitaban a participar en tarefas altruístas como voluntarias cantinas escolares,roupeiros, etc.
Outro costume era a organización de exposicións dos materiais escolares elaborados polos cativos escolares das escolas ou polo alumnado de maxisterio. Estas exposicións facíanse ao final de curso e era de portas abertas. O propio Florentino López Cuevillas destacou nun artigo de prensa que fora visitar unha exposición de traballos escolares na Normal de Ourense e resaltou que había labores de costura; mapas hipsométricos; cadros de pintura; maquetas de castelos, maquetas de apeiros de labranza, pequenos hórreos..Lopez Cuevillas dicía de todo isto: "revela que se enseña a los niños a mirar con ojos atentos para lo que los rodea, y a estudiar y a distinguir los elementos cosntitutivos de su propio ambiente, y que nos demuestra, al propio tiempo que n nuestras aldeas, y luchando por cierto con dificultades de muchos órdenes y con indiferencias incomprensibles, y faltos de los estímulos más necesarios, los maestros y las maestras saben ser fieles a la misión que les está encomendada, y trabajar con inteligencia, con conocimiento y con abnegación ejemplares...". Cuevillas resaltaba que os nenos e nenas debían ter coñecemento da súa terra e aprender a valorala: es seguro que llegará a ser ingeniero, y los demás, los demás que están aprendiendo a conocer su Tierra natal, su tierra gallega, en un aspecto distinto a aquel en que la conocieron sus antepasados, quera Dios que aprendan también a conocer la verdad grande y amorosa que está metida en el corazón de las rosas, de las plantas, de las aguas y del aire del país en que nacieron..." (2)
En definitiva, a Normal de Ourense adquiriu un renome categórico e facía acto de presencia nas celebracións festivas da cidade, como por exemplo, nas conmemoracións da República o 14 de abril. Un día que se aproveitaba para realizar diversas actividades e escoitar as charlas de Vicente Risco.
Pero o centro, obviamente, debía adaptarse aos tempos que corrían e tras o período republicano había que implantar os símbolos do novo réxime. E, en relación a isto, toda a cidade vivíu a xornada de imposición dos crucifixos na Normal e na Graduada. En setembro de 1936 houbo unha grande procesión que percorreu as rúas da cidade e na que se portaban as imaxes para seren repostas, unha na Normal sendo recibida por Vicente Risco e outra na graduada, recibida por Imelda Valdivieso. Foi, como dixo a prensa, unha procesión cívica para "reentronizar o crucifixo na Normal e na Graduada" .
Con todo o dito, quería facer destacar que non pode negarse que a Normal formaba parte da vida da cidade e marcaría unha impronta no alumnado e nos futuros docentes.
Outras institucións que ofertaban actividades para os docentes
O outro centro de referencia da cidade era o Instituto Xeral e Técnico que abrira as súas portas en 1896. Desde os seus inicios exerceron ilustres profesores. As alumnas de maxisterio estudarán ata o ano 1912 pois, a partir desa data, non se permitirían máis matrículas para estes estudos. Pero xa desde os inicios do século comezaron a matricularse
mulleres para estudar o bacharelato e moitas delas acabarían dedicándose á docencia pois a partir de 1931 requiríase para entrar en Maxisterio ter cursado o Bacharelato. Entre os docentes podemos destacar Eduardo Moreno, Eloi Luís André, Marcelo Macías, Salvador Padilla, Antón Losada Diéguez, Antonio Gaite Lloves, etc., e, por suposto, Ramón Otero Pedrayo. Paulatinamente foron incorporándose tamén profesoras como Carmen Lorenzo, Aurora Seijo, María del Patrocinio Armesto...O edificio en si xa era emblemático e nel desenvolvíase unha actividade continua de docencia.
Outras institucións ofrecían ao maxisterio a posibilidade de ampliar os seus coñecementos como a A.T.E.O que organizaban Conferencias pedagóxicas na Casa do Pobo co miras a unha renovación educativa. Algunha delas foi impartida por Manuel Sueiro titulada "Etica y Biología". Tamén outras Asociacións de Mestres dos partidos xudiciais programaban charlas e Certames Pedagóxicos que acababan tendo moita relevancia. Un dos Certames de máis sona foi o de Ribadavia onde disertaron inspectores e docentes da Normal de Ourense.
Os docentes e normalistas podían asociarse á Casa do Mestre da cidade que dispuña dunha ampla biblioteca de pedagoxía con servizo de préstamo; tamén organizaba museos e exposicións periódicas de material escolar, excursións culturais e proxección de cine instrutivo. A Asociación Católica de Mestres organizaba xornadas de convivencia de verán, conferencias, a Semana Luís Vives... A propia Escola Obreira dirixida por Blanca Calvo realizaba numerosos espectáculos teatrais de obras escritas por Blanca Calvo con resaibos galegos.
Como pode observarse, a formación do maxisterio ourensá non era simplemente academicista senón que se complementaba con outros eventos formativos de carácter transversal logrando que o maxisterio ourensán incrementase a súa formación e se enriquecese persoalmente.
A acollida das mulleres no Galeguismo
Dado que a cidade contou cos profesores fundadores da Revista Nós como foron Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo, quería reflectir cal puido ser o seu influxo nos docentes da provincia. Entre o elenco de profesorado que impartía no Instituto, na Normal e nas Academias da cidade había, por suposto, docentes achegados ao galeguismo e á recuperación da identidade galega que realizaron un gran labor a través das súas leccións maxistrais para inculcar ao alumnado ese amor e recoñecemento da Terra.
Por suposto, no rexurdir galego facíase partícipes ás mulleres en xeral por consideralas no mesmo rango que os homes. Aínda que dentro movemento Rexionalista Federalista existían discrepancias sobre a consideración da muller entre Modesto Moyrón e Leiras Pulpeiro, pois para o primeiro a muller era inferior ao home mentres que para Pulpeiro tiñan unhas aptitudes intelectuais superiores, todo foi limando e xa na I Asemblea Nacionalista celebrada en 1918 en Lugo aprobouse a igualdade de dereitos para a muller nos asuntos políticos e reivindicouse a igualdade xurídica da muller casada no caso de emigración do home. En 1919, na II Asemblea celebrada en Santiago, deuse un paso máis concluínte e este foi o recoñecemento da equiparación absoluta, política e civil, da muller co home. Poñendo en práctica estes principios, abríaselle á muller a posibilidade de pertencer ás Irmandades da Fala coa creación da sección A Irmandade Feminina. E o Partido Galeguista tamén contemplou no seu programa o papel da muller e recoñecía a paridade cos homes nos dereitos políticos (pero os civís eran reservados ás casadas no caso de emigración do home).
Non podemos obviar o grande interese que puxo Vicente Risco por Galeguizar as escolas, por galeguizar o ensino. O seu Plan Pedagóxico para a galeguización das Escolas podemos consideralo a demostración máis plausible do sentimento de Risco por Galiza e ese sentimento, segundo se traduce do seu Plan, había que levalo ás escolas. Dicía dos escolantes:
O escolante ha de ser alma da escola. Mais para iso cómpre que o escolante teña espírito, que teña ideal. Cómpren escolantes imbuídos do Ideal de Raza e de Tradición da Terra. Para isto, o primeiro é que os escolantes que rexan as nosas escolas sexan galegos; o segundo que estudien e amen a Galiza.
Un espírito que chegou a sentirse en Bos Aires. Vicente recibiu unha carta da Unión Provincial Orensana asinada por J. Sanchéz e o Secretario Xeral e datada no 3 de febreiro de 1934 na que se pedía a creación en Ourense dunha escola en galego e tamén se indicaba que as docentes ideais para o desempeño nesa escola eran as compoñentes do Grupo Feminino do Partido Galeguista. Así dicía a carta:
Pensando sempre na abnegación e sacrificio da muller galega, permitímonos polo tanto insinuarvos que ningúen mellor que esa comisión de abnegadas e valentes patriotas que preside dona Celia Bouzas, da Peña Rey para poñerse ao fronte da propaganda e administración dun labor deste xeito.
Vicente Risco e Otero Pedrayo non ían ser quen de deixar de lado ás mestras para que exerceran un bo labor en favor da Terra. O papel desempeñado por estes dous grandes eruditos non ía quedar desaproveitado pois, por suposto, moitas mestras manifestaron o seu afecto por Galicia aínda desde postulados tradicionalistas, porque tamén é verdade que esa afección se facía sen atribucións políticas.
Otero Pedrayo foi nomeado profesor do Instituto Xeral e Técnico de Ourense en abril de 1922 ocupando a Cátedra de Xeografía e Historia. Sería noemado director en febreiro de 1928, Cando chegou Otero ao instituto había 246 mulleres matriculadas facendo bacharelato, 75 de xeito oficial e 171 por libre. As que asistían ás clases de forma presencial terían oportunidade de contar como profesor a Otero Pedrayo e, sen dúbida, disfrutarían dos seus discursos impregnados de humanidade e sobre todo cultura. Un home que sempre apostou pola xuventude para que deran continuidade ao labor de culturización e amor á Terra. Durante a súa estancia no Instituto a matrícula feminina foi in crecendo e moitas destas bachilleras acabaron exercendo a docencia pois validaban os estudos e cursaban a maiores na Normal as materias: Nocións de Pedagoxía, Lexislación escolar; Labores e as Prácticas escolares. Non cabe dúbida que Otero Pedrayo, persoa de referencia en Ourense e recoñecido galeguista, deixaría pegada nas mentes do seus alumnado. O seu labor non pasaba desapercibido e centros de estudos da cidade, como o de Concepción Arenal, invitábano a dar conferencias de cultura, arte, xeografía e historia de Galicia para que os mozos e mozas da academia disfrutaran da súa sabiduría. Moitas mestras que se implicaron no galeguismo non se esqueceron das súas leccións. Dixo Rosa do Campo que cando Otero fora a Vigo a impartir unha conferencia ela achegouse para saudalo polo respecto que lle infundía. Tamén Victoria Amor dixo que foi unha honra haber sido alumna del. É ben certo, Otero irradiabla moita familiaridade co seu alumnado, era, como dixo Vicente Risco, unha persoa austeira, modesta e chea de humildade. Tamén se di que era un home cun gran don da palabra, un home tan locuaz que os seus contertulios apenas podían intervir.
Un home centrado en tres grandes amores: á súa nai, á súa muller e á Galiza. A sinxeleza levouno a querer ser enterrado co hábito de franciscano, nun sartego feito da madeira da árbore ("irmán") que plantara seu pai na finca de Trasalva, e coa bandeira galega no peito, posta polo seu benquerido amigo Xocas.
Cando se lle tributou unha homenaxe en abril de 1956 no Instituto que hoxe leva o seu nome a redacción da prensa local dixo: