(Fotografías particulares da familia Peiró do Campo. Prohibida copia)
Mercedes e Rosa non resultan ser descoñecidas na historia de Galicia pois son mencionadas con recorrencia nas publicacións sobre as mulleres vinculadas ao movemento galeguista; tamén en numerosas páxinas web que recompilan a galegas representativas en diferentes campos e, por suposto, en estudos de carácter máis local circunscritos a Ourense xa que as dúas eran naturais desta cidade. Todas estas referencias salientan a súa condición de ourensás pioneiras no compromiso con Galicia, evidenciado nos discursos e escritos que se publicaron en A Nosa Terra entre 1933 e 1936 e no liderado do Grupo de mulleres galeguistas de Ourense. Pero seguía a ser unha incógnita todo o referido á vida familiar e á traxectoria profesional das irmás do Campo.
Mercedes do Campo de la Fuente foi a Secretaria do inédito Grupo Feminino do Partido Galeguista de Ourense que se formou en 1933 converténdose nun referente para que outras mulleres galegas se sumaran na defensa da lingua e da cultura galega. Estamos ante unha muller, unha mestra, que tivo unha intensa proxección pública e unha participación salientable nos eventos e Asembleas do Partido Galeguista onde chegou a pronunciar uns discursos intensos e de fondas convicións sobre o devir da Terra que suscitaron emocionados aplausos e grandes aclamacións por parte do auditorio. Seguindo os seus pasos e o seu exemplo camiñaba a súa irmá Rosa que participou así mesmo neste inédito agrupamento galeguista de mulleres ourensás para logo dar un paso valente emprendendo e dirixindo o Grupo Feminino das Mocidades Galeguistas de Ourense.
O libro que acabo de publicar que se titula "Mercedes e Rosa do Campo de la Fuente. Mestras e comprometidas co galeguismo" editado pola Deputación de Ourense, vén a completar de xeito inédito a lagoa que existía sobre a vida de Mercedes e Rosa do Campo de la Fuente ata conseguir concretar as súas identidades e confirmar que, en efecto, eran irmás (pois o apelido do Campo é moi corrente en Ourense). Este traballo implicou anos de investigación explorando en rexistros, arquivos, hemerotecas, bibliotecas, visitas, entrevistas, consultas a diferentes organismos... que, aínda que os avances eran moi lentos, foron dando pouco a pouco os seus froitos achegando datos que, se nun principio eran desganduxados como pezas dun crebacabezas, logo foron encaixando ata lograr construír as súas biografías, sendo este aspecto o máis singular deste libro que non deixará indiferentes aos lectores.
Sen dúbida, en toda esta xeira o logro máis importante e decisivo foi dar cos descendentes da familia do Campo de la Fuente. No encontro que tiven coas fillas e co fillo de Rosa narráronme as lembranzas da súa nai e da súa tía e grazas a estas testemuñas disipáronse todas as dúbidas e lagoas que eu tiña sobre as nosas protagonistas, permitindo que a historia fose adquirindo unha maior verosimilitude e garantindo que a investigación ía por bo camiño.
(Encontro coa familia. Non se permite copia. Propiedade particular)
(E Luís Peiró estivo tamén con nós, nos nosos corazóns, e compartiu risas e ledicias.
Foto cedida pola súa filla Eva Peiró, neta de Rosa do Campo. Agradézolle, de corazón, este xesto de achegarme esta fotografía pois Luís, aínda que xa non está presente entre nós, formou parte desta marabillosa historia. Non se permite copia.)
Foi un labor arduo dar con algún descendente das irmás do Campo. Partía do coñecemento de que Rosa finara en Vigo e Mercedes en Tui e que unha parte da familia estaba en Cuba polo que pensei que ía ser imposible localizar a algún familiar. Pero quixo o destino que revisara detidamente a biografía que reconstruíra de Rosa e, como pescudara que casara cun valenciano de apelido Peiró, comecei unha intensa busca polos apelidos dos fillos, Peiró de la Fuente. Fun a rexistros, preguntei a persoas que talvez tiñan algún coñecemento sobre esta familia … ata que, finalmente, polo faceboock logrei dar co fillo de Rosa, Manuel Peiró do Campo, que reside en Toledo. Púxenme en contacto con el por medio do messenger, realmente sen moita esperanza de haber acertado, ata que, afortunadamente, obtiven a resposta de Manuel. Confesoume que estaba emocionado e sorprendido pola mensaxe que lle enviara acerca da investigación que estaba realizando sobre as galeguistas ourensás e, sen dubidalo, díxome que toda a familia estaría encantada de poder axudarme a reconstruír a historia da súa nai Rosa e a súa tía Mercedes. Os irmáns viven en diferentes partes de España, Manuel en Toledo, Teresa en Guadalaxara e Corona e Fernanda en Meis pero como nos veráns adoitan xuntarse todos en Galicia quedamos en vernos e coñecernos. Chegado o día toda a familia recibiume e acolleume con moito agarimo e, de seguida, puxémonos a falar embargados pola emoción, e entre todos fomos reconstruíndo a vida destas mulleres pioneiras. Teño que dicir que foi un dos días máis apaixonantes na miña traxectoria investigadora pois estaba a falar cos descendentes de Mercedes e Rosa das que levaba anos pescudando e polas que sentía unha enorme admiración. Estou moi agradecida a toda a familia pola súa axuda, por toda a información que me proporcionaron e polas fotografías que me facilitaron, todos eles conseguiron que as emocións e sentimentos me embargaran na redacción deste libro que quere ser unha homenaxe á súa familia e a todas as mulleres galeguistas.
Como digo no remate do libro, nesta pequena obra, a autora quere quedar velada pois a súa pretensión é que estas dúas mulleres queden na nosa memoria, na memoria do noso Ourense.