RECANTO DE REFLEXIÓNS

08 enero 2023

PURIFICACIÓN PAVÓN MONTES

Naceu en Cudeiro o 24 de decembro de 1910 e era filla de Baldomero Pavón, un rico propietario do lugar. Traballou coa súa tía, Rafaela Rodríguez Placer no Colexio Nacional de Cegos en Madrid, levando a cabo unha serie de métodos innovadores para a ensinanza do Braille.

Consultado o seu expediente académico no Instituto de Ourense este indícanos que Purificación fixo o exame de ingreso o 5 de xuño de 1924, cando tiña 14 anos. Tras superar esta proba matriculouse por libre nos cursos de bacharelato. O primeiro curso realizouno no 1923-24 e finalizou os estudos no curso 1926-27. Destacou nas materias de Lingua Castelá, Latín, Aritmética, Xeografía especial de España, Xeometría, Preceptiva literaria e Francés. O día 20 de xaneiro de 1928 fixo a expedición do Título de Bacharelato e en marzo dese mesmo ano solicitou unha certificación para a Escona Normal de Ourense.

Tras sacar o título de Mestra comezou a exercer en diversas escolas da provincia como na mixta de Alixo, no Barco de Valdeorras. Casou en Cudeiro, na Igrexa de San Pedro, o 27 de decembro de 1930 co avogado de Madrid, Quintiano Negro Monjardín, quen, por certo, sería apresado polos "rojos" durante a guerra civil.  O banquete da voda celebrouse no Hotel Roma da capital.

Tras este periplo polas escolas de Ourense, trasladouse a Madrid e comezou a traballar coa súa tía Rafaela Rodríguez Placer no Colexio Nacional de Cegos. Foi profesora e secretaria do centro. Debeu ser, como a súa tía, unha muller comprometida co traballo. Dicían dela nunha reportaxe do ABC escrito por José de las Casas Pérez que era unha muller que destacaba pola constancia e bondade que "derrochaba" nas súas tarefas. 

O 21 de xullo de 1967 o Director Xeral, José de Diego López asinou unha Resolución da Dirección Xeral de Beneficencia e Obras Sociais pola que se facía público terlle concedido o ingreso na Orde Civil de Beneficencia a Purificación Pavón coa categoría de Cruz de primeira clase e distintivo branco. De tal xeito, que de conformidade co disposto no RD. do 29 de xullo de 1910 e o Decreto do 26 de abril de 1940 e en atención aos méritos de Purificación, Profesora de Ensinanzas Primarias Fundamentais da Organización Nacional de Cegos de España no Colexio "Inmaculada Concepción", de Madrid, o Ministro da Gobernación concedeulle o ingreso na Orde Civil de Beneficencia.

O testimonio que deixou José Vallejo Gómez e que recolleu a prensa da época "Baleares" do 26 de mayo de 1965  reflicte o bo facer de Purificación. José Vallejo tivera de neno meninxite e iso provocoulle a ceguera,a xordeira e a perda da fala. Os seus pais xa pensaban que o seu fillo estaría condeado á desgraza pero, non foi así xa que ingresou aos seis anos no Colexio da O.N.C.E e puido aprender a comunicarse. Lembraba con agarimo as clases de Purificación pois encargouse ela de perfeccionar os estudos iniciais empregando diversos sistemas. Un deles o de mudos, de Ponce de León no que cada postura da man de quen "fala" sobre a do que "escoita" representa unha letra; tamén o mímico e o Braille. José dicía que para ensinarlle a falar coa boca, escribíalle a letra e a lía tactando e logo pronunciábaa oralmente sempre cos dedos na gorxa do profesor para observar as vibracións das cordas bucais e podelas repetir idénticamente. Foi un traballo duro e constante pero conseguiu que José, de maior, puidera desempeñar un traballo e se valese por si mesmo conseguindo un traballo de encuadernador de libros en Braille.

Purificación faleceu en Madrid aos 88 años.

Así que, dúas ourensás, Rafaela e Purificación, foron pioneiras na ensinanza de cegos e xordos e contribuíron á súa integración total na sociedade.

(Elaboración propia a partir de diversas fuentes).

Vid: "Una boda", La Zarpa, 28 de decembro de 1930, p. 12; El Correo Gallego, 31 de outubro de 1939, p. 4; F.Grande Seara, "De lo mucho que la Organización Nacional de Ciegos debe a una familia orensana", La Región, 30 de abril de 1961, p. 11; "La Meninguitis le privó de tres sentidos", Balerares, 26 de maio de 1965, p. 24; BOE, nº 182, 1 de agosto 1967.