RECANTO DE REFLEXIÓNS

16 septiembre 2022

MERCEDES RANDULFE RODRÍGUEZ


Naceu nos Peares e era filla de Vicente Randulfe Salgado que rexentaba as Adegas Las Gallegas en Os Peares. O pai enviuvou prontamente e o matrimonio tiña cinco fillos, Esperanza, Julia, Alfonso, Mercedes e Elisa. 

(Fonte: El Compostelano, 22 de decembro de 1921)

Mercedes titulouse como mestra onde obtivo unhas brillantes cualificacións e e exerceu no Colexio Concepción Arenal de Ourense durante varios anos. 

Casou o 20 de decembro de 1932 na capela da Granxa con Angel Martínez Doval o director da academia do Colexio Concepción Arenal de Ourense. Era perito industrial, un home de grande formación que permaneceu no centro Concepción Arenal ata a súa transformación no Colexio Cisneros onde el e a súa muller compartirían plantel con destacadísimos galeguistas. Este traballo compaxinábao coas clases que impartía na Academia Villar onde daba Física e Química. Fundou unha Residencia de Estudantes chamada Akademos (“educación religiosa y juventud”) que se situaba na rúa do Progreso nº 95, fronte á Alameda do Cruceiro, onde acollía a estudantes internos, pensionistas, medio-pensionistas, vixiados e externos. Tamén foi director no ano 1943 do Colexio-Academia Padre Sarmiento que estaba situado na rúa Irmáns Villar, nº 25, 1º piso destinada a alumnos para recuperar.

(Fonte: La Región, 25 de setembro de 1960, p. 12)

Tamén era o presidente da Irmandade Galeguista de Ourense e en 1932 ocupou o cargo de Vicepresidente do Partido Galeguista ourensán. Era un home preocupado pola “desgaleguización de Galicia” partidario de loitar contra a indiferenza dos propios galegos e defender a emancipación de Galicia. Despois dunha militancia activa no Partido Galeguista e non conforme coa súa deriva política foi un dos escindidos en 1936 xunto con Vicente Risco para formar parte do partido Dereita Galeguista.

O matrimonio tivo seis fillos, Angel Fernando, Manuel, Maruca, Teresa, Francisco Javier, Miguel Ignacio. Moitos deles dedicados á avogacía como Fernando Martínez Randulfe, recoñecido avogado laboralista que exerceu en Vigo. Teresa Martínez Randulfe, que sería embaixadora de Costa Rica e que tamén figura no noso blog. Angel Martínez Doval faleceu en 1988 en Ourense.

A Mercedes en 1932 déronlle destino na escola número 2 de nenas de Entrimo e en 1935 en Santigoso de A Mezquita. Neste ano solicitou unha excedencia por dous anos durante os cales estivo de mestra parvulista no Centro Concepción Arenal da capital. 

(La Región, 20 de xuño de 1935)

Reincorporouse en marzo de 1936 e déronlle, provisionalmente, a escola en Corcoles do concello de Avión. 

Mercedes, estando en excedencia, foi expedientada e apartada do ensino pero solicitou en febreiro de 1937 a reincorporación e, en efecto, ao comprobar que a ausencia da escola fora debido a unha petición de excedencia xustificada volve ser readmitida, concedéndolle a vacante na escola de San Jorge de Touza, Taboadela e logo ao ano seguinte volveu á praza de Avión onde estaría ata 1942, ano no que solicitou unha excedencia ilimitada.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes)
Vid: La Región , 28 de decembro de  1927; 5 de febreiro de 1937; 13 de febreiro de 1937; El pueblo gallego, 20 de xaneiro de 1932 ; 22 de decembro de 1933; 13 de xaneiro de 1935; 8 de marzo de 1936.