RECANTO DE REFLEXIÓNS

28 septiembre 2022

CREACIÓN DAS DÚAS ESCOLAS NORMAIS (DEBATE NA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE EN OUTUBRO DE 1914)


(Fotografía cedida no seu día polo Museo Etnolóxico de Ribadavia )

Xa levo moitos anos traballando nun libro sobre As primeiras mestras ourensás do primeiro terzo de século XX para completar a información do capítulo que lle dediquei a este tema na miña tese. Xa van catrocentas páxinas nas que falo sobre o perfil sociolóxico das mestras; do asociacionismo; das primeiras inspectoras; da Normal de mestras; etc.

E hoxe quería resaltar no blog unha curiosidade que recollo nese futuro libro sobre as mestras. Trátase da Sesión que a Deputación de Ourense lle dedicou á creación das Escolas Normais de mestres e mestras o 16 de outubro de 1914. 

Como saben, os estudos de Maxisterio pasaron aos Institutos a comezos de século XX. Tratábase dunha medida "aforrativa" para o Goberno, non obstante a partir de 1912, polo RD do 12 de xaneiro non podían matricularse máis mulleres nos institutos para realizar os estudos de maxisterio, isto supuxo un forte golpe para as alumnas que chegaron a escribir ao Ministro de Instrución Pública para que lles permitise rematar os cursos no Instituto xa que non podían desprazarse a outra provincia para culminalos. (Esta información, en concreto, poden consultala no libro que escribin sobre a Normal de Mestras).

A continuación transcribo literalmente dita Sesión da Deputación na que se demostra o interese polas Normais como ben para a provincia.




E así foi o debate sobre a creación das Normais. Un tema de sumo interese para cidadanía ourensá de aí que houbese moito público na sesión da Deputación. Un público espectante para que se acordara a creación destas Institucións consideradas de grande interese para Ourense. 

Finalmente, tras a votación a favor de todos os deputados provinciais a Deputación comprometeuse a buscar un edificio para tal finalidade. Este sería o edificio do Progreso número 13 alugado a don Perfectino Vieitez un rendista recoñecido. Houbo que facer obras e acondicionamentos varios e, en 1926, foi ampliado un piso pois precisábase máis espazo. Dita  ampliación foi levada a cabo por Manuel Suárez Castro que por aquel entón era o aparellador do Concello e que logo sería  o alcalde da cidade desgraciadamente fusilado nos inicios da guerra. Así pois, estarían as dúas Normais. a de mestres chamaríase Padre Feijóo e a de mestras Concepción Arenal. Terían horarios diferentes ata que en tempos da República convértese en mixta. Pero todo isto poden lelo no meu libro: A ESCOLA NORMAL DE MESTRAS DE OURENSE (1877-1970). A SUA ORIXE E OS SEUS EMPRAZAMENTOS.

(Nota: Aos centros de formación de mestras e mestros denomínaselles "Normales". Dita denominación procede do francés Ecole Normale que indica Norma, Método, pois eran onde se ensinaban os métodos e didácticas para o ensino.)