RECANTO DE REFLEXIÓNS

25 septiembre 2022

ANA DIÉGUEZ GUTIÉRREZ

Ana Diéguez comezou exercendo de mestra en 1913, primeiro como mestra interina e despois como titular de escola nacional. O seu primeiro destino foi a escola de Laza, en Montederramo e, en 1914, pasou a exercer na escola de Sás de Penelas en Castro Caldelas. Casou con Valentín Martín Pirís e tiveron un fillo que foi sarxento do exército e chamábase Alfredo Martín Diéguez.

En 1940, Ana estaba exercendo na escola de Santiago de Rubiás no concello de Calvos de Randín cando foi sancionada pola Comisión Depuradora, segundo edito de José Núñez Martín do 24 de abril de 1940. A sanción supuxo a suspensión de emprego e soldo por dous anos e traslado forzoso fóra da provincia con prohibición de solicitar cargos vacantes durante o período de cinco anos e a inhabilitación para o exercicio de cargos directivos e de confianza en Institucións culturais e de ensinanza. Así que, Ana foi enviada á Citores del Páramo na provincia de Burgos.

De novo unha mostra máis do asañamento da ditadura contra os docentes. Sen soldo, afastados dos seus lugares de orixe, marcados no seu expediente por ser considerados "rojos".

Vid: El magisterio español : Revista General de la Enseñanza, Número 4066, 13 de febreiro de 1913; El magisterio español, 20 xaneira de 1914; Diario Oficial, 29 de marzo de 1947, p. 1122; La Región, 8 de maio de 1940, p. 3; La Región, 15 de decembro de 1940, p. 1.