RECANTO DE REFLEXIÓNS

07 septiembre 2022

CELIA RODICIO CASAR

Estamos, de  novo, ante unha muller ourensá que realizou estudos superiores nunha época na que as espectativas para as mulleres era a vida doméstica. O feito de querer continuar formándose implicaba unhas aspiracións de ser independente.

Celia naceu en Ourense o 6 de novembro de 1915. Era filla de Celia Casar Olavarrieta procedente dunha familia de militares e de Avelino Rodicio González que era industrial e que foi tenente alcalde da cidade en 1925 renunciando ao cargo en 1928. Avelino faleceu protamente, á idade de 32 anos, en decembro de 1932.

A familia compúñana, ademais dos pais, oito fillos que se chamaban, Esperanza (Sor Esperanza) da Congregación de Irmás da Caridade, Celia, Lourdes, María Teresa, Carmen, María Dolores, José Luís e Antonio que era alférez de infantería da División Azul. A nai, Celia Casar, sacou adiante a todos os fillos tras quedar viúva moi pronto. Ela tivo un protagonismo especial para que as súas fillas estudasen e consequiu, tras enviar escritos á Normal, que fixeran a carreira con matrícula gratuíta. Todas as irmás eran estudiadas e desempeñaron diversos cargos na administración e algunha era mestra.

Aos 11 anos, o 18 de xuño de 1926, realizou o exame de ingreso no Instituto Nacional de Segunda  Ensinanza. Posteriormente matriculouse no Bacharelato elemental, ata 1930, acadando seis sobresalientes destacados nas materias de Elementos de Aritmética, Terminoloxía científica, Francés, Elementos de Xeometría e Deberes Cívicos e éticos do Dereito. 

O 30 de marzo expediu o título de Bachiller elemental. Pero Celia continuou estudando o Bacharelato Universitario, que constaba de dous anos máis, polo que estivo inscrita ata 1933. Aquí o expediente é de sobresaliente en todas as materias con Premio na de Xeografía política e económica; Historia da Civilización española; Historia da Literatura, Ética e Rudimentos do Dereito e Historia Natural. Rematados estes estudos fixo o depósito de Título en agosto de 1933.

(Fonte: AIOP, Expedientes Académicos)

En febreiro de 1935 trasladouse a Girona para ocupar o cargo de Auxiliar de Facenda pero a finais de ano voltou á Ourense para ocupar ese posto na Delegación desta cidade. En 1941 foi ascendida no seu posto profesional e nese mesmo ano, en outubro, casou co capitán de infantería José María Aldamiz Echevarría.

No ano 64 consta que estaba traballando en Pontevedra.

Elaboración propia a partir de fontes diversas e tamén vid: Benso Calvo, Carmen e Cid Galante, Rosa M. "Los expedientes de las estudiantes de bachillerato : una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)" Historia de la Educación, 2007, pp. 430-470. El Pueblo Gallego, 31 de outubro de 1925, p. 1; La Región, 22 de maio de 1928,p 1.