RECANTO DE REFLEXIÓNS

18 junio 2024

GASPARA FELISA PEDREIRA DEIBE

(ENTRADA PUBLICADA EN 2022 PERO FOI RENOVADA CON NOVA INFORMACIÓN FACILITADA POLA FAMILIA) Gaspara Felisa era unha das irmás do culto, intelectual e escritor, Felipe Pedreira Deibe.  Naceu o 6 de xaneiro de 1906 en Cuenca, onde residía a familia xa que seu pai, Leopoldo Pedreira Taibo, estaba exercendo de profesor nesa provincia pero despois a familia regresou a Galicia e asentáronse en A Coruña. Gaspara, sendo mestra veu exercer na nosa provincia onde sería, lamentablemente, depurada na ditadura. Era filla, como digo, de Leopoldo Pedrerira Taibo, catedrático do Instituto Xeral e Técnico de A Coruña, e de Luciana Deibe. Os seus irmáns eran Manuel, Sara, Felipe e Juan Eugenio. 

O pai de Gaspara, Leopoldo Pedreira, natural de A Coruña, era Licenciado e Doutor de Filosofía e Letras pola Universidade de Madrid e exerceu de profesor en varias provincias de España ata que en 1907 veu para a Coruña. Era un home entregado ás letras e á cultura. Colaborou en varios xornais galegos e foi membro da Real Academia Galega. Quedou orfo sendo moi neno e súa nai María Taibo Area (falecida en xuño de 1909) sacouno adiante dando el mostras de grande responsabilidade para os estudos. Nos lugares onde exerceu, La Laguna, Canarias; Baeza, Cuenca, A Coruña...deixou un legado cultural moi recoñecido.

Destacamos dos irmás de Gaspara a Felipe que era profesor de Xeografía na Normal de Ourense, Manuel era profesor auxiliar de Xeografía nun Instituto de Madrid e en 1925 presentouse ás cátedras de Xeografía no Instituto de Pontevedra. En canto a Sara e Eugenio tamén fixeron a carreira de maxisterio.

Felipe Pedreira, ademais de profesor na Normal de Ourense, foi concelleiro no Concello durante a Ditadura de Primo de Rivera. En 1932 solicitou traslado a Lugo pero regresaría a Ourense en 1949 para volver a exercer na Normal de Ourense. Estaba casado con Araceli Anochea Roldán.

Gaspara Felisa criouse nun ambiente familiar moi culto e todos os irmáns realizaron estudos superiores. Ela acadou o título de maxisterio en 1928 na Normal de Santiago e foi de interina á escola de Capela ata que veu destinada á escola de Veigamuíños, no Barco de Valdeorras. Casou en 1934 na igrexa de Vilamartín de Valdeorras co empregado da Casa López Hermanos e logo director do Banco de A Coruña e tamén no da Estrada, Víctor Fernández Álvarez.

(Felipe Pedreira Deibe. Fonte: Fotografía cedida por Leopoldo Pedreira, sobriño de Felipe. Desde aquí quero enviarlle o meu agradecemento pola súa xenerosidade.)

No proceso de depuración de mestres e mestras, Gaspara Felisa, estando na escola de Vegamuíños, foi sancionada o 24 de abril de 1940 coa separación definitiva do servizo e baixa no escalafón. Ela era afín  á Institución Libre de Esinanza e o que ela verdadeiramente reivindicou sempre foi a igualdade na educación e a mellora da educación das nenas dos pobos co aumento do número de escolas. Foi ese o motivo de que a sancionaran. Era unha muller de ideas moi avanzadas e ela máis a súa irmá Sara tiñan un grupo de amigas, entre as que se atopaba a primeira muller notaria, que se reunían para debatir sobre temas diversos de elevado rango intelectual.

Xa antes de que a sancionaran ela estaba quedando sen vista por unha enfermidade que lle deu. Logo de que a botaran da escola tivo que facer fronte a sacar aos seus fillos adiante e para iso contou cunha grande axuda por parte da súa irmá Sara, que tamén era mestra.

En 1956 estaba destinada na escola de Xanza, en Valga. 

(Escola de Xanza, Valga. Fotografía cedida por Leopoldo Pedreira.)
(As fotografías da entrada foron facilitadas por Leopoldo, fillo de Gaspara. Con Gaspara Felisa están seus fillos, un deles é Leopoldo. Desde aquí quero agracerlle encarecidamente a súa xenerosidade. Tamén á miña grande compañeira e amiga Adelaida, que foi a intermediaria.)
(Elaboración propia a partir de diversas fontes).  Vid: El Compostelano,1928 novembro 5; 1928 outubro 24; 1922 setembro 12; 1928 decembro 24; La Región, 8 de maio de 1940, p. 4; Instrucción Pública, y Bellas Artes, Primer escalafón de Maestras de escuelas nacionales existentes en el 31 de diciembre de 1933; Madrid, 1934, p. 23; Magisterio; Wikipedia Leopoldo Pedreira e Felipe Pedreira.; El eco de Galicia, 17 de xuño de 1909, p. 3. Galicia, 28 de febreiro de 1934, p. 6; GONZÁLEZ CATOYRA, Biografías Coruñesas, A Coruña.