RECANTO DE REFLEXIÓNS

19 septiembre 2021

JOSEFA RODRÍGUEZ PARADELA


Josefa Rodríguez Paradela, era mestra e exerceu na escola de Ribeiras do Miño. Ela tamén colaborou na revista nós achegando un conto titulado "Os que chouzan" no que fala da zona de Chouzán, un lugar no que había unha barca para pasar o río Miño. Era unha zona onde había figos que eran apañados e vendidos polas xentes do pobo. Cando lle preguntaban a un de onde era, contestaba dicindo que de Chouzán e pedían descambiar un peso pois xuntaban moita calderiña despois de vender os figos. Cando non había figos que recoller e vender a resposta dos lugareños de Chouzán era outra pois pedían o peso para pan. Quere aclarar a autora no pé de páxina que este costume acontecía noutros pobos como o de Seixalbo de Ourense.

De novo estamos ante un pequeno conto popular, apropiado para a Revista Nós que tiña entre as súas numerosas intencións, plasmar a cultura tradicional galega.

Josefa segundo consta sufriu o proceso de depuración como tantos outros docentes e en decembro de 1937 foi trasladada de escola e inhabilitada para desempeñar cargos directivos (1). A depuración estableceuse no decreto do 8 de novembro de 1936. Anteriormente á publicación do decreto, a purga foi levada a cabo polas autoridades académicas de cada distrito universitario (Inspección), seguindo as directrices da autoridade militar e civil de cada provincia, quen redactaban as primeiras listas de mestres sancionados, para despois facelas públicas en cada un dos B.O.P. Podemos definir esta primeira depuración como unha purga militar, non soamente por ser decidida polos estamentos militares provinciais, senón porque estaba suxeita á lexislación castrense de urxencia. Posteriormente, cando se constitúe o Ministerio de Educación Nacional, a depuración entra nunha segunda fase; a partir deste momento a depuración regúlase por un corpo de leis e normas establecidas como desenvolvemento do Decreto 108, e o control da depuración pasa das mans militares a converterse nunha competencia do Ministerio de Educación.
Moitos mestres e mestras, sen razóns de peso, se viron abocados a sufrir desterros a escolas remotas por parte dunhas autoridades que querían exercer un control férreo sobre ensino para salvagardar o réxime.
A continuación preséntase o conto publicado na Revista Nós no que se salienta a escrita nun galego moi coidado.


Nós, 15 de marzo de 1934, nº 123, p. 57.


(1)El Correo gallego, 1 de decembro de 1937.