RECANTO DE REFLEXIÓNS

09 julio 2017

ANGELES TOVAR MORAIS

Ángeles Tovar naceu en Puente Mayor no 29 de outubro de 1914. Era filla de Enrique Tovar, funcionario do Estado.

Matriculouse no Instituto Xeral e Técnico de Ourense no ano 1926, tras realizar o exame de ingreso do 5 de xuño á idade de 12 anos. Estivo matriculada en cinco cursos, os tres curso de bacharelato elemental e dous cursos de bacharelato universitario realizando os estudos por libre e oficial, concretamente dous por libre e tres por oficial. Obtivo o título cunha cualificación notable expedido o 30 de setembro de 1928 e solicitou o ingreso na Escola Normal de Mestras de Ourense o 3 de agosto de 1932. Era irmá de Dona Amalia Tovar Morais que tamén cursou estudos no Instituto.

Estivo de mestra na escola de San Jorge de Touza e logo na de Vilar de Ordelles en Esgos. 

Estaba casada con Manuel Fernández Quintas, xerente da entidade Herederos de Severo Fernández. Casaron en maio de 1940 e tiveron tres fillos, Juan Manuel, Alfonsito e Ángeles Fernández Tovar (Cuca Tovar) que tamén está neste blog e foi unha destacada activista feminista e militante tamén do Partido Comunista, como tamén o fora a súa nai que foi candidata ao Congreso nas elección de 1979.

Esquela de Juan Manuel
(Fonte: El Pueblo Gallego, 22 de outubro de 1955)

O 1 de marzo de 1979 celebrábanse as eleccións a Cortes e o 3 de abril as municipais. Nos inicios de febreiro de 1979 o Partido Comunista convocou un acto no Ateneo para facer presentación dos seus candidatos. A campaña desenvolveuse en dúas fases e o PC non estaba a favor das eleccións xerais pois non consideraban oportuno o momento da convocatoria pero comprometeuse a dar o máximo esforzo nas dúas campañas (xerais e municipais) unificando a campaña pola proximidade das dúas datas.

O doutor Peña Rey, lider do PC en Ourense, fixo historia do labor desenvolvido polo Partido Comunista a pesar das grandes dificutlades que tivo en Galicia nas anteriores eleccións. Identificouse coa autonomía de Galicia e a loita contra o paro. Referiuse ao problema das coalicións e se opuxo a determinadas restricións impostas polas normas da convocatoria. Amosouse partidario da democratización dos Concellos e a creación inmediata de cartas municipais e resaltou a negativa do PSOE, polo cal o partido foi só, cun programa para ofrecer a todas as forzas democráticas dentro dos Concellos.

Entre os candidatos ao Concregos estaba unha muller e eran Jesús Redondo, Cuca Tovar ( Ánxeles Fernández Tovar, filla de Ángeles Tovar) , Carlos Blas Rodríguez, Xaime Rodríguez Mondejo, Xosé Arias Carballo..

Entre os candidatos ao Senado estaban José Liceras Miranda, María de los Ángeles Tovar Morais (nai de Cuca) e Antonio Rodríguez González.

Logo para as Municipais estaban as seguintes candidatas: Ángeles Tovar Morais; Mercedes Macía Viñas, Aurora Vázquez González e María Dolores Alonso Reverter.

(Elaboración propia a partir de diversas fontes. Consulta hemeroteca vid: El Pueblo Gallego, 6 de febreiro de 1979, p. 16).