RECANTO DE REFLEXIÓNS

28 mayo 2017

PAZ GULÍAS NANTES

Coma sempre, para este blog, é unha honra incluír a mulleres tan relevantes como Dona Paz Gulías Nantes grazas á xenerosidade e permiso do seu fillo Néstor Martín Gulías, catedrático de Debuxo Técnico.

Acláranos don Néstor que a súa nai, Dona Paz Gulías Nantes, naceu en Marín (Pontevedra) pero, desde moi nova, veu vivir a Ourense e aquí casou con Néstor Martín Pardo, catedrático de violín do Conservatorio de Música de Ourense.
Dona Mª Paz Gulias Nantes foi unha pintora e escultora profesional consagrada, con máis de 100 exposicións individuais en España e no estranxeiro. Foi bolseira polo Ministerio de Educación no ano 1959 en Vigo (Pontevedra) e obtivo varios diplomas e premios entre eles:

  • O da Terceira Bienal de escultura de Artistas galegos en 1977 en Sarria (Lugo)
  • Premio de pintura no Liceo casino de Marín (Pontevedra) en 1980
  • Premio do foro cultural de Coyoacán en 1980 de México D. F.
 
Hoxe figuran as súas obras en centros oficiais e museos, por exemplo, no Palacio de Lidia o Retrato da Duquesa de Alba; no Palacio da Zarzuela, o Retrato de S. M. O Rei don Juan Carlos.

Dedicou toda a súa vida á arte da pintura, do debuxo e da escultura sen descanso, compatibilizando o desenvolvemento de toda a súa obra coa docencia no colexio Salesianos de Ourense e nos seus estudos particulares de Oviedo (1992-1994), e máis adiante nas salas de arte particulares de Vigo e Ourense (1995-2002). Mª Paz Gulias Nantes deixou máis de 5000 obras das que existen unhas 1000 catalogadas.
Desde 1959 ata 1996 levou a cabo numerosísimas exposicións e as súas obras están expostas por toda Galicia e no resto de España así como en coleccións particulares no estranxeiro.

Non cabe dúbida que estamos ante unha muller salientable no mundo das artes.Cun estilo pictórico achegado ao impresionismo, de temática variada e rica, de pincelada notable e grosa e de cores vivos e brilantes.Detrás de todo iso hai un gran dominio do debuxo e das técnicas pictóricas. Nas súas esculturas decántase maiormente pola figuración feminina con xestos graciosos e optimistas e onde a cor volve ter protagonismo.

Vid: http://mariapazgulias.blogspot.com.es/2008/10/pintura-al-leo-m-paz-gulias-nantes.html
http://mariapazguliasnantes.blogspot.com.es/